Nos últimos días a Asociación de Viúvas de Lugo e a súa presidenta, Aurora Carro, gañaron unha notoriedade insospeitada, a raíz da denuncia que presentou contra o concelleiro de Culturas da Coruña polo cartel do Entroido no que se representaba unha persoa disfrazada de Papa. As asociacións de viúvas existen dende hai máis de medio século, adquirindo unha grande importancia social durante a ditadura, conformándose en 1969 a Confederación de Asociacións de Viúvas Hispania que unificaba todas as entidades e federacións existentes. Aínda que a súa dimensión pública é menor nas últimas décadas, manteñen unha organización moi estable, xogando a ser un grupo de presión, con demandas ligadas á mellora das pensións, pero tamén cunha axenda moi próxima á Igrexa Católica e ás ideoloxías conservadoras.
No caso concreto de Galicia, Aurora Carro foi unha das fundadoras, hai máis de catro décadas, da Federación Galega de Viúvas, que todos os anos celebra un Congreso Rexional, que nos últimos tempos conta sempre coa presenza dos conselleiros e conselleiras da área de Política Social e, en ocasións, do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Aurora Carro foi durante máis de 30 anos, ademais, presidenta da Asociación Provincial de Estancos, un cargo que abandonou no ano 2008.
"Respectaría as figuras de monxas, sacerdotes, guardias civiles, policías..."
"A min faime graza que estes 'artistas', entre comiñas, non se atrevan a debuxar a Mahoma, como os famosos estes de París. Que medo teñen? Atacan sempre á relixión cristiá, atácannos sempre a nós"
Aurora Carro participou o pasado 19 de febreiro no debate de El Coruñés Opina de Radio Coruña-Cadena Ser, compartindo mesa -entre outros- co concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, ao que denunciara poucos días antes. No encontro, Carro reiterou a súa petición de que o Concello retirase o cartel: "Se a unha parte da cidadanía moléstanos e parécenos unha irreverencia coller a figura do Papa para un cartel do Entroido, é motivo para retiralo e para pedir desculpas". Ademais, cualificou de "falto de imaxinación" ao debuxante "porque mira que hai disfraces para non ter que molestar a ningunha forza relixiosa nin civil". "Eu respectaría as figuras de monxas, sacerdotes, o Papa, gardas civís, policías..., xente que está a prestar un servizo a toda a cidadanía", dixo.
Así mesmo, a presidenta das viúvas lucenses incorreu na xa habitual demanda de que o humor trate tamén ao Islam: "A min faime graza que estes 'artistas', entre comiñas, non se atrevan a debuxar a Mahoma, como os famosos estes de París. Que medo teñen? Atacan sempre á relixión cristiá, atácannos sempre a nós". Carro engadiu que "a Igrexa católica temos un defecto, entre comiñas, que calamos e poñemos a outra fazula como nos ensinou Xesús". "Xa está ben de calar e criticar desde a butaca, que é algo que facemos sempre a Igrexa e tamén a Dereita. Iso facémolo moito, pero despois non somos capaces de facer o que fai a esquerda, que saídes enseguida á rúa", engadiu. Iso si, Carro concluía que "eu perdoo, porque a nosa relixión é perdón e amor. E tampouco condeno, para condenar están os xuíces e arriba Deus".
Unhas ideas que reiteraba hai uns días, de novo na Cadena Ser, instando a José Manuel Sande a pedir desculpas e asegurando que esperaba que isto lle servise de "escarmento". "Polo menos para que outra vez non se meta coa relixión católica”, dixo.
Outro xulgado coruñés rexeitou ter en conta unha denuncia semellante
"Xa está ben de calar e criticar desde a butaca, que é algo que facemos sempre a Igrexa e os de dereitas. Despois non somos capaces de facer o que fai a esquerda, que saídes enseguida á rúa"
O concelleiro de Culturas terá que acudir o vindeiro 17 de abril ao Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, despois de que este tomase en consideración a denuncia presentada por Aurora Carro por unha posible ofensa ás crenzas relixiosas. Porén, este domingo coñeceuse que outro xulgado da cidade (o número 8) optou por arquivar unha denuncia semellante presentada tamén contra o Goberno municipal polo xa famoso cartel do Entroido. O xuíz considerou neste caso que mesmo aínda que a imaxe puidese ser considerada "irreverente" por algunhas persoas, isto non constituiría un delicto.