Chegan as primeiras oposicións da Xunta reservadas a persoas con discapacidade intelectual

Oposicións da Xunta no recinto feiral de Silleda en 2016 © Xunta

Un total de 429 persoas participarán este sábado nas primeiras oposicións da Xunta de Galicia reservadas especificamente para persoas con discapacidade intelectual. Os e as opositoras aspiran a seis prazas na categoría 003 -ordenanza e outras- do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta. Trátase dunha vella demanda das entidades que traballan pola inclusión e a inserción laboral destes colectivos.

Os e as opositoras aspiran a seis prazas na categoría 003 -ordenanza e outras- do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta

Para realizar este proceso, a Consellería de Facenda asinaba o pasado ano un acordo con representantes de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de Down Galicia, para facilitar a entrada deste colectivo na Administración autonómica. Como peculiaridade deste proceso selectivo, con respecto ao resto das oposicións xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública, foi necesaria a colaboración da Consellería de Política Social na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade dos e das aspirantes. 

Para facilitar a adaptación á súa nova contorna laboral, as persoas que resulten seleccionadas levarán a cabo acciones de formación e orientación socio laboral previas ao ingreso, ou no ano de inicio da prestación de servizos na Administración galega. Entre as devanditas actuacións destaca a realización de cursos de formación específicos previos ao ingreso, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio do persoal de FADEMGA. Prestarase tamén apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e á contorna laboral dos traballadores con discapacidade intelectual. Ademais, levarase a cabo un seguimento do desempeño da actividade laboral que incluirá formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais para este colectivo.

Trátase dunha vella demanda das entidades que traballan pola inclusión e a inserción laboral destes colectivos

A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual constitúe unha das principais reivindicacións de FADEMGA, que destaca que se tratase dun dereito recollido na Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, sendo España uno dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.

"Esperamos que o resto das administracións sigan o mesmo camiño", dicía Juan Martínez, presidente de Down Compostela

De igual, Juan Martínez, presidente de Down Compostela, celebraba o pasado 20 de marzo, na véspera do Día Mundial da Síndrome de Down, a decisición adoptada pola Xunta, seguindo os pasos -entre outras administracións- da Deputación de Pontevedra. "Habitualmente, o 10% das prazas reservábanse xa para persoas con discapacidade. Pero nós sempre pedimos que unha parte se reserve para persoas con discapacidade intelectual, que doutro xeito estarían en desvantaxe coas persoas con discapacidade física ou sensorial", explicaba en conversa con Praza. "Esperamos que o resto das administracións sigan o mesmo camiño", concluía.

Oposicións da Xunta no recinto feiral de Silleda en 2016 © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.