A familia de Couso reclama xustiza e denuncia o "desprezo e traizón" das institucións

O alcalde de Ferrol intervén na homenaxe a José Couso © Concello de Ferrol

José Couso, asasinado hai 14 anos en Iraq tras os disparos do exército dos Estados Unidos ao hotel onde se aloxaba mentres cubría o conflito para Telecinco, volveu ser homenaxeado este domingo en Madrid. Diante da Embaixada estadounidense, a familia volveu reclamar "xustiza" logo de anos de "cambadelas" por parte dos diferentes gobernos e fiscalías. Ante un cento de persoas, David Couso, irmán do cámara galego, denunciou tamén o "desprezo e traizón" das institucións, non só ao asasinado "senón a todos os españois". 

A familia de Couso denuncia as "cambadelas" de gobernos e fiscalías e o "desprezo e traizón" das institucións "a todos os españois"

Baixo o lema 14 años con Couso, investigación y justicia, a mobilización servir para advertir que a familia "non perde a esperanza" e que seguirá na rúa para "defender a liberdade de expresión e conseguir xustiza". David Couso, tal e como se fixera o sábado en Ferrol, atacou tamén o ex-presidente do Goberno central, José María Aznar, por ter "desprezado" as vítimas da guerra de Iraq e todas as persoas que dicían "non á guerra". "Pódese matar xornalistas gratis con tal de non enfadar os aliados", dixo. "Morreu cruelmente asasinado nun acto de guerra", engadiu. 

"Quen nos diría que segue habendo persoas orgullosas de saír na foto dos Azores", asegurara este sábado en Ferrol Quico Permuy, tío do cámara galego. Na homenaxe que se lle rende cada ano na praza que leva o seu nome, a súa familia censurou tamén aqueles que "desprezan miles de persoas que se manifestaron contra a guerra", en clara alusión tamén a  Aznar, que nunha entrevista televisiva nesta semana amosábase orgulloso de ter apoiado a intervención militar e da famosa foto que, dixo, "repetiría cen mil veces". 

A familia de Couso lembra que Aznar "apoiou unha invasión ilegal baseada en mentiras"

Permuy, durante un emotivo acto, referiuse a Aznar -sen citalo- para definilo como "un mandatario que marchou de rositas malia apoiar unha invasión ilegal baseada en mentiras", ademais de cargar tamén contra os "submisos, cómplices, os ben pagados" e contra "este Goberno e os anteriores". Unha vez máis, a familia do camarógrafo ferrolán asasinado denunciou a reforma do Goberno de Rajoy pola que se suprimiu a xurisdición universal, impedindo que a Audiencia Nacional continuase investigando o crime e buscando xustiza para Couso.

Con aquela mudanza lexislativa, aprobada pola maioría absoluta do PP en 2014, acabouse coa posibilidade de preseguir xudicialmente desde España delitos internacionais como crimes de guerra cometidos contra cidadáns españois fóra do Estado, como é o caso de José Couso. Esta reforma provocou o arquivo do seu caso nas Audiencia Nacional. Agora, a a familia do ferrolán reclama ao Congreso derrogar a devandita reforma, esixindo así "investigación e xustiza" nun acto que contou coa presenza do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.  

A reforma de Rajoy acabou coa xustiza universal e a posibilidade de investigar crimes contra cidadáns españois fóra do Estado

Con todo, advertiron que seguirán nesta "pelexa longa" e que non lles "preocupa" ter que continuar, mesmo aludindo á loita que desde hai décadas manteñen as Madres de la Plaza de Mayo na Arxentina. "A utopía está no horizonte", engadiu parafraseando ao escritor Eduardo Galeano.  

Homenaxe a José Couso en Ferrol © Concello de Ferrol
Concentración ante a Embaixada dos EUA en Madrid Dominio Público @HACJoseCouso

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.