O pleno municipal da Coruña aprobou este luns unha moción que fai fincapé na necesidade de que os poderes públicos defendan "o dereito popular á irreverencia" que ten "de xeito especial a festa do Carnaval, manifestación cidadá que tratou de ser invisibilizada e perseguida durante décadas moi escuras e represivas da historia do Estado español". O texto, presentado pola Marea Atlántica, foi apoiado por PSdeG-PSOE e BNG, mentres que o PP se abstivo, sinalando que a imaxe denunciada ofendeu "a máis de tres mil persoas que asinaron contra o cartel". A proposta amosa o "apoio público e solidariedade" ao concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que deberá acudir ao xulgado o vindeiro luns 17 de abril por mor do cartaz do Entroido denunciado por unha suposta ofensa aos sentimentos relixiosos.
A moción alerta de que "nos últimos tempos no Estado español véñense detectando numerosos acontecementos que deixan patente as eivas no que atinxe ao respecto da liberdade de expresión en todas as súas variantes"
A moción alerta de que "nos últimos tempos no Estado español véñense detectando numerosos acontecementos que deixan patente as eivas no que atinxe ao respecto da liberdade de expresión en todas as súas variantes". Uns feitos, afirmou o alcalde Xulio Ferreiro, "que serían caricaturescos se non fosen sintomáticos dun déficit". No seu texto, a Marea Atlántica amosa o seu apoio ao debuxante do cartel denunciado -Alberto Guitián- e lembra que "o citado cartaz non ten vontade de ofensa xa que simplemente reproduce un disfrace habitual do Entroido coruñés, dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza esta festa, un argumento que foi compartido publicamente por numerosos veciños e veciñas participantes en comparsas de Entroido".
A proposta fai fincapé no "dereito á irreverencia" que de xeito especial ten o Entroido
A proposta, defendida polo propio rexedor, fai fincapé no "dereito á irreverencia" que de xeito especial ten o Entroido, "unha festa de todos e todas, colectiva e marcada pola irreverencia e a crítica aos poderes establecidos dende a retranca e o pracer". E subliña que "os poderes públicos deben tamén aceptar o dereito á crítica, sempre dende o respecto, habitual na festa do Carnaval, Unha crítica que vai dirixida a todas as administracións públicas –entre elas o propio Concello- ou aos poderes historicamente establecidos no imaxinario da xente, nalgúns casos a pesar do carácter aconfesional do Estado".
A moción aprobada insta ao Concello a "manifestar de forma pública o seu apoio e respecto polas entidades, asociacións e comparsas que durante décadas fixeron posible a festa do Entroido da Coruña" e reclama o compromiso "coa defensa pública da liberdade de expresión dos e das creadoras locais no ámbito artístico". Ademais, demándalle ao Goberno central a modificación das normas lexislativas que atentan contra a liberdade de expresión e de reunión pacífica. E, finalmente, manifesta tamén o seu apoio público e solidariedade con todas aquelas persoas ou entidades cuxos dereitos e liberdades están a ser cuestionadas por estes motivos.