Este xoves 13 de abril activarase o período de perigo alto de incendios declarado pola Consellería de Medio Rural. Todos os anos, en función das condicións climatolóxicas, a Xunta decreta un período de alta actividade incendiaria fixo no verán (normalmente dende o 1 de xullo ao 30 de setembro) e outro variable noutros momentos do ano. A declaración, con todo, non foi aínda publicada oficialmente nin na web da consellaría nin no DOG e tanto traballadores coma sindicatos souberon dela a travén dun e-mail remitido polo Goberno galego.
O período de perigo alto implica unha serie de precaucións (prohibición de queimas, limitacións de acceso a certos lugares considerados de alto risco...), pero non levará á contratación de todo o persoal dispoñible do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural. É por iso que a CIG esixe a incorporación inmediata do denominado oficialmente Persoal de reforzo para os períodos de alto risco, un amplo grupo de traballadores que só son contratados durante o verán ("tres meses na brasa e nove na casa", adóitase dicir) e que a pesar de entrarmos nun período de alto risco non comezarán a traballar.
Trátase dunha vella demanda de asociacións profesionais e sindicatos coma a CIG, que piden que este grupo de traballadores pasen a estar contratados nove meses ao ano. Búscase por unha banda mellorar o actual servizo de loita contra o lume e, pola outra, as propias condicións laborais deste persoal, que na actualidade queda fóra dos convenios colectivos, "nunha certa situación de alegalidade", explica Raúl Vázquez Mérens (CIG). Vázquez explica que esta medida é aínda máis necesaria e xustificada "dende que a propia lei de protección civil inclúe o SPDCIF dentro dos dispositivos de emerxencias", unha norma que incorpora máis funcións para este colectivo e que, sobre todo, desestacionaliza a súa actividade.
"Estase demostrando que arde igual no verán que no inverno. Ao igual que hai unha desestacionalización dos lumes, ten que haber unha desestacionalización dos contratos", di Raúl Vázquez. O representante da CIG explica que este servizo reforzado melloraría a súa capacidade para loitar contra os incendios de interface (os que se producen preto das casas) e axudaría á realización dunha auténtica política de prevención contra o lume. “É escandalosa a ausencia dun plan de prevención. O único que temos, o Pladiga, preséntase xa a finais de maio, unha mostra de que non sei fai moita prevención. É coma cando no boxeo un se prepara para encaixar. Non damos saído de aí", conclúe.
O período de Perigo Alto
A Memoria 2016 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) establece que na época de Perigo Alto "o despregue dos medios de extinción e alerta deberán ser os máximos, en función da avaliación do risco e a vulnerabilidade". Neste tempo estará prohibida a realización de queimas e, de feito, o persoal do SPDCIF "ao detectar queimas tomará nota do nome da persoa, lugar, hora para que con estes datos se efectúe a correspondente denuncia".
Así mesmo, en función do Índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) "queda condicionado o acceso, circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos forestais incluídos nas zonas de alto risco de incendio, nas áreas forestais ou naturais xestionadas pola Xunta e nas áreas onde exista sinalización correspondente á limitación de actividades". Se o IRDI é Moi Alto ou Extremo (este luns só acadaban este nivel un par de zonas moi concretas na provincia ourensá) "non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior as áreas referidas anteriormente, así como nos camiños forestais, rurais e outras vías que atravesan".
Incendios na últimas semanas
Este inverno arderon 400 hectáreas en Galicia, sobre todo na provincia de Ourense e sobre todo entre o 9 e o 21 de marzo, cando os incendios queimaron máis de 300 desas hectáreas de terreo. A actividade do lume intensificouse nos últimos días: un incendio en Lobios, parroquia de Grou, controlado esta mesma noite, arrasou unhas 150 hectáreas de monte raso; e outro no Irixo, extinguido o domingo, queimou unhas 70 hectáreas.