Este ano A Coruña celebrou dúas veces o Entroido. Fíxoo o pasado mes de febreiro, cando tocaba, e fíxoo de novo este luns. A comparecencia nos xulgados do edil de Culturas, José Manuel Sande, para responder á denuncia presentada pola Asociación de Viúvas de Lugo por un suposto delito de ofensa aos sentimentos relixiosos converteuse nunha auténtica festa, con comparsas, disfraces (de cardeais, monxas, bispos, bispas e Papas) e cancións. Unha pechada defensa do Entroido, da liberdade de expresión e do dereito á irreverencia, en liña coa moción aprobada a pasada semana polo pleno municipal cos votos a favor de todos os grupos agás do PP.
O pasado 24 de marzo coñecíase a imputación de Sande polos carteis do Entroido nos que o ilustrador Alberto Guitián debuxou un clásico choqueiro coruñés disfrazado de Papa (mesmo cun Papamóbil de cartón). A imaxe foi criticada por colectivos católicos (mesmo polo Arcebispado de Compostela) e motivou dúas denuncias xudiciais. Unha foi desestimada polo Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, sinalando o maxistrado que os feitos non constituirían en ningún caso un delito, mesmo aínda que a imaxe puidese ser considerada "irreverente" por algunhas persoas. Mais o Xulgado de Instrución número 3 da cidade si chamou a declarar o edil de Culturas en calidade de investigado (antiga imputación).
Sande foi recibido ás portas dos Xulgados por unhas 200 persoas, moitas delas disfrazadas, e con berros de "Entroido si, tristes non" e "Liberdade de expresión". Entre os e as asistentes á concentración estaban boa parte dos concelleiros do Goberno municipal coruñés, e un gran número de deputados e deputadas de En Marea, tanto no Congreso coma no Parlamento galego. O alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, acompañou a José Manuel Sande ao interior dos Xulgados.
Antes de entrar, o edil de Culturas destacou que no cartel "non houbo ningún ánimo de ofensa" e explicou que a ilustración insírese "dentro da irreverencia que ten, tradicionalmente, a festa do Entroido". “Esta citación non cambia a nosa actitude. Este Goberno vai seguir facendo contratacións artísticas, a nosa cidade vai seguir sendo un lugar referente de excelencia no mundo gráfico e os carteis seguirán sendo de autor”, engadiu. O concelleiro, que se amosou "satisfeito" á saída da súa comparecencia ante o xuíz, concluíu que "este Goberno local non ten ningún tipo de espírito anticlerical ou de ofensa, o único que defende é a necesaria separación das institucións públicas e os estamentos da igrexa”.
Porén, Sande foi máis aló e fixo fincapé na necesidade de defender "a liberdade de expresión" e a "liberdade artística”. Neste senso, cualificou este proceso xudicial de "anecdótico" pero afirmou que "podemos aproveitar o seu simbolismo para defender as liberdades e para defender que non se ameace algo tan fermoso e tan sinxelo como é o Entroido”. “Vendo a ameaza e os elementos inquietantes que, a escala estatal, está habendo sobre certas liberdades, cuestións que críamos superadas por extemporáneas, faise necesario involucrármonos e comprometernos. É necesario mobilizarse polas liberdades, e o compromiso e implicación de todas as persoas témolo aquí”, subliñou. "Estamos vivindo un clima que permite a intromisión a determinadas liberdades que son sagradas; se se necesitan batallas culturais imos libralas coa forza da razón”. engadiu.
A declaración do concelleiro ante o xuíz tivo unha duración duns 20 minutos. A espera dos e das concentradas foi amenizada con cancións, dende o tradicional Miudiño ata unha copla choqueira composta especialmente para a ocasión e que relataba o conflito vivido ao redor do denunciado cartel. Terrazas cheas, sol primaveral e un ambiente de festa que contribuía á sensación de estarmos, de novo, en pleno Entroido. Un Entroido que a pasada semana foi declarado polo Ministerio de Cultura como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial, destacando o decreto do Goberno central que la festa “maniféstase tanto nos valores relacionados coa diversión, a catarse, o ocio e mesmo a relixión, como na súa capacidade de expresión identitaria para moitos colectivos”.