Carlos Callón: "As mareas e o BNG teñen que estar á altura ante a encrucillada que vive o galego"

Carlos Callón © Susete

O profesor e ex-presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, presenta estes días a súa nova obra, Galegocalantes e galegofalantes, publicada por Edicións Xerais, que resume o que lle ten acontecido á lingua galega desde que o PP retomou o poder autonómico en 2009 e continúa unha serie de libros-ensaio sobre o idioma iniciada en 2010 con En castelán non hai problema. O autor insta a abrir "o debate social" sobre o galego, que sitúa nunha "encrucillada" e nun momento chave que precisa dunha maior implicación da cidadanía pero, tamén, daquelas administracións non gobernadas polo PP e onde a sensibilidade a prol da lingua xa se presupón. Pide máis e, aínda advertindo dos riscos para o idioma, mantén o optimismo. 

Reclama reavivar o debate social sobre o galego. Arrefriouse?

Xa no comezo do mandato de Núñez Feijóo advertiamos que, logo da política agresiva, a Xunta pasaría a unha política de consolidación dos retrocesos, unha especie de pax lingüística coa que se pretende manter as prácticas lesivas, con mormativas sen parangón no Estado ou en Europa, e ao mesmo tempo neutralizar a contestación social. Por iso, ante isto, é moi importante que todas aquelas persoas que sintan paixón polo galego participemos nas diferentes iniciativas que se realizan para reivindicalo e impulsalo. 

"As manifestacións en defensa do galego foron das maiores da historia democrática de Galicia; o PP sorprendeuse daquela resposta"

A forte crise económica, as protestas noutros ámbitos... Influíron na caída da mobilización contra a política lingüística do Goberno galego?

Non creo que influíse a crise. As manifestacións en defensa do galego, nomeadamente as de 2009 e 2010, foron das maiores mobilizacións da historia democrática de Galicia. Ademais, algúns dos paros no ensino foron moi superiores a outros que se poden considerar máis materiais, por dicilo dalgún xeito, e toda esta mobilización mesmo sorprendeu ao PP nun principio. Non esquezamos que nalgúns dos informes internos do partido que se filtraran daquela recoñecíase a sorpresa ante tan masiva mobilización social e que non contaban con iso, non esperaban que tanto galegofalantes como galegocalantes se mobilizasen en defensa da lingua galega. 

Pero non parece haber agora a mesma mobilización...

Continúa a haber certa presión e é evidente que hai máis demanda que oferta de galego, pero é necesario reavivar o debate, tanto desde a base social como amplificando e apoiando as diferentes iniciativas que se leven a cabo, como por exemplo a ILP que impulsa A Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, temos que intentar conseguir que aquelas institucións que non están nas gadoupas do PP tamén se activen, que desenvolvan unhas políticas de uso pleno do galego pero tamén de expansión e activación. 

"O futuro do galego está nos galegocalantes, nos que aman a lingua pero que, polas razóns que sexan, non a utilizan"

Son aí claves os galegocalantes, aqueles que, malia non usar acotío o galego, defenden o seu impulso?

Por suposto. O futuro do galego está nos galegocalantes, naqueles que aman a lingua, que poden utilizala pero que, polas razóns que sexan, non a utilizan, ben for polo prexuízo social ou polos miles de tópicos que a arrodean... Porque segue a habelos e só fai falta ver esa conversa que se reproduciu en Twitter... Como en 2017 pode haber prexuízos deste tipo, con iso de "las chicas guapas no hablan gallego". Pois aí están e están sendo alimentados tamén polas institucions que os fomentan, pero tamén polas que non fan o suficiente para erradicalos. Lembremos que aquí houbo un Goberno que vetou o galego para impartir materias científicas. 

"A forma máis efectiva de rachar cos prexuízos é o uso e acceso á cultura e ao galego. O mellor que podemos facer é facer"

Aquela campaña de 2009 e aquelas primeiras medidas, foron tan prexudiciais á hora de fomentar máis prexuízos sobre o galego?

Foi importante a nivel de discurso, pero os prexuízos sempre se autoconfirman agás que teñas maneira de certificar o contrario na realidade. Non hai moito, aos meus alumnos lembreilles que en 1941 ditárase unha norma que prohibía dobrar os filmes ao galego e un deles preguntoume que se aínda estaba vixente. E non o está, pero como se o estivese. Non hai filme ningún dobrado ao galego e iso fomenta o prexuízo. Se ves que non podes acceder á ciencia en galego na escola, se non hai manual ningún en galego nas autoescolas, se non es capaz de escoitar música en galego... Todo inflúe e crea prexuízos. En 3º da ESO houbo outro grupo de alumnos que me recoñeceu, ao poñerlles un vídeo, que era a primeira vez que vían un grupo de xente nova cantando en galego. Así que, a forma máis efectiva de rachar cos prexuízos é o uso e acceso á cultura e ao galego. O mellor que podemos facer é facer. 

No libro fala mesmo de certas expresións nos medios moi polémicas. 

Poño exemplos de titulares nos que se especifica e detalla que dous ladróns que actuaron en Galicia "hablaban gallego". Fago un chamamento a que os medios non publiquen este tipo de frases, que se autorregulen, pero tamén debe acelo a fonte. A policía continúa a enviar comunicados con estas expresións, fomentando visións galegófobas e iso non é tolerable. 

"O mérito do galego é que aínda estea vivo"

O Consello de Europa critica con dureza a política lingüística da Xunta, os datos amosan un descenso no uso do galego... Hai algunha solución de non mudar os gobernos da Xunta e do Estado?

Non hai dúbidas de que é algo clave; o Goberno central e o galego son instituciós fundamentais que non empregan nin fomentan o galego como idioma oficial e ese é o principal problema que temos. Pero tamén é certo que podemos manter o facho da esperanza a través do uso. Non  hai maior defensa da nosa lingua que usala. Se fosemos mirar a nivel matemático as posibilidades de uso, o mérito do galego é que aínda estea vivo. Non se estrean filmes en galego, non queda un só xornal en papel diario en galego, na USC hai carreiras onde o idioma só se usa nun 3% das aulas... E así e todo, segue vivo. Pero tamén quero subliñar a responsabilidade daquelas administracións onde non goberna o PP e non se fai o suficiente.

Por que?

Falo do PSOE, por exemplo, porque é grave que Abel Caballero non empregue o galego de forma oficial no Concello de Vigo, pero tamén das mareas ou do BNG, que deberían ter unha postura máis activa e facer tamén políticas expansivas para o idioma. Teñen que estar á altura do momento de encrucillada na que se atopa o galego na actualidade, momento no que a maioría de informes advirten que é a única lingua do Estado que perde falantes. 

"É moi grave que Caballero non empregue o galego de forma oficial, pero BNG e as mareas tamén teñen que estar á altura da encrucillada na que se atopa o galego"

En moitas partes de Galicia, nomeadamente nas cidades, lograr escolarizar un neno en galego en Educación Infantil é case imposible.

Porque hai unha falsa escolla. Es libre de escoller lingua sempre que escollas o castelán. Non podes educar os máis pequenos en galego. 

E que se fai ante esta anomalía?

Reivindicar o ensino en galego e intentar acceder ao galego a través da música, do cinema... Pode ser que máis adiante eses nenos que van perdendo o galego nesas escolas recuperen a lingua, tal e como fixeron Castelao ou Rosalía. 

E no resto de ámbitos onde se bota en falta o galego?

Non hai mellor defensa dunha lingua que o seu uso. Hai que usar, escoller e solicitar, estes son os tres verbos principais. Debemos usar a lingua, escollela cando se nos dea a opción e logo solicitala alí onde estea excluída. Isto non significa enfadarse nin berrar, en absoluto. Preguntemos por que non hai a opción en galego; ás veces atenderannos, outras non e outras comprobaremos como a situación muda. 

Con todo, é optimista respecto do futuro do galego?

Se non fose optimista non estaríai presentando este libro. Hai que ser pesimista de razón e optimista de vontade. A situación da lingua é obxectivamente mala; hai perda de falantes e exclusión e, de non lograr reverter isto, o idioma podería converterse en residual. Adína así, xa comprobamos como outras linguas en peor situación cá nosa lograron revitalizarse. 

"Non son só Euskadi e Catalunya; hai outras comunidades con lingua propia a onde as administracións galegas poderían mirar"

Aludir aos modelos vasco e catalán adoita provocar polémica... 

Hai moitos modelos. Os máis propios e lóxicos a atender, con todas as súas características propias, son o do vasco e o do catalán, pero os seus casos demostran que as linguas conseguen recuperarse, sobre todo, cun proceso de recuperación do poder político, q,ue é un elemento chave. Pero non son xa Euskadi e Catalunya, porque se imos ver o que se fai noutras comunidades autónomas con lingua propia pero sen consideración de nación, a cousa clama ao ceo... E faise non só a nivel autonómico, senón tamén a nivel municipal. Os nosos concellos sensibles co galego deberían facer o que se fai alí, intentar imitalos: ter unha dotación orzamentaria en condicións, servizos de normalización lingüística que funcionen e unha programación clara á hora de dar os pasas necesarios. As administracións deben servir de motor para o uso do galego a nivel social. Hai moitos exemplos pero tampouco miramos cara a eles e iso é preocupante. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.