Un recurso pedirá este martes o regreso do rapaz compostelán expulsado a Paraguai

Aeroporto internacional de Asunción (Paraguai) CC-BY-SA FF MM

Daniel Vera Martínez, un mozo compostelán de 19 anos que chegara aos 5 dende Paraguai, foi expulsado de España o pasado 26 de novembro. Fora detido catro días antes por residencia ilegal, ao non posuír a nacionalidade española, chegar á maioría de idade e atoparse sen traballo. Este martes terá lugar no Xulgado Contencioso-Administrativo nº 2 de Santiago de Compostela a vista dun recurso presentado pola súa familia e o colectivo paraguaio Paraguay Resiste contra esta expulsión express. O mozo, que agora se atopa en Paraguai, estará representado por un procurador.

Daniel Vera Martínez -Danny- levaba 14 anos vivindo en Compostela, onde segue a residir a súa familia máis próxima (a súa nai e un irmán pequeno, nacido xa en Galicia)

A decisión adoptada roza o absurdo, se se ten en conta que Daniel Vera Martínez -Danny- levaba 14 anos vivindo en Compostela, onde segue a residir a súa familia máis próxima (a súa nai e un irmán pequeno, nacido xa en Galicia)Danny foi enviado a Paraguai, onde non ten apenas familiares nin coñecidos, e tivo que se acollido por parentes afastados. O mozo continúa alí, pois o seu expediente de expulsión incluíu unha sanción que lle impide a entrada en España durante os vindeiros cinco anos.

Coincidindo coa vista, o Foro Galego de Inmigración convocou unha concentración ás 10 horas ante os Xulgados de Fontiñas para protestar contra esta "terrible e inxusta situación" e denunciar "a persecución que sofren en xeral  as persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa no Estado e en Galicia, como sucedeu no caso de Danny". Solicitan "a máxima participación da cidadanía neste acto para axudar a reverter a fonda inxustiza cometida".

Miguel Fernández, voceiro do Foro, explica que con este recurso esperan que cando menos sexa anulada a sanción pola que o rapaz ten prohibida a entrada no territorio español

Miguel Fernández, voceiro do Foro, explica que con este recurso esperan que cando menos sexa anulada a sanción pola que o rapaz ten prohibida a entrada no territorio español. "Se conseguimos isto e Danny recibe algunha oferta de traballo podería por fin regresar a Compostela coa súa familia e amigos", di. Por parte do Foro sinalan que "non entendemos o asañamento que supón facer efectiva a expulsión deste rapaz, que podía ter quedado co procedemento de expulsión aquí e coa posibilidade, pola vía de arraigo social, de arranxar a súa situación legal en España"

En novembro, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, pediu a volta do veciño deportado tras reunirse co embaixador do Paraguai en España, daquela de visita en Galicia, ao que lle pediu explicacións. "É unha situación que se escapa do sentido común porque non ten arraigo familiar" no seu país de orixe e debería ter sido tratado "con todos os dereitos que teñen os veciños de Compostela", dixo Noriega, que cualificaba de "inaceptable" a expulsión. "Ás veces énchesenos a boca co que Donald Trump pode chegar a facer, pero casos coma este non nos deixan en bo lugar", insistiu. 

 

Aeroporto internacional de Asunción (Paraguai) CC-BY-SA FF MM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.