Queremos Galego convoca unha manifestación de "unidade a favor da nosa lingua" para o Día das Letras

Presentación da manifestación de Queremos Galego para o Día das Letras deste 2017 CC-BY-SA Queremos Galego

Como xa é case tradición, a plataforma Queremos Galego volve chamar a manifestarse no Día das Letras en Santiago. A "unidade a favor da nosa lingua" para poder empregala "sen límites" será desta volta o argumento central dunha mobilización que, din, pretender "poñer en evidencia os innumerábeis obstáculos para vivirmos en galego con normalidade" e a "exclusión sistemática do idioma na maioría dos espazos".

Segundo o voceiro de Queremos Galego e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, "a sociedade galega é cada vez máis consciente de que a exclusión da súa lingua é a negación do seu dereito a existir con dignidade" e por iso se produce un "aumento da demanda de galego en todos os ámbitos". No entanto, asegura, esa demanda "non só non é atendida, senón que nos últimos anos sufrimos un importante retroceso acelerado por quen ten a obriga do contrario", isto é, a Xunta, asegura.

A protesta deste 17 de maio tentará, segundo Maceira, poñer sobre a mesa "as promesas incumpridas de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia" que levan tres décadas "recollidas no Estatuto e na Lei de Normalización Lingüística". Estas esixencias, unidas á "reacción" contra os "retrocesos" no uso do idioma, van "permitir reverter o proceso de substitución lingüística", mantén. "A garantía de futuro do galego está na forza e na dignidade do pobo galego", resume.

A mobilización do 17 de maio en Santiago porá sobre a mesa a "exclusión sistemática do idioma na maioría dos espazos" e a esixencia de poder empregar o galego "sen límites"

Ao contrario que noutras ocasións, desta volta a mobilización de Queremos Galego pon o foco no ensino, pero tamén noutros ámbitos. "A situación no ensino é indicativa", con medidas como a LOMCE ou o vixente decreto de uso das linguas, pero as reivindicacións sitúanse tamén "en ámbitos como a Administración, a economía ou o laboral". "Así, por exemplo, "curiosamente", a lei de transparencia do Estado "obriga a que Administración que deran importantes pasos cara á normalización, como os concellos, teñan que publicar toda a documentación en castelán".

"Pedímoslle ao señor Feijóo -sintetiza Maceira- que mostre por fin a dignidade que debería ter o seu cargo e corresopnda a dignidade coa que o pobo galego mantén viva a súa lingua". Mentres a Xunta "incumpra a obriga de promover o uso do galego" estará a "mostrar estar tamén en contra da súa propia existencia como Goberno", conclúe.

Cartaz da manifestación de Queremos Galego CC-BY-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.