0 Gardados para despois

Un membro da comisión da hepatite di ante o xuíz que o Sergas tratou os doentes só con criterio médico

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Actuación "correcta" e baseada en "criterios médicos". Esta é a versión que deron as testemuñas que este mércores compareceron nos xulgados polo caso dos tratamentos contra a hepatite C pola que se investiga dous altos cargos da Xunta. Os declarantes adheríronse á versión do Sergas nunha declaración que os denunciantes cren "orientada" pola Administración sanitaria e "lexitimadora da súa política restritiva". 

As testemuñas, incluída un membro da subcomisió, cualificaron de "correcta" e baseada en "criterios médicos" a actuación do Sergas

En sede xudicial declarou este mércores o primeiro dos membros da subcomisión de farmacia que decidía sobre a subministración dos tratamentos contra a hepatite C, así como os xestores que ocupaban, respectivamente, a dirección de Recursos Económicos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Foi un novo paso na causa na que instrúe o xuíz Andrés Lago e na que se investiga o daquela director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial; e a subdirectora de Farmacia, Carolina González-Criado, aos que se lles atribúen delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e prevaricación administrativa. Trátase de aclarar se houbo un atraso ilícito na avaliación de doentes con hepatite C e, xa que logo, na subministración de medicamentos que poderían terlles salvado a vida. A Fiscalía acusara a Xunta de demorar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias". 

As testemuñas seguiron a liña argumental da Xunta e que xa amosaran os dous investigados, así como o propio presidente do Goberno galego ou o conselleiro de Sanidade. En hora e media de declaración -desde as 10.30 até as 12-, "avalaron toda a actuación da subcomisión e as accións posteriores administrativas", tal e como destacou a este diario Quique Costas, voceiro da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C. "Son testemuñas de parte", engadiu sobre os declarantes, que chegaron ao xulgado acompañados dos letrados do Executivo. 

"Son testemuñas de parte; avalaron toda a actuación da subcomisión", din os denunciantes

O director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta, Manuel Pillado, insistiu tras a declaración que as testemuñas "foron tallantes" en soster que "só se tiveron en conta criterios médicos" á hora de conceder estes tratamentos e que "en ningún caso se restrinxiron por razóns orzamentarias ou doutro tipo". Ademais, segundo o representante da Administración, "aclararon que nunca o orzamento foi un factor limitativo no gasto deste tipo de medicamentos" e que "se cursaron todas as peticións". 

Ademais, o médico que formaba parte da subcomisión asegurou que se tiveron en conta "os protocolos sanitarios establecidos" e que "en ningún caso se tentou restrinxir", senón que "se intentou a interpretación máis favorable para o tratamento dos pacientes". O letrado da Xunta declarouse "moi satisfeito" coas declaracións e lembrou que os feitos sucederon "nunha época na que estes medicamentos nin tan sequera estaban autorizados nin comercializados en España" e que, "malia iso, sempre se tramitaron as solicitudes, actuouse sen demora e déronse os tratamentos que os facultativos consideraron necesarios". Para Pillado, son tan "ilustrativas" as declaracións que non será necesario que declaren como testemuñas máis integrantes da subcomisión. 

"Nunca o orzamento foi un factor limitativo no gasto deste tipo de medicamentos", dixeron as testemuñas segundo o letrado da Xunta

Pola contra, Quique Costas asegura que pasou "o esperado" e insistiu en que as declaracións foron "claramente orientadas" desde o Sergas e que "non achegaron nada substancial". "Perdeuse unha oportunidade de deitar luz sobre este asunto", insistiu o voceiro da plataforma, que cre que hai "unha especie de pacto de silencio" para que nada se aclare. "Non se está a colaborar en absoluto a que se faga xustiza e a reparar as vítimas", insistiu. 

"Din que todo se fixo ben, pero está claro que aquí alguén fixo algo mal", declara Costas, que advirte que os responsables económicos declararon que "a súa posición no organigrama non levaba responsabilidade ningunha" e que o membro da subcomisión "mantivo que a actuación do Sergas foi sempre correcta" e que "as actuacións dos dous altos cargos eran actuacións orientadas ao ben dos pacientes".

"Non se está a colaborar en absoluto a que se faga xustiza e a reparar as vítimas", di o portavoz da plataforma de afectados

"Hai uns feitos acreditados na denuncia e na investigación da Fiscalía e, con todo, cada vez que comparece alguén do Sergas, ben directivos ben persoal da subcomisión, a sensación que nos queda é a de que ninguén ten ningunha responsabilidade", rematou Costas, que espera que o xuíz cite a declarar o resto de integrantes da subcomisión de farmacia. 

Ademais, as forzas de orde público contactaron xa coas familias das seis vítimas polas que se abriu a causa xudicial para ofertarlles o exercicio das accións legais que lles corresponden. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.