Os mariñeiros galegos perden o primeiro xuízo en Noruega: unha derrota necesaria para a vitoria

Manifestación dos mariñeiros xubilados de Long Hope © Long Hope

"Nunca esperamos gañar nada en Noruega, este só é un paso máis no noso camiño cara a Estrasburgo". Alberto Paz, voceiro de Long Hope, asociación que agrupa ex-mariñeiros no país nórdico, quítalle ferro a esta primeira derrota nos xulgados que considera unha vía máis para acabar denunciando o Estado noruegués ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). 

"Nunca esperamos gañar nada en Noruega, este só é un paso máis no noso camiño cara a Estrasburgo", advirte Long Hope

Un xulgado de primeira instancia de Oslo vén de darlle a razón a Noruega no proceso civil no que un grupo de afectados -uns 212 mariñeiros e a propia Long Hope- reclama o pago das pensións logo de décadas traballando na mariña mercante daquel país. A demanda presentada polo prestixioso avogado noruegués Øivind Østberg representa a loita dos 12.000 traballadores do mar (case o 70% deles galegos) que traballaron durante anos en buques noruegueses con bandeira norueguesa. 

Até 1994, data na que Noruega se integrou no Espazo Económico Europeo, os mariñeiros foron obrigados por lei a pagar entre o 20% e o 30% do seu salario bruto, pero ao considerar que non residían no país nórdico -malia traballar en buques con bandeira dese Estado- impedíuselles cotizar e, xa que logo, cobrar posteriormente unha pensión que agora reclaman. Serían un total de 520 millóns os achegados ás arcas norueguesas. O Goberno escandinavo argumenta que os traballadores non pagaban as cotas de protección social que daban dereito á pensión, malia que si pagaron impostos elevados cos que se financiaron servizos dos que non gozaron, precisamente, por non ser residentes.

A sentenza argumenta que os mariñeiros non tiñan razóns para agardar unha pensión ao non teren cotizado

A sentenza entende que, ao contrario do que consideran os demandantes, Noruega non incumpriu a súa propia Constitución, nin lexislación laboral nin a Convención de Dereitos Humanos e asegura que os mariñeiros galegos non tiñan razóns para agardar a pensións ao non estaren incluídos na lexislación sobre pensións e non ter cotizado. Os mariñeiros xubilados entenden que sufriron unha discriminación económica que tiña como obxectivo aforrar custos aos armadores, algo que afirman que puido comprobarse no debate que se derivou da reforma legal interna das pensións que no país se levou a cabo nos 60. De feito, ao entrar o Estado nórdico no espazo económico da UE en 1994, a lexislación deixou de aplicarse por ser contraria á normativa europea e á Carta Social Europea, un dos principais argumentos que dá esperanzas aos mariñeiros para confiar nunha vitoria no TEDH. 

A lei que privou os mariñeiros galegos de ter cotizado deixou de aplicarse ao entrar Noruega no Espazo Económico Europeo

Pero para chegar aló, os mariñeiros teñen que esgotar toda a vía xudicial en Noruega, razón pola que xa presentaron recurso a este ditame. De aí, o caso pasará directamente ao Tribunal Supremo noruegués e os prazos non deberían alongarse moito. "A xustiza aló é moito máis rápida que en España", lembra Alberto Paz. Logo, chegará o momento de levar o país nórdico a Estrasburgo. 

"O ditame do xuíz ten máis en conta os intereses económicos de Noruega que as leis vixentes", engade o voceiro de Long Hope, que ve ata lóxico que "unha demanda que apunta a violacións de leis laborais, dos dereitos humanos e da propia Constitución do país se acabe dilucidando nun xulgado de primeira instancia". "Este só é un primeiro paso", insiste quen advirte que "ninguén gaña un xuízo na casa do inimigo". 

Os mariñeiros xa recorreron a sentenza, paso previo ao Supremo e á posterior denuncia ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

A cuestión é que o xuíz deulle a razón ao Estado ao entender que este caso non debía ter acabado nos tribunais, pero logo argumentou a favor del tamén para debullar o asunto, xustificando ter deixado fóra do sistema de pensións un grupo moi numeroso de traballadores. 

En Long Hope, pasado este primeiro trámite, aseguran ter máis ánimo e optimismo que nunca, malia que o camiño cara a Estrasburgo é longo e caro. O destino final poderíase evitar, lembran, se o Goberno español tivese presentando unha demanda interestatal contra Noruega, unha posición que lle esixen os mariñeiros xubilados desde que comezara coas protestas pero ao que Madrid se nega unha e outra vez. "Se eles non teñen valor para levar ao banco dos acusados a un dos países máis ricos do mundo, nós si", retruca Paz, que lembra que no pasado febreiro, o Ministerio de Asuntos Exteriores comprometeuse a tomar medidas no caso de que a demanda non fose aceptada. 

Os afectados, a maioría con máis de 80 anos, van camiño das 80 mobilizacións nos últimos anos

E que farán mentres? "Rúa e máis rúa, seguir mobilizándonos como fixemos durante todos estes anos", advirten desde a asociación, que afrontará o vindeiro día 17 outra manifestación, co que sumarán máis de 70 malia que os seus protagonistas pasan, na maioría dos casos, dos 80 anos. Desta vez será en Alfàs del Pi (Alacant), onde reside a segunda maior colonia de noruegueses fóra do seu país en Europa, cuns perto de 3.000 censados e moitos máis non empadroados. "Explicarémoslles como os trata España a eles e como nos está a tratar o seu Goberno a nós", remata.

Representantes de Long Hope, ante os xulgados de Oslo © XM Carril

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.