Santiago recibe con indiferenza o bus de Hazte Oir

O autobús de Hazte Oir, fronte ao Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Convocaron con poucas horas de antelación aos medios de comunicación nunha gasolineira das aforas de Santiago co argumento de que fan o mesmo en todas as cidades para que as forzas de seguridade os escolten ata o centro para evitar agresións. Pero no seu percorrido desde xoves pola capital galega o autobús tránsfobo e os portavoces da asociación Hazte Oír foron recibidos maioritariamente con indiferenza, tanto das institucións como da cidadanía.

Voceiros do colectivo entregaron escritos no Parlamento e o Concello contra a lei autonómica de igualdade de trato aprobada por unanimidade en 2014, que consideran que adoutrina á infancia

Logo de iniciar a súa polémica ruta en Madrid, onde o autobús foi inmobilizado, o que os obrigou a cambiar de lemas, e pasar a semana pasada por Valladolid, o obxectivo do colectivo en Santiago, segundo dixo o seu voceiro Pablo Santana, é o de denunciar a lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia, aprobada en 2014 por unanimidade e primeira norma dese tipo de todas as comunidades autónomas. Para Santana, a lei galega “busca influír e confundir  sobre a ideoloxía de xénero” o alumnado. “Tamén o PP galego busca adoutrinar os nenos nas escolas”, salientou, e engadiu que “aos nenos pódese confundilos dicíndolles que deben replantexarse a súa sexualidade cando nin sequera teñen seis anos”.

O percorrido deste xoves en Compostela comezou no Parlamento de Galicia, -“las cortes”, como o chegaron a chamar-, e continuou no Concello. O autobús parou brevemente ás portas da Cámara para logo permanecer circulando por distintas rúas da cidade ante a imposibilidade de estacionar ou achegarse á sede municipal da Praza do Obradoiro. Así que os voceiros da asociación tiveron que realizar a pe o seu percorrido, que os levou sucesivamente polos rexistros oficiais do Parlamento e do Concello. En ningunha das dúas institucións foron recibidos por ningún cargo político, malia que aseguraron que escribiran previamente tanto ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, como o alcalde, Martiño Noriega, solicitándolles entrevistas.  O Concello informou de que a Policía Local fixo un seguimento do bus, ao que non deixou entrar no Obradoiro.

A presenza de Hazte Oir en Santiago fixo que diversos colectivos feministas e LGTBI convocasen unha concentración de protesta ás oito da tarde na praza do 8 de marzo

Por parte da cidadanía, a resposta maioritaria foi de similar indiferenza. Só ao seu paso a pe polo Obradoiro os membros de Hazte Oir comezaron a escoitar berros de rexeitamento -“fora transfobia da Galiza”- por parte dunha ducia de mozas e mozos que os seguiu ata o rexistro municipal, onde se incorporaron algúns manifestantes máis mentres dúas parellas de policías vixiaba que o enfrontamento non pasase das verbas. Os propios membros de Hazte Oir pararon nun momento o seu percorrido para que os medios de comunicación puideran obter mellores imaxes dos berros que recibiron. No Obradoiro, algún turista tamén se uniu ao rexeitamento co berro de “fascistas”. A presenza de Hazte Oir en Santiago fixo que diversos colectivos feministas e LGTBI convocasen unha concentración de protesta ás oito da tarde na praza do 8 de marzo.

Un membro do colectivo ultracatólico, co escrito que achegou ao Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.