Silvia García: "Cómpre desfacer moitos estereotipos sobre o rural que están completamente arraigados"

Silvia García, na sesión organizada por PEMAN en Madrid © Universidade de Vigo

Hai anos que Silvia García, decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra traballa nunha liña de investigación centrada na análise dos imaxinarios e estereotipos vinculados á muller en fotografías domésticas e manuais educativos, nomeadamente editados durante o franquismo, pero tamén doutras épocas. Dentro desta liña de traballo, hai uns días ofreceu en Medialab-Prado (Madrid) un obradoiro sobre os estereotipos construídos durante décadas en relación co mundo rural, nunha actividade organizada polo Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns (Peman), que promoven a USC e o colectivo Montenoso. 

"Vin que unha parte da miña investigación e das miñas liñas de traballo podían axudar a explicar certos elementos nesta cuestión. Foi unha sesión moi interesante, primeiro pola posibilidade de cruzar olladas de forma interdisciplinar, dende o ámbito das Belas Artes, da Xeografía, da Arquitectura... Xa só por iso eu tiña a sensación de estar aprendendo. No ámbito académico ás veces temos a sensación de estar cada un no noso recuncho", di. "Puidemos analizar en conxunto como se foron construíndo imaxinarios populares en torno á vida na aldea desde os recursos escolares e os contidos audiovisuais”, sinala.

"Ás persoas que participaron na iniciativa pedinlles que por grupos traballasen sobre como foran recibindo mensaxes sobre a vida na aldea. E moi rapidamente xurdiron algunhas ideas que detectamos con moita frecuencia, coma a separación entre o traballo físico e o intelectual", explica. "A unha rapaza, bióloga, a súa avoa preguntáballe, moi preocupada, se se gañaba a vida coas mans ou non. O estereotipo é que cando as persoas estudan, xa non traballan coas mans. Se chegas a este nivel superior, xa non tes que usar as mans, e consegues ter unhas mans de señorito de cidade", comenta.

"Queríamos atopar espazos intermedios de diálogo entre a cidade e a aldea, conseguir abrir vías que conecten os dous ámbitos, para aproveitar o mellor de cada un"

Silvia García fai fincapé na necesidade de atopar espazos de encontro entre o rural e o urbano: "Queríamos atopar espazos intermedios de diálogo entre a cidade e a aldea, conseguir abrir vías que conecten os dous ámbitos, para aproveitar o mellor de cada un". En Madrid destacou iniciativas coma Teño unha horta en San Sadurniño, unha iniciativa lanzada en 2015 pola Aula Cemit do Concello que pretende difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres en relación cos traballos no campo. Con móbiles ou cámaras fílmanse as labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais, unindo alfabetización dixital e audiovisual coa preservación dos saberes da agricultura tradicional. "Eu poñíalles o exemplo da peza de Xisela Franco sobre unha muller da localidade, Cruz Piñón, na que esta fala do que lle supuxo Internet e das cousas que pode facer grazas a ter ido á aula do Concello a aprender a usar a rede. A conclusión é que se produciu un empoderamento a través da rede", destaca.

"As cousas que se fan fóra das cidades teñen menos impacto. Ou o que pasa nunha cidade non se coñece nas demais, en boa medida polo exceso de localismo da prensa tradicional galega"

O obxectivo destes espazos de diálogo é dobre: por unha banda rachar a invisibilización á que están sometidas todas as actividades e iniciativas xurdidas no rural, e ao tempo combater as imaxes simplificadoras e estereotipadas sobre a vida no espazo non urbano. "Calquera minipolémica en Madrid amplifícase a todo o Estado, e en cambio as cousas que pasan na periferia non teñen cabida. Ese mesmo mecanismo vémolo en Galicia a outro nivel, de xeito que as cousas que se fan fóra das cidades teñen menos impacto. Ou o que pasa nunha cidade non se coñece nas demais, en boa medida polo exceso de localismo da prensa tradicional galega", comenta García.

"Cómpre polo tanto dar a coñecer e difundir o que se fai nos espazos non urbanos, rachando ademais coas ideas preconcibidas, cómpre desfacer moitos estereotipos sobre o rural que están completamente arraigados: Se só falamos da gandaría, hai moita xente que non se vai sentir atraída. E en cambio moita xente non coñece outro tipo de actividades que tamén se realizan", di. Unha idea na que hai uns meses incidían tamén os organizadores do Laboratorio Audiovisual de Vedra: "Estar no rural non implica que te teñas que dedicar só a facer feiras gastronómicas" ou os responsables do espazo de coworking Sende.

"A xente aínda está marchando unha vez que consegue un título, porque continúa co estereotipo de que aquí non se pode facer nada"

"Un non se ten que ver obrigado a elixir entre campo e cidade en función de se quere dedicarse a unha ou outra actividade. No rural pódese facer de todo e, de igual xeito, vivir na cidade non ten por que implicar perder o contacto coa aldea e a natureza. Se familias urbanas con nenos pequenos se xuntan para facer actividades no rural na fin de semana, conseguiríamos difundir un modelo que hoxe esas familias non teñen", di. "Crear un espazo de encontro, aínda que sexa efémero, tería un gran valor pedagóxico e de fomento do diálogo social que me parece moi necesario para a formación dos mozos e mozas. A xente aínda está marchando unha vez que consegue un título, porque continúa co estereotipo de que aquí non se pode facer nada", subliña.

"É moi significativo que todas as mensaxes sociais se dirixan ao éxito individual e que en cambio mentres medramos nunca se nos destaca que podemos conseguir algo a través do colectivo"

Aposta, polo tanto, por impulsar liñas de traballo que potencien o traballo en común. "É moi significativo que todas as mensaxes sociais se dirixan ao éxito individual e que en cambio mentres medramos nunca se nos destaca que podemos conseguir algo a través do colectivo. É unha mágoa que non haxa un impulso de facer algo en colectivo, coa xente que tes ao lado. Sigo vendo que a xente que estuda unha carreira non ve posibilidade de probar cousas aquí", di.

E tamén a dignificación do traballo manual, como unha forma de aprendizaxe xeral sobre o valor das cousas. "Hai uns anos a Fundación María Martínez Otero encargoume a realización dun obradoiro de deseño e construción de mobiliario para nenos na Estrada. Os nenos estaban asombrados coa experiencia de construír algo que podía durar anos, porque eles en Primaria o máximo que tiñan era a experiencia de facer manualidades que duraban uns días ou uns meses", di, concluíndo que "a artesanía e o traballo coas mans é moi necesario para que sexamos conscientes do que duran os produtos e evitar ese consumismo voraz de usar e tirar as cousas".

 

Proxecto expositivo sobre a imaxe da muller

"A artesanía e o traballo coas mans é moi necesario para que sexamos conscientes do que duran os produtos e evitar ese consumismo voraz de usar e tirar as cousas"

Nos vindeiros meses, en colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Silvia García levará a cabo un proxecto expositivo nas diferentes bibliotecas dos campus do sur de Galicia. A instalación partirá da súa liña de investigación sobre a imaxe da muller difundida pola fotografía ao longo do tempo e que parte da exposición Os silencios que comeu Alicia, que se puido ver no CGAC en 2009, unha reflexión sobre por que nas fotografías que Lewis Carroll, o autor de Alicia no país das marabillas, lle realizou á nena Alice Lidell, esta “sempre aparece desgustada”.

A partir de aí Silvia García afonda na idea de pose, e nas mensaxes trasladadas a través desta construción. "O dos libros de texto era unha vía secundaria de investigación. Eu centrábame na imaxe da muller na fotografía e nas poses escollidas nas distintas culturas. De feito, a análise das tradicionais poses recatadas, buscando dar unha imaxe humilde, levoume a buscar nos libros de texto do franquismo, analizando como transmitía os estereotipos de xénero, e as ideas de bondade e sacrificio coas que se educaba ás nenas".

"A análise das tradicionais poses recatadas, levoume a buscar nos libros de texto do franquismo, analizando como transmitía os estereotipos de xénero, e as ideas de bondade e sacrificio coas que se educaba ás nenas"

Nesta procura "acabas por atopar mesmo neses anos espazos de disidencia, como o modelo Pippi Calzaslargas. E tamén é moi interesante o caso de Elena Fortún, a través dos libros de Celia". "A clave é como lemos as imaxes", conclúe. "Eu pregúntolles ás miñas alumnas se non lles chama a atención como posan todas as adolescentes do mundo, como se copian as poses sen parar a preguntarse polo seu significado. Hai un proceso de imitación global; se antes eran as revistas ilustradas e o cine, agora se unha famosa fai un xesto nunha foto que colga nas redes sociais, todas as adolescentes do planeta llo van copiar", di.

 

Os libros de texto franquistas contribuían a establecer estereotipos simplificadores sobre a cidade e o rural © Universidade de Vigo
O estereotipo identifica 'rural' con 'traballo manual' e con atraso Dominio Público Universidade de Vigo
Silvia García (esquerda) na sesión que tivo lugar en Medialab-Prado © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.