A empresa Veicar xestiona 14 parques comarcais de bombeiros en Galicia nun modelo privatizado de xestión das emerxencias único no Estado. Como revelou este diario, a concesionaria deste servizo remitiu o pasado marzo un código interno ao seu persoal no que esixe informar das incidencias nas que actúen unicamente a tres xornais e unha emisora de radio. Neste documento, remitido aos bombeiros dos parques de Verín, Valdeorras e A Limia, prohíbese informar de actuacións que non sexan de "certo nivel de gravidade" e vétase calquera declaración "de corte laboral ou que poida supoñer unha crítica". Para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) estas limitacións resultan "inadmisíbeis".
Nun comunicado feito público este martes a Xunta de Goberno do organismo profesional expresou a súa "preocupación" a respecto das "prohibicións aos membros operativos do persoal dos parques" e máis ao plantel encargado da limpeza a repsecto da realización "de ningún tipo de declaracións". Do mesmo xeito, censura os estritos límites "á comunicación cos xornalistas", cinguidos unicamente a "comunicados de prensa redactados polos xefes de servizo ou de quenda" e só en certas actuacións.
Así e todo, para o CPXG o "máis alarmante" é que o devandito protocolo "establece unha listaxe de medios aos que se poden enviar comunicados", indicando "mesmo os enderezos electrónicos a usar" e agregando ademais que "se incluirá sempre aos directivos da empresa". "A lista -constata o Colexio- inclúe apenas tres diarios, unha radio e tres medios de información comarcal", polo que "mesmo tendo en conta que o propio documento indica" que estes enderezos "poderán ser ampliados ou substituídos", ese "acoutamento" implica "unha limitación á comunicación e pon trabas ao traballo dos e das xornalistas", ademais de "prexudicar" o "dereito fundamental" da liberdade de información. Os medios elixidos pola empresa son as edicións locais de La Voz de Galicia, La Región, Faro de Vigo e unha emisora da COPE.
O establecemento dunha "listaxe" de medios aos que se pode informar das emerxencias supón para o CPXG "unha limitación á comunicación" que "prexudica o dereito fundamental á liberdade de información"
Neste contexto, o Colexio de Xornalistas resalta que "aínda que Veicar sexa unha empresa privada" cómpre ter en conta que ten encomendado un servizo público e "traballa para a Administración", facéndoo ademais nun eido de "evidente interese social". Todos estes factores, indica, fan "inadmisíbel que a información sobre este tema non sexa pública e xeral, posto que debera estar á disposición de todos os medios de comunicación e da sociedade no seu conxunto". "O feito de estabelecer unha canle oficial de comunicación -salienta- non pode entorpecer o labor" do persoal dos medios "á hora de recoller declaracións de claro interese informativo".
Ante as declaracións de "fontes da empresa" sobre unha eventual "nova versión" deste protocolo o CPXG reclama"que se eliminen todas as limitacións ao exercicio do xornalismo". Deben "estabelecerse vías de comunicación claras, abertas e plurais" tanto "nos parques de Ourense como, de existiren protocolos semellantes, no resto de parques xesitonados por Veicar", conclúen.