Arquivada a causa contra o concelleiro de Culturas da Coruña polo cartel do Entroido

José Manuel Sande, entrando aos Xulgados © Concello da Coruña

Quedou en nada. O xulgado de instrución número 3 da Coruña vén de arquivar a causa aberta contra o edil de Culturas do Concello da Coruña, José Manuel Sande, investigado por un presunto delito contra os sentimentos relixiosos por un dos carteis cos que a administración local anunciaba o Entroido cunha ilustración dun home disfrazado de Papa. A denuncia presentada pola Asociación de Viúvas de Lugo acabou coa declaración xudicial do concelleiro o pasado abril. Un mes despois, o maxistrado declara o sobresemento da causa a petición da Fiscalía. 

O xulgado, baseándose no informe da Fiscalía, entende que "non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito"

Segundo aclara o auto ao que tivo acceso Praza.gal, o xuíz entende que "do actuado, segundo informe do Ministerio Público, non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito que deu motivo á formación da causa, polo que procede decretar o sobresemento provisional das actuacións" xudiciais. Con todo, o arquivo é impugnable a través da interposición dun recurso de reforma ou de apelación nos tres e cinco días seguintes á notificación dun auto con data do pasado 22 de maio. 

Fora unhas semanas antes da celebración do último Entroido cando xurdiu na Coruña unha curiosa polémica pola utilización nos carteis do Concello dunha ilustración que representaba a unha persoa disfrazada de Papa, cunha copa de viño e un papamóvil de cartón. O goberno municipal recibiu críticas por parte do Arcebispado de Santiago, que o acusou de "ferir as crenzas dos crentes", e dalgunhas outras entidades, como a asociación Abogados Cristianos ou a Asociación de Viúvas de Lugo, que chegou a presentar a denuncia que acabou coa imputación do edil. A declaración xudicial de José Manuel Sande hai un mes virou nun acto de defensa da liberdade de expresión e contou co apoio de diferentes organizacións políticas e sociais, ademais do de varias comparsas que acudiron aos xulgados disfrazados de curas. 

No informe tido en conta polo xulgado, a fiscal aclara que o presunto delito de ofensa dos sentimentos relixiosos que a Asociación de Viúvas vía no cartel castiga aos que "para ofender unha confesión relixiosa fagan publicamente, de palabra, por escrito ou mediante calquera documento, escarnio dos seus dogmas, crenzas, ritos ou ceremonias ou aldraxen, tamén publicamente, os que os profesen ou practiquen". 

"Aínda que se admitise que o debuxo puidese ser de mal gusto ou constituír unha afrenta para os católicos, non se advirte que dogmas, ritos, crenzas ou cerimonicas católicas se desprezan"

Así, no seu intento por "comprobar" se houbo escarnio, o Ministerio Público advirte que, "aínda que se admitise que o debuxo puidese ser de mal gusto ou constituír unha afrenta para os católicos, non se advirte que dogmas, ritos, crenzas ou cerimonicas católicas se desprezan" coa caricatura do ilustrador Alberto Guitián. "Nin tan sequera existe a certeza de que o debuxo represente o Papa", insiste a fiscal, que cre que "podería tratarse, como ben apuntou o investigado, dunha simple caricatura dunha persoa disfrazada do Sumo Pontífice; disfraz que, por outra banda, é bastante habitual nas festas do Entroido desta cidade". 

A fiscal aclara que non hai "elementos denigrantes nin humillantes" e que "cómpre non perder de vista que é un cartel no contexto do Entroido"

Aínda así, a Fiscalía asegura que, "supoñendo que efectivamente o debuxo fixese referencia ao Papa", iso "constituiría, ao sumo, unha imaxe provocadora ou satírica, pero non cuestionaría directamente ou indirectamente dogma, crenza, rito ou cerimonia ningunha da relixión católica". Ademais, e por último, advirte tamén que "tampouco queda acreditado que a intención do autor do cartel ou da persoa que o encargou fose ofender os sentimentos relixiosos" e insiste en que non hai "elementos denigrantes nin humillantes" na ilustración e que "cómpre non perder de vista que se trata dun cartel exhibido nun contexto concreto (as festas do Entroido) e que ademais se dirixe ao público xeral (e non especificamente aos fieis da relixión católica)". 

Feijóo ou Miguel Tellado consideraron o cartel do Entroido "ofensivo" e atribuíronlle un intento de "insultar e faltar ao respecto"

A polémica do cartel, que durou varias semanas na Coruña, foi aproveitada polo PP local para criticar o goberno da Marea Atlántica. A súa voceira no Concello, Rosa Gallego, aseguraba que o alcalde Xulio Ferreiro era "un especialista en crear polémicas" e que era "evidente" que á xente e á Igrexa "lle molestara o cartel". O presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, fora aínda máis aló ao indicar que o "obxectivo fundamental" do debuxo era "insultar e faltar ao respecto a miles de cidadáns". Afirmárao tras asegurar, non obstante, que concorda con Pedro Puy en que o asunto non debera chegar aos tribunais de Xustiza.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, instara o voceiro parlamentario do partido, Pedro Puy, a "non xulgar a actuación dos xuíces" na denuncia polo cartel do Entroido da Coruña. "Non comparto a opinión de Pedro Puy a respecto de que unha actuación xudicial nese sentido sexa un despilfarro", dicía quen, como Feijóo, cría "ofensivo" o anuncio da festa.

Ademais, e máis aló da denuncia xudicial por parte da Asociación de Viúvas, a Xunta tamén reprendeu formalmente ao Concello da Coruña polo cartel. Neste caso, a Consellería de Sanidade reprochaba á administración local por "asociar un consumo excesivo de alcohol cunha festa e co divertimento" e recriminaba o uso "da caricatura dunha personalidade cunha copa na man, que ademais parece bébedo".

“A lóxica e o sentido común impóñense finalmente”, asegurou Sande

“Estabamos tranquilos porque non esperabamos outra resolución, baseándonos en dereitos tan fundamentais como o da liberdade de expresión e manifestación artística e en que nunca houbo intención de ofender a ninguén”, dixo o concelleiro Sande tras coñecer o auto. “A lóxica e o sentido común impóñense finalmente”, engadiu. 

O cartel de Alberto Guitián denunciado pola Asociación de Viúvas © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.