O caos no 112 segue a provocar demoras nas emerxencias e os bombeiros apuntan a Rueda

Núñez Feijóo, nunha visita á antiga sede do 112 © Xunta

Advírteno diferentes colectivos de traballadores de emerxencias en Galicia. Persoal do 061, técnicos de ambulancias e bombeiros que apoian as reivindicacións dos traballadores do 112 -operadores que xestionan todas as chamadas de emerxencias no país- e piden "diálogo" á Xunta para solucionar o "conflito laboral" e que insisten nas graves demoras que o "mal funcionamento" do novo sistema informático está a provocar na atención de diferentes sinistros

Os atrasos na atención ás emerxencias seguen despois da criticada intervención de Rueda, que apunta á folga como única causa

Nas últimas semanas, foron moitas as denuncias de importantes atrasos na atención de emerxencias por erros nesta plataforma informática instalada no novo centro da Estrada logo do polémico e contestado traslado desde Compostela. Denunciouse a demora de dez minutos no naufraxio do Nuevo Marcos, ademais doutras en casos como o dun infarto, un accidente cun tractor e unha intoxicación en Vigo. Bombeiros, como os do Deza, chegaron a pedir aos veciños que optasen por chamar ao seu teléfono e non ao do 112 "debido ás dificultades para contactar". 

Os problemas continúan. A pasada semana, os bombeiros de Vilagarcía de Arousa chegaron unha hora tarde a un incendio en Pontecesures e o comité de empresa responsabilizou os erros "técnicos" do 112, lembrando que non é a primeira vez que lles pasa e que as consecuencias puideron ser "peores". Os efectivos recibiron o aviso ás 14:45 do pasado 26 de maio, pero o lume orixinárase corenta mintuos antes. Os vinte minutos do traxecto provocaron que a demora fose de unha hora e as lapas nunha vivenda particular foron apagadas finalmente por Protección Civil. 

Os bombeiros e Vilagarcía, Monforte e Betanzos denuncian importantes atrasos na atención de diferentes sinistros

Nese mesmo día, noutro incendio urbano en Monforte, os problemas repetíronse. Os veciños queixáronse de que non daban contactado co 112 para avisar dun lume nun garaxe que acabou con dous coches afectados. O PSdeG presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para preguntar pola falla de resposta do centro de emerxencias e polo feito de que o número de teléfono "estivese inoperativo", o que provocou que fosen a policía local e nacional as que acabasen avisando aos bombeiros, logo dunha tardanza de quince minutos, como denunciaron desde o parque. 

Na mesma semana, nun accidente en Cesuras para o que foi mobilizado o parque comarcal de Betanzos, a activación foi en tempo, pero segundo advirte a Mesa Intersindical de Bombeiros, "dende a chegada ao punto foilles imposible aos compañeiros establecer contacto telefónico co 112 para a xestión da información do sinistro", co conseguinte perigo de que, en caso de que a valoración in situ requirise doutros medios, "non tería sido posible mobilizalos". Ademais, lembran, unha vez rematada a intervención, tampouco terían constancia no 112 da "dispoñibilidade dos efectivos para atender outra emerxencia, de non ser que por iniciativa dos compañeiros presentes se buscou unha alternativa para ter comunicación coa sala".

As denuncias non paran e a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia apunta directamente a Xunta e vicepresidente Alfonso Rueda, que a pasada semana defendeu no Parlamento o funcionamento do novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 na Estrada, malia a folga de traballadores, que sinaltou como o "principal problema". 

A Mesa Intersindical de Bombeiros acusan a Rueda de "obviar" que os problema no 112 é debido ao mal funcionamento do novo sistema informático

Nunha carta aberta a Rueda, os bombeiros censuran que reduza á situación de folga os problemas da nova central do 112 e lémbranlle que están decretados "uns servizos mínimos do 80%" ao tratarse dun servizo esencial para poder "atender correctamente as situacións cotiás". "Faino vostede obviando a denuncia clara e pública desde o primeiro día de que o problema na atención e xestión das chamadas derívase única e exclusivamente do mal funcionamento do novo sistema implantado", din. 

A Mesa Intersindical advirte que hai "módulos desactivados" dos que servían "para tentar diminuír os colgues" do programa e "falta de probas e formación suficiente e adecuadas", polo que aseguran que as demoras na atención das emerxencias non son debidas á "acumulación de chamadas en cola pola diminución de persoal por servizos mínimos".

"Cuestiona e menospreza o apoio que dende distintos ámbitos, e nomeadamente os bombeiros, trasladamos aos operadores do 112, pois como parte da cadea tamén estamos a notar e sufrir os atrasos que produce, e polo tanto o agravamento das situacións que atopamos. Non é cuestión de se fósemos todos ou uns cantos", din logo de que Rueda advertise que só eran uns poucos bombeiros os que denunciaban o caos. 

Os bombeiros cualifican de "insultante" a intervención de Rueda e lémbranlle que, despois dela, houbo tres graves casos máis de atrasos

Ademais, cualifican a súa intervención de "insultante" e lémbranlle que, despois dela, déronse eses tres novos casos de atrasos e deficiencias na xestión de emerxencias a través do 112 que puideron acabar con consecuencias moito peores. "Sexa valente para tomar as decisións precisas para solucionalo. Deixe de agocharse covardemente no 'conflito laboral' e cumpra a súa función", piden desde a Mesa Intersindical, que acusan a Rueda de "negar a realidade" e seguir "na súa burbulla". 

O PSdeG pide unha visita institucional do Parlameno ás novas instalacións do 112 na Estrada

Por outra banda, o PSdeG vén de trasladar unha solicitude formal do grupo socialista para realizar unha visita institucional do Parlamento ás novas instalacións do 112 en A Estrada. O portavoz de Política Institucional, Juan Díaz Villoslada, quere "coñecer de primeira man o funcionamento operativo da nova plataforma de emerxencias e a situación laboral dos traballadores", en folga dende hai un mes.

Así, lamentou a morna resposta do goberno galego ás sucesivas iniciativas parlamentarias pedindo explicacións do goberno polos problemas derivados do traslado ás novas instalacións en plena folga do persoal e sen ter garantido o funcionamento correcto da plataforma de xestión de emerxencias. Sinalou que “non pode ser que nos digan que todo funciona correctamente cando a evidencia apunta ao contrario”.

 

Un sistema pouco operativo

Antes da mudanza á Estrada, os operadores do 112 recollían todos os datos da emerxencia e ían escribíndoos (contacto, lugar, suceso...). O mesmo programa ía facilitando automaticamente os recursos recomendados segundo a emerxencia e o lugar -os medios axeitados e máis próximos e o seu teléfono- e despregábase un número ao que se chamaba cun simple dobre click. "O tempo medio para atender unha emerxencia sanitaria normal era de trinta segundos e agora tardamos minutos", explicaba o comité de empresa a Praza.gal.

Segundo denuncian os operarios, hai datos aínda sen envorcar desde o antigo programa, teléfonos que non aparecen e a formación que recibiron os traballadores foi "defectuosa" ao facerse sobre un sistema que non funcionaba e con pouco tempo. Mesmo houbo casos nos que se tivo que tirar de carpetas e axendas físicas para buscar un número. Pero hai máis problemas: a nova plataforma está deseñada para unha futura integración que aínda non chegou "pero non para o 112", ralentízase a resposta ao ser un método moito menos visual e directo na pantalla e o descolgue da chamada "non é automático, senón que tarda varios segundos". "Os tempos de xestión das emerxencias aumentaron", denuncian bombeiros, técnicos de ambulancias ou o 061. Alén disto, o colapso provoca que haxa moitas chamadas agardando á vez, pero tamén ocorre que outras "nin tan sequera chegan a entrar e non se sabe por que".

Bombeiros e persoal do 061 e ambulancias Dominio Público @caosno112

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.