0 Gardados para despois

"Durmín moi pouco. Creo que me quedan poucos días de vida"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Durmín moi pouco pensando nos meus seres queridos e na situación en que quedan. E creo que me quedan poucos días de vida". É o inicio dunha carta escrita por Marcelino Fernández Prada, alcalde socialista de Ribas de Sil, condenado a morte en Lugo (pena finalmente conmutada). O Vello Cárcere de Lugo, recentemente rehabilitado, acolleu este xoves a lectura de varias cartas escritas por sete presos condenados a morte tralo Golpe de Estado de xullo de 1936, e que estaban recluídos na mesma prisión, sendo catro deles finalmente executados. Tratábase de Daniel Álvarez Carnero, Perfecto Abelairas Castro, José Ramos López, Gregorio Sanz García, Marcelino Fernández Prada, Ramón García Núñez e Eusebio Cuesta. 

Na homenaxe, á que asistiron numerosos familiares dos presos, que cederon as cartas para o acto, participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto; Xesús Alonso Montero, ex presidente da RAG; e Carmen García Rodeja, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, organizadora da homenaxe xunto coa Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo. A rexedora, Lara Méndez, salientou que “que estas letras saian á luz axudará a que nunca máis repitamos aquel episodio terrible, á reparación das vítimas e á reconciliación. O silencio non deixa cicatrizar as feridas. A recuperación da memoria, si”.

Entre as cartas lidas (todas en castelán, orixinalmente) estaban as escritas polo mestre José Ramos López, militante do POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista) e delegado gobernativo no Courel, executado en outubro de 1936. Poucos días antes de morrer escribíalle a un amigo: "Temos fe na vitoria da nosa causa, amárganos un pouco o ter que ser mártires, pois era preferible morrer no papel de heroes, aínda que este avatar nolo deparen as circunstancias". Ou a que lle escribiu Gregorio Sanz García, presidente da Asociación de Maestros Nacionales da UGT, ao seu irmán: "Mañá voume presentar ante o Tribunal militar que debe xulgarme (...) Fánseme cargos bastante graves, aínda que sen fundamento real, pois xamais cheguei a realizar os feitos que se me imputan. Os que teñen parte de veracidade refírense ás miñas propagandas; pero ben sabes que pola miña maneira de pensar, polo meu modo de vivir, nunca fun extremista nin moito menos, e que defendín a Escola considerándoa como o fundamento da prosperidade de España”.

Nas misivas e escritos tamén se pode ler a alegría do momento en que algunha das penas de morte foi anulada, como lle sucedeu a Marcelino Fernández Prada despois de case tres meses agardando pola súa execución: "Serían as dúas da tarde, aproximadamente. Chamoume o Sr. Director da Prisión á súa oficina e comunicoume oficialmente a conmutación da pena de morte pola de 30 anos (...) Con gran xúbilo foi recibida a nova pola poboación reclusa ao saber que me conmutaran a pena (...) Con estas letras dou por terminadas estas notas, reflexo fiel dos meus pensamentos durante a miña estancia en capela de penado a matar, que foron en total oitenta e uns días"

No acto tamén se salientaron as cartas escritas por Ramón García Núñez, Gobernador Civil de Lugo desde o 4 de xullo de 1936 e que morreu fusilado o 21 de outubro dese ano. Nunha delas, García Núñez diríxese ao seu irmán Miguel: "Para Miguel co agarimo do irmán e o desexo de que, se eu morro, e chegan, como estou seguro, horas de liberdade para España, poida facer xustiza ao meu nome, que non foi traidor nin covarde". Conta o seu sobriño neto que o 18 de xullo García Núñez se atopaba en Vigo, coa posibilidade de fuxir a Portugal; porén, optou por regresar ao seu posto a Lugo, sendo inmediatamente detido. Tralo seu fusilamento, a súa nai nunca volveu saír da casa, morrendo anos despois. Relata tamén que a dona de Ramón García Núñez, Pepita Rodríguez, coincidiu nunha ocasión con Pilar Franco, irmá do ditador, e que lle dillo directamente: “o irmán fusilou o meu home".

 

As cartas de "Pepe de Vilastrille"

Entre as cartas destacan as do socialista Daniel Álvarez Carnero, concelleiro e tenente de Alcalde en Sober e alcalde en funcións o 18 de xullo de 1936. Detido o 4 de agosto, foi xulgado por "rebelión militar" e por "organizar partidas armadas". Condenado a morte, foi executado en Lugo o 29 de decembro. Soterrado nun nicho en Lugo grazas á amizade dun militar, o seu corpo foi perdido cando o cemiterio desapareceu. No acto deste xoves estivo presente unha das súas netas, María José Pérez, que explicou que sempre que lle preguntaba á súa avoa como morrera o seu home ela respondía "mordeulle unha serpe". Todo un símbolo. María José Pérez destacou que "hai que sacalo todo á luz porque, ata agora, non houbo unha reconciliación. Isto non é un recoñecemento público de que o mataron inxustamente. É só poder dicir en voz alta o que leva décadas calado. Ese papel é o que nos toca facer aos netos".

Dende o cárcere Álvarez Carnero, coñecido como "Pepe de Vilastrille", escribiulle á súa dona, ao seu sogro ou aos seus catro fillos -Pepiño, Dieguiño, Monchiño e Lauriña-. Na carta que lle remite ao seu sogro, dille:

"Sinto deixar os meus fillos tan pequenos para defenderse deste maldito mundo, sinto, en fin, o feliz que era á beira de todos vós., mais isto non importa porque, cun mártir máis que fagan estes Vaticanistas, máis se multiplican os nosos ideais, e iso fortaléceme para morrer. Nunca crin que neste mundo houbese xente tan ruín, porque lle sacan a vida á xente que máis vale, á mellor, á que loitaba por un mellor estado da sociedade, homes novos, con carreira, traballadores, homes que, equivocados ou non, obraban con nobreza en todos os seus actos, pero a realidade por hoxe é así. Mañá non será porque teñen que pagala; ben está o refrán, o que a ferro mata a ferro morre, e así lle sucederá a esta xentalla”

Unhas ideas que repite na carta que lles envía aos seus fillos:

"Filliños meus, a morte que me dan estes criptinos, non lle abondará para vencer os que polo ben da humanidade loitan afanadamente. Eu sei que, por cada un de nós ao que lle saquen a vida, sairán a ducias a loitar en ben da xustiza, polo dereito e o deber á equidade que debe ter todo ser humano, en fin, por todo o que sexa facer mellorar o benestar familiar e adorar os seus semellantes. Vós, se tedes sorte coa vosa saúde, procurade chegar onde debe chegar todo home, sede bos para todo o mundo e procurade non facer nunca dano. Certo é que eu nunca se me ocorreu facer mal ningún ás persoas e así mo pagaron, pero por iso mesmo enfróntome coa vida e morrerei valentemente dando un Viva a Republica!"

 

Os sete condenados a morte

Daniel Álvarez Carnero (Sober, 1903 / Lugo, 29-12-1936). Veciño de Proendos e militante do PSOE. Foi concelleiro e tenente de alcalde na corporación municipal de 1936. En xullo foi elixido alcalde gubernativamente. Foi detido o 4 de agosto, pasou polas prisións de Monforte de Lemos e Lugo. Foi xulgado por rebelión militar, por organizar partidas armadas, e condenado a pena de morte e indemnización con todos os bens. Executado en Lugo o 29 de decembro.

Perfecto Abelairas Castro (Lugo, 1907 / Lugo, 21-10-1936). Practicante. Natural de Lugo e practicante de profesión. Foi vogal do Partido Republicano Radical Socialista e secretario de actas do Partido Republicano Galego. Tamén  pertenceu  a Izquierda Republicana. Ingresou  na prisión de Lugo en xullo de 1936 e foi executado en outubro dese ano.

José Ramos López (Bos Aires, 1911 / Lugo, 21-10-1936). Mestre nacional, pertencente a FETE, e directivo en Lugo do POUM (Partido Obrero de Unificación Marxista). Delegado gobernativo no Courel. Xulgado en Lugo por traizón co resultado de sentenza a pena de morte e multa mancomunada de 1,5 millóns de pesetas. Executado en Lugo, o 21 de outubro de 1936

Gregorio Sanz García. (Ayllón, Segovia, 4-1-1900 / Ribadeo, 1997).Foi un mestre e dinamizador pedagóxico. Presidente da Asociación de Maestros Nacionales da UGT e secretario da Federación ribadense. Foi encarcerado o 24 de xullo no Depósito de Ribadeo, pasando despois ao cárcere de Lugo. Foi xulgado por auxilio á rebelión e condenado a 20 anos de prisión. Saíu en liberdade o 12 de marzo de 1941. Foi inhabilitado para o exercicio público.

Marcelino Fernández Prada (San Xulián, A Rúa, 20-9-1895 / Lugo, 8-6-1944). Emigrante nos Estados Unidos, chegou a ser dono dun almacén de materiais de construción en San Clodio, en Ribas de Sil. Socialista, foi alcalde de Ribas de Sil de maio de 1931 a xullo de 1936. Xulgado por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Conmutación a cadea perpetua. En 1943, sae da cadea por prisión atenuada e morre ese mesmo ano.

Ramón García Núñez (Vilagarcía de Arousa, 1907 / Lugo, 21-10-1936). Funcionario do Banco de España en Vigo, de Izquierda Republicana e Gobernador Civil de Lugo desde o 4 de xullo de 1936, foi fusilado o 21 de outubro de 1936.

Eusebio Cuesta (Monforte, 1904 / Lugo…). Nacido en Monforte, albanel, foi detido o 20 de xullo de 1936 e levado á prisión de Monforte e de Lugo. Condenado a pena de morte e conmutada, pasa tamén polos penais da Coruña, Las Palmas e Yeserías. Sae de prisión en 1943.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.