0 Gardados para despois

SOS Sanidade leva á Fiscalía o desmantelamento da Cirurxía Pediátrica en Ourense

Redacción | @prazapublica

"Non quero ir á sanidade privada, pero non vou deixar que a miña filla empeore". En abril Marcos Argiz, pai dunha nena de catro anos que levaba cinco meses agardando para ser operada no Hospital de Ourense (CHUO) dunha hernia inguinal bilateral, denunciaba en Praza a situación que se vivía no servizo de cirurxía pediátrica do centro. O CHUO, que en 2009 contaba con catro especialistas, pasou a ter dous e, dende hai uns meses, tan só un, o que provoca continuos atrasos nas intervencións e traslados a Vigo.

O CHUO, que en 2009 contaba con catro especialistas, pasou a ter dous e, dende hai uns meses, tan só un, o que provoca continuos atrasos nas intervencións e traslados a Vigo

A Plataforma SOS Sanidade Pública presentou este venres unha denuncia ante a Fiscalía pola degradación do servizo, unha demanda na que conta co apoio de En Marea, PSdeG-PSOE e BNG, escenificado esta semana nun acto no que participaron as deputadas no Parlamento galego Eva Solla, Noela Blanco e Noa Presas. Así mesmo, solicitará o apoio da Valedora do Pobo, que nos últimos anos xa denunciou a falta de cobertura na atención pediátrica.

"No seu momento esta Plataforma denunciou o peche da atención cirúrxica pediátrica fora do horario de mañáns, realizamos unha forte campaña de denuncias e queixas tanto no Parlamento Galego como ao Valedor do Pobo, que emitiu un informe negativo sobre esta medida tomada pola anterior xerente do EOXI de Ourense Dª Eloina Nuñez. Dende a Oficina do Valedor quedaran en facer un seguimento da situación pero non voltamos a ter novas do mesmo", explican.

A entidade acusa o Goberno galego de levar a cabo nos últimos oito anos unha acción continuada de "acoso e derrubo" do servizo de Cirurxía Pediátrica, unha "decisión fría e calculada" para desmantelalo. "Parece que o plan da Consellería de Sanidade é seguir a tratarnos como periferia sanitaria”, din. A plataforma denuncia que a situación actual, na que só está dispoñible un cirurxián impide en moitos momentos a realización de intervencións para as que son necesarios dous profesionais no quirófano e provoca que algúns nenos e nenas tarden seis meses ou máis en ser atendidos ou deban repetir probas preoperatorias "ao caducar a súa fiabilidade", indica Anxo Pérez Carballo. Outros teñen que ser trasladados a Vigo para poder ser operados, iniciando alí de novo "toda a roda de diagnóstico e probas".

"Parece que o plan da Consellería de Sanidade é seguir a tratarnos como periferia sanitaria”, denuncian

A lista de espera supera os 130 nenos e nenas. No ano 2013 creouse a denominada Area de servizo compartido de cirurxia pediátrica da zona sur, coa idea de que os nenos con patoloxías non complicadas (fimose, hernias, quistes, uñas, varicocele…) fosen intervidos en Ourense. "A realidade é que non son intervidos en Ourense, e pasan a engrosar a lista de espera de Vigo, onde se estima arredor de 1000 nenos e nenas en espera", explica a Plataforma. "A situación constitúe unha clara discriminación para os cidadáns de Ourense e para os nenos dunha das provincias máis envellecidas e cun índice de natalidade que, no caso de non ser corrixido, conduciranos á implosión social", critica Marcos Argiz. "Curiosa forma de protexer e atender ese ben en vías de extinción que son os nosos nenos por parte dunha administración que fai propaganda diaria da súa suposta preocupación polas patoloxías terminais da nosa esmorecente demografía", engade.

EnMarea, PSdeG-PSOE e BNG piden que a Xunta garanta a actividade asistencial e cirúrxica as 24 horas do día e os sete días da semana, evitando así as derivacións masivas de menores centos de quilómetros

En Marea e BNG sumáronse á esixencia da plataforma SOS Sanidade Pública para restablecer o servizo de cirurxía pediátrica 24 horas no CHUO. Así mesmo, o PSdeG-PSOE rexistrou unha moción urxente no pleno da Deputación de Ourense, para o seu debate este venres. A moción reclama que o ente provincial inste a Xunta a adoptar de maneira urxente as medidas necesarias para recuperar na súa plenitude o servizo, "garantindo a actividade asistencial e cirúrxica as 24 horas do día e os sete días da semana, evitando así as derivacións masivas de menores centos de quilómetros, traslados que poñen en risco a súa saúde". Uns traslados a Vigo que son aínda máis gravosos para as persoas que se desprazan dende Valdeorras ou Trives, por exemplo. "Este grave problema debe obter unha resposta contundente, xa que o Goberno galego está a xogar coa saúde dos nenos e nenas", sinalan os socialistas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.