0 Gardados para despois

Barbanza e Baixo Miño, comarcas con peor cobertura de medios aéreos contra incendios

Redacción | @prazapublica

Esta semana presentousePlan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia para 2017, o coñecido como Pladiga, documento que detalla o dispositivo de loita contra o lume no país. Un texto que presenta moi poucos cambios con respecto ao pasado ano, co mesmo persoal (5.767 efectivos), 303 medios de actuación -brigadas terrestres e aéreas-, 12 medios aéreos do Estado, 177 medios terrestres da Xunta e 17 medios aéreos dependentes do Goberno galego, un menos que no ano anterior.

O Pladiga incorpora un detallado mapeado da localización deses efectivos, comezando pola situación das bases deses medios aéreos. E, ademais, calcula o tempo de chegada dos avións e helicópteros a calquera punto do país onde puidese estar activo un incendio. Un terzo do territorio (33,3%) sitúase a menos de 4 minutos de voo destes medios aéreos e outro 48,21% está nun radio doutros catro minutos. Polo tanto, os avións e helicópteros do dispositivo chegarían en 8 minutos ou menos ao 81,51% da superficies de Galicia.

Porén, hai tres comarcas na que a cobertura é máis deficiente, incrementándose o tempo de chegada previsto dos medios aéreos. Unha delas é a Mariña lucense (dende Queixeiro, Rozas ou Reboira os medios aéreos poderían tardar case 20 minutos). Con todo, esta é unha das zonas con menor risco de incendio, debido en boa medida á súa climatoloxía; de feito, ningún dos seus concellos está caracterizado como zona de alto risco.

As outras dúas son o Barbanza e o Baixo Miño, lugares nos que si se producen con frecuencia incendios de importancia e que, con todo, tampouco contan con bases próximas de medios aéreos previstas no Pladiga.

No Barbanza, todos os seus concellos son considerados Zonas de Alto Risco de incendios (ZAR) e mesmo atopamos seis parroquias "de alta actividade incendiaria": Tállara (Lousame), Ribasieira (Porto do Son), Boiro (Boiro) e Carreira, Palmeira e Ribeira (todas en Ribeira). Porén, a todo o concello de Ribeira e de Rianxo e parte do de Porto do Son e Boiro os medios aéreos tardarían entre 10 e 14 minutos en chegar.

O mesmo sucede en parte do Baixo Miño, igualmente con todos os seus concellos cualificados como Zonas de Alto Risco. Ao Rosal, Oia e Tomiño os medios aéreos tardarían entre 10 e 14 minutos en chegar e á Guarda o tempo moveríase entre os 14 e os 16. Cómpre sinalar así mesmo que a parroquia de Santa María de Tomiño tamén está considerada "de alta actividade incendiaria".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.