0 Gardados para despois

A Xunta ignora cantas parcelas agrícolas están a ser ocupadas con eucaliptos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Lei de Montes de Galicia de 2012 prohibe plantar eucaliptos en terreos agrícolas, nas proximidades das casas, nas marxes dos ríos, en zonas de protección, en manchas forestais de caducifolias. Por exemplo, o artigo 67.1 prohibe expresamente cal quera tipo de repoboación forestal en solo rústico de especial protección agropecuaria, nun intento de protexer os minguantes solos agrarios. Porén, a realidade é que nos últimos anos continuaron as repoboacións de eucaliptos nestes espazos, o que constitúe unha infracción administrativa que o Goberno galego ten a obriga de perseguir. 

O Goberno galego recoñece que "non dispón de datos de superficie de parcelas nas que estea a vulnerar a Lei de Montes no que respecta ás repoboacións forestais"

Os deputados do PSdeG-PSOE José Antonio Quiroga Díaz e José Manuel Pérez Seco presentaron en abril unha pregunta parlamentaria, na que buscaban coñecer "que superficie de terras agrícolas ocupan as plantacións silvícolas, con indicación de superficie por provincia e concello". Os representantes do PSdeG-PSOE manexan o dato de que ao redor de 30 mil hectáreas de terreos agrícolas poden estar ocupadas por eucaliptos, vulnerando a Lei de 2012.

O Goberno galego vén de responder a cuestión, recoñecendo que "non dispón de datos de superficie de parcelas nas que estea a vulnerar a Lei de Montes no que respecta ás repoboacións forestais".

Os deputados socialistas lémbranlle ao Goberno que "os medios tecnolóxicos dos que dispón a Consellería son máis que suficientes para detectar a localización e a superficie que ocupan as masas forestais en terra agrícola"

Na súa pregunta, os dous deputados socialistas lembrábanlle ao Goberno galego que "na actualidade os medios tecnolóxicos dos que dispón a Consellería e os distintos organismos e entidades dependentes da Xunta son máis que suficientes para detectar a localización e a superficie que ocupan as masas forestais en terra agrícola e, nomeadamente, as ocupadas polas distintas especies do xénero eucalipto e piñeiro".

En 2017 a Xunta realizou 995 apercibimentos e abriu 229 expedientes por plantación ilegal, corta sen autorización ou incumprimento das distancias mínimas

Porén, a Xunta afirma que non manexa esa información e limítase a sinalar que "a Consellería do Medio Rural está a dedicar todos os recursos posibles a detectar, denunciar e sancionar estas infraccións". Indica que dende 2012 ata decembro de 2016, levou a cabo un total de 1.600 notificacións, a meirande parte delas (67%) localizadas na provincia da Coruña. E que só no que levamos de 2017 realizou 995 apercibimentos (antes de incoar un expediente, a Consellería notifícalle o asunto ao propietario para ver se por vontade propia accede a retirar as plantacións ou restablecer a legalidade. Se finalmente non accede é cando se lle abre un expediente sancionador) e abriu 229 expedientes.

Un gran número de infraccións detectadas, que amosa a gravidade e a extensión do problema. Os principais motivos polo que se abriron estes expedientes son por plantación en terreo de protección agropecuaria, por corta sen autorización, por plantación de eucaliptos onde había frondosas, por repoboación ilegal ou por incumprimento das distancias mínimas legais para a plantación de masas forestais.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.