A Mariña, Salnés e Lemos inician a mobilización contra a supresión das súas áreas sanitarias

Vázquez Almuíña, no Hospital da Costa de Burela © Xunta

A pasada semana, comezando o mes de agosto, o Goberno galego fixo público o anteproxecto de lei que muda a actual Lei de Saúde de Galicia que, entre outras medidas, reduce de once a sete as áreas sanitarias existentes, suprimindo as da Mariña, Monforte, O Salnés e O Barco, que pasan a estar xestionadas dende as áreas de Lugo, Pontevedra e Ourense. A decisión, que foi criticada de inmediato por todas as forzas da oposición, sindicatos e colectivos socias, comeza a espertar unha mobilización nas comarcas afectadas, que consideran que supón un paso máis no desmantelamento e centralización de servizos sanitarios.

"O obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais", denuncia a Xunta de Persoal do Hospital da Costa

Na Mariña, a Xunta de Persoal do Hospital da Costa solicita a retirada inmediata do anteproxecto de Lei, denunciando que "o Partido Popular unha vez máis intente meter pola porta de atrás unha nova medida prexudicial para a nosa comarca, en pleno mes de agosto e establecendo neste mesmo mes 15 días para alegacións". O órgano de representación das traballadoras e traballadores afirma que "o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores e precarizar as súas condicións laborais".

De igual xeito, no Salnés, tamén a Xunta de Persoal do hospital comarcal rexeita o anteproxecto e a prevista supresión da área sanitaria que -asegura- "converterá os usuarios e usuarias" deste centro "en cidadáns e cidadás de segunda". Os traballadores e traballadoras convocan unha asemblea informativa este mércores ás 14 horas no Salón de Actos do Hospital do Salnés. Así mesmo, anuncian que presentarán alegacións ao anteproxecto e que solicitarán xuntanzas cos alcaldes e alcaldesas da comarca para demandar o seu apoio ás mobilizacións.

En Monforte, José Tomé -alcalde da vila- criticou abertamente a medida e anunciou unha xuntanza con todos os grupos políticos da localidade para o vindeiro 18 de agosto, co obxectivo de consensuar unha posición común e de redactar un manifesto en defensa da área sanitaria para ser posteriormente aprobado polo pleno municipal. Tomé alerta tamén de que a desparición da área sanitaria provocaría a eliminación dalgún dos servizos que arestora empresa o hospital comarcal, que serían centralizados en Lugo. O alcalde de Monforte criticou tamén o momento escollido pola Xunta para a publicación do anteproxecto, elixido "para que haxa menos marxe de resposta", dixo.

"É sospeitoso e inaceptable a publicación do anteproxecto en pleno verán para dificultar o seu coñecemento, tratando de ocultar os termos dunha lei difusa e permisiva"

De igual xeito, as entidades que conforman a Plataforma SOS Sanidade Pública manterán este xoves en Compostela unha xuntanza para analizar as medidas propostas pola Xunta e consensuar unha posición común. A Plataforma sinala que "é sospeitoso e inaceptable a publicación do anteproxecto en pleno verán para dificultar o seu coñecemento, tratando de ocultar os termos dunha lei difusa e permisiva". "A nova ordenación territorial diminúe o número das Áreas Sanitarias e, pola contra, recupera os distritos comarcais, suspendidos na lei anterior, sin explicar os motivos, que moito nos tememos sexan recortar ata suprimir os hospitais comarcais", denuncia SOS Sanidade Pública.

 

Reforzo da participación das empresas privadas

SOS Sanidade Pública denuncia igualmente que outro dos obxectivos estratéxicos da reforma impulsada pola Xunta é "a legalización da privatización da I+D+i do Sergas, dotando de personalidade xurídica propia e autonomía de xestión aos organismos público-privados, que xa controlan por decreto a docencia, a investigación e a innovación, e que decidirán, xa lexitimados, o destino do 50% do gasto sanitario público".

A nova lei aproba a creación dun sistema de investigación independente do Sergas vinculado ás universidades e a industria, "que terá a súa disposición os profesionais e pacientes de todos os centros de saúde e hospitais públicos para os ensaios clínicos e a elaboración de patentes", co obxectivo de que a investigación sanitaria sexa un motor de desenvolvemento económico en Galicia e a actividade produtiva, "coma se o Sistema de Saúde non tivese outro fin primordial que fabricar e consumir tecnoloxías e fármacos en vez de incrementar a saúde e mellorar a vida da poboación", sinala a plataforma.

"Poñer as empresas privadas que xa controlan a docencia, a investigación e a innovación no consello asesor reforzará aínda máis a privatización e a mercantilización do noso servizo de saúde", denuncia SOS Sanidade Pública

SOS Sanidade Pública critica tamén a prevista incorporación de empresas privadas no Consello Galego de Saúde, órgano colexiado de participación comunitaria no Sistema Público de Saúde de Galicia. "Poñer as empresas privadas que xa controlan a docencia, a investigación e a innovación no consello asesor reforzará aínda máis a privatización e a mercantilización do noso servizo de saúde, xusto o contrario do que necesitamos", di. "Deberá esixirse unha declaración de conflito de interese, impedindo a participación de asociacións patrocinadas pola industria", reclama a plataforma

 

Vázquez Almuíña, no Hospital da Costa de Burela © Xunta
A Mariña xa iniciou a mobilización contra a desaparición da súa área sanitaria © CIG-Saúde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.