Extinguido tras cinco días o último dos tres incendios que queimaron case 1.000 hectáreas en Ourense

Traballos de extinción en Chandrexa de Queixa Dominio Público @BMarroxo

Chegan as chuvias e con elas, unha relativa tregua para os montes do país. O risco de incendios forestais comeza a descender este luns -malia ser aínda moi alto ou extremo en moitos concellos do interior- pola mudanza nas condicións meteorolóxicas e faino despois de que fosen dados por extinguidos os tres principais incendios que, tras comezaren o martes 22 de agosto en tres concellos da provincia de Ourense, levaron por diante practicamente 1.000 hectáreas de superficie. O último en ser apagado por completo, o de Chandrexa de Queixa, arrasou 369 hectáreas e ardeu dende o martes ata este domingo, 27 de agosto.

O de Monterrei, con 327 hectáreas, e o de Castro Caldelas, con 265, foron os outros dos principais incendios da pasada semana entre os revelados pola Consellería de Medio Rural. Coa extinción definitiva, na noite do domingo, do que atinxiu a algo máis de 120 hectáreas da parroquia de Vilarello, en Cervantes, complétase un balance no que en apenas unha semana os incendios feito públicos dende a Xunta sumaron algo máis de 1.200 hectáreas, a maioría na provincia ourensá.

O incendio de Chandrexa de Queixa, declarado o martes 22, ficou extinguido o domingo tras queimar unhas 369 hectáreas

A política informativa do Goberno sobre os incendios impide, non obstante, coñecer con exactitude cantos se produciron en toda Galicia. Así, por exemplo, a pasada semana a conselleira Ángeles Vázquez admitiu que se rexistrara un cento de incendios en xornadas en que o seu departamento ofreceu información sobre pouco máis dunha ducia deles.

As semanas de maior risco

A baixada das temperaturas e a chegadas das chuvias minora -mesmo tendo en conta o risco do impacto dos raios- o risco de incendios forestais nas que, atendendo aos datos acumulados no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), son as semanas de todo o ano con maior risco nos montes galegos. Así, dende mediados de agosto -trixésimo terceira semana do ano- ata comezos de outubro rexistráronse en Galicia unha media de entre 150 e 200 incendios semanais durante a última década.

As semanas que transcorren de mediados de agosto a comezos de outubro son as que adoitan concentrar máis incendios en Galicia

Son, en calquera caso, moitos menos que os rexistrados mediados dos anos 70 e os anos 90 do século pasado. Daquela Galicia enfrontábase a vagas de lume que chegaban a roldar os 700 incendios á semana. Os datos definitivos deste 2017 non serán coñecidos, en calquera caso, ata que o Ministerio de Agricultura faga pública a estatística anual de incendios forestais -a de 2016, por exemplo, coñeceuse en abril deste ano- e cando Medio Rural faga o propio co Pladiga 2018, algo que non adoita acontecer ata a contorna do mes de xullo.

Media semanal de incendios en Galicia / PLADIGA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.