"Se o cárcere está vivo, se a cidadanía o fai seu, conseguirase a devolución definitiva do espazo"

Un dos patios do antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

En 2009 o antigo cárcere provincial da Coruña pechaba definitivamente as súas portas, despois de ter funcionado os seus últimos anos como centro de inserción social. Un ano máis tarde comezaba a traballar Proxecto Cárcere, a plataforma cidadá que dende entón veu traballando por converter o edificio nun centro cultural público e autoxestionado. Hai uns meses, a cidade acadaba a cesión do inmoble, á que durante anos se negara o Ministerio do Interior. Comezaron entón uns imprescindibles labores de rehabilitación e tamén o proceso para decidir de que forma se xestionaría o espazo. "Para nós é clave que o protagonismo neste proceso sexa dos cidadáns e que o proxecto teña autonomía, que aínda que o edificio teña titularidade municipal, funcione en autoxestión ou con fórmulas de coxestión, para que a iniciativa non dependa dos cambios de Goberno", sinalaba nese momento Xosé Lado, un dos voceiros do colectivo.

En xaneiro Proxecto Cárcere presentou a súa proposta para o funcionamento do espazo, apostando pola conversión do cárcere nun centro sociocomunitario e de memoria, de xestión e participación cidadá. O documento recollía o traballo realizado durante anos por esta plataforma, que non só teimara ante as distintas administracións implicadas pola recuperación do inmoble para a cidade, senón que levaba a cabo unha valiosa análise e reflexión sobre as necesidades e potencialidades do lugar. Finalmente, hai uns días o Concello da Coruña comunicou o resultado da convocatoria pública realizada, na que Proxecto Cárcere foi o escollido para xestionar a antiga prisión durante un ano, en virtude do convenio de cesión gratuíta asinado por Concello e Ministerio e que rematará a finais de 2018 (prorrogable anualmente). Falamos con Alberto Fortes, un dos voceiros do colectivo.

"Non é un proxecto pechado; ás entidades que xa están dentro da iniciativa sumaranse de seguro moitas outras nos vindeiros meses"

A vosa proposta para a xestión do cárcere recollía as análises, reflexións e achegas realizadas durante varios anos por numerosos colectivos das cidade. Cales son as vosas prioridades neste momento?

Si, a proposta que presentamos na convocatoria pública incluía toda a filosofía que nos anos anteriores rexera o proxecto. O Proxecto Cárcere está composto por diferentes colectivos da cidade, buscando que o espazo do antigo cárcere provincial, que estaba abandonado, sexa utilizado para distintas actividades. Pero non é un proxecto para nada pechado; ás entidades que xa están dentro da iniciativa sumaranse de seguro moitas outras nos vindeiros meses.

Poderase levar a cabo, polo tanto, o modelo de xestión que sempre defendestes: titularidade pública e xestión autónoma, a cargo das entidades que utilicen e potencien o espazo?

O obxectivo é dotarse dun espazo cidadán, que non estea dirixido pola administración, senón que a xente da cidade que se está organizando en diferentes colectivos poida levar a cabo e xestionar esta proposta de actividade. A idea é xerar un espazo mancomunado -como poden ser os montes comunais- que a xente que vive nun determinado territorio utiliza e xestiona. Deste xeito, o espazo é público, pero as decisións son adoptadas polas persoas e colectivos que empreguen o espazo e que están involucradas no proxecto. A xestión debe ser diferente á que existe nos espazos municipais, como son os centros cívicos ou o Ágora e debe dar resposta a necesidades que neste momento non están satisfeitas.

"O obxectivo é dotarse dun espazo cidadán, que non estea dirixido pola administración, senón que a xente da cidade que se está organizando en diferentes colectivos poida xestionar esta proposta de actividade"

Como é o mecanismo de organización? Que debe facer unha persoa ou colectivo que queira participar?

O Proxecto Cárcere está xestionado por unha asemblea, a partir da cal se organizan diferentes grupos de traballo que se encargan de realizar distintas actividades. Todas as persoas que queiran participar poden escribir ao noso correo electrónico ou acudir libremente ás asembleas que se vaian convocando.

"A xestión debe ser diferente á que existe nos espazos municipais, como son os centros cívicos ou o Ágora e debe dar resposta a necesidades que neste momento non están satisfeitas"

Cantas persoas ou entidades estades involucradas neste momento no proxecto?

A proposta que presentamos en xaneiro incluía a 30 persoas e a unhas 15 ou 20 entidades ou colectivos, que a apoiaran oficialmente. En realidade, xa na actualidade son máis, pois unha vez que a proposta foi entregada e publicada foron varias as persoas e asociacións que se puxeron en contacto con nós, para comunicarnos que querían participar pero que non chegaran a tempo para enviar a súa achega. Así, esperamos que nun futuro próximo serán moitas as entidades que se incorporarán, con novas propostas de actividade e usos para o edificio.

Cales son os prazos para o comezo das primeiras actividades?

As obras de rehabilitación estenderanse ata final de ano, polo que comunicou o concelleiro Xiao Varela, unhas obras que non se realizarán en todo o espazo, senón ao redor no 25% do edificio e os patios, para poñelos en uso. En realidade, de aquí a alá temos aínda moito traballo por facer, nestes tres meses temos que pechar aínda a organización das primeiras actividades.

Aínda que o edificio poderá ser empregado por persoas e colectivos de toda a cidade e mesmo de fóra, supoño que lle outorgades unha importancia especial á relación coa veciñanza e co barrio que rodea o cárcere...

Dende o comezo viamos tres escalas de intervención. E a primeira é a escala máis próxima, que nos parece moi importante, xa que este equipamento público está asentado no barrio, e aínda que o barrio funciona de costas a el mesmo así é un elemento referente. Neste anos, esa separación entre o edificio e o barrio era maior en función do estado cada vez máis degradado do espazo, que desaconsellaba achegarse a el. A segunda escala é a da cidade, xa que o edificio ten unhas dimensións e un tamaño tan importantes que pode dar servizo a toda A Coruña e mesmo para os restantes concellos da comarca, que sería a terceira escala. Queremos que as actividades que se realicen teñan en conta estas tres escalas: o barrio, a cidade e a comarca.

"Queremos que as actividades que se realicen teñan en conta tres escalas: o barrio, a cidade e a comarca"

A memoria histórica, dada a significación do edificio en boa parte do século XX, será fundamental no futuro do espazo. Como se vai concretar?

É, efectivamente, un edificio emblemático para a memoria histórica na cidade. Dende o comezo levamos traballando en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, que afondou moito neste asunto e tamén a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica fixo propostas a través do Proxecto Cárcere para levar a cabo iniciativas neste ámbito. Será un dos piares fundamentais das actividades que alí se realicen: memoria, culturais e sociais.

Como valorades a campaña iniciada por La Voz de Galicia contra vós, acusándovos de ser un colectivo próximo á Marea Atlántica? 

O que aparece publicado en La Voz de Galicia é enganoso. Eles fan referencia a unha serie de persoas que están no Goberno local ou que foron nas listas da Marea e que aparecen no blog do Proxecto Cárcere porque tiveron algún tipo de vinculación ou colaboración no inicio do proceso, en 2010, cando dende a concellaría de Cultura xestionada por María Xosé Bravo se impulsaron unha serie de actividades para dotar de uso o edificio -o S8, unha homenaxe a John Berger, xornadas de autoxestión...- . A partir destas actividades xurdiu o Proxecto Cárcere e é aí cando algunhas destas persoas se adheriron, aínda que moitas delas non chegaron a participar realmente no proxecto. De feito, das máis dun cento de persoas que estaban formalmente adheridas ao comezo, a maior parte foi mudando ou abandonando, ata que nos últimos tempos apenas 6 ou 7 persoas estaban traballando de forma activa e ningunha delas relacionada coa Marea Atlántica. É chocante que a noticia de La Voz de Galicia non faga referencia ás persoas que asinan a proposta entregada ao Concello hai uns meses e si uns nomes de persoas que colaboraron en 2011 e 2012 nunhas actividades ou que estaban nun listado de apoio. Parece que se lle tenta vender á cidadanía algo que non é así.

"Foi moi importante crear un grupo así, tan heteroxéneo, con xente que viña de movementos sociais e tamén con profesionais de ámbitos diversos, xerando un proceso moi rico"

En calquera caso, supoño que agora que por fin ides poder comezar a organizar actividades no cárcere sentides unha gran satisfacción, despois de anos de traballo. É unha recompensa á constancia?

Realmente houbo momentos nos últimos anos nos que chegamos a ver moi lonxe o obxectivo, xa que o número de persoas que participaban era cada vez menor e víase difícil que o Ministerio permitise utilizar o edificio. E chegou a haber dúbidas, claro, e unha certa desesperación. A realidade é que a constancia e a perseveranza permitiu abrir o cárcere, e que nos últimos meses incorporouse moita xente. Foi moi importante o traballo feito, por exemplo a planimetría do cárcere que se fixo a través de especialistas, analizando o estado dos distintos elementos, ou as reflexións sobre os distintos usos posibles, nos que contamos coa colaboración de expertos e persoas que participaban en proxectos semellantes en todo o Estado. Foi moi importante tamén crear un grupo así, tan heteroxéneo, con xente que viña de movementos sociais e tamén con profesionais de ámbitos diversos, xerando un proceso moi rico.

"Aínda que o Ministerio non queira ofrecer a cesión gratuíta, o feito de que moita xente da cidade fixese seu o cárcere será unha inmellorable forma de presión para acadar a devolución completa do edificio"

En principio ides poder xestionar o espazo durante un ano e a propia cesión, aínda que prorrogable, remata tamén o ano que vén. Confiades en que a cidade poida finalmente recuperar o edificio, de forma definitiva?

Pretendemos que o futuro sexa un cárcere con moita actividade e con moita xente participando. E este proceso non remata a un ano vista. Se conseguimos que o cárcere estea vivo, unha vez que finalicen estes dous anos acordados polo Ministerio e o Concello, aínda que o Ministerio non queira ofrecer a cesión gratuíta, o feito de que moita xente da cidade fixese seu o cárcere será unha inmellorable forma de presión para acadar a devolución completa do edificio. Haberá unha resposta cidadá para que o espazo permaneza aberto e con actividade. Se o cárcere está vivo, se a cidadanía faino seu, conseguirase a devolución definitiva do espazo.

 

Un dos patios do antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Patio do cárcere CC-BY-SA Praza Pública
Porta principal do cárcere CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.