"A educación é o maior instrumento para reducir a desigualdade social"

Javier Álvarez, primeiro pola esquerda, no comezo da campaña #FilosofíaSi Dominio Público Praza Pública

Jorge Álvarez, doutor e Catedrático de Filosofía de Instituto, prexubilouse en 2014 despois de 40 anos impartindo clase e con varios libros publicados (El último Foucault ou La ética del pensamiento) e outros en preparación. Despediuse cunha celebrada e viralizada carta publicada en Faro de Vigo, Adiós, alumnos, adiós, que se pechaba deste xeito: "Non, non teño nostalxia, si preocupación por ver como se sistematiza progresivamente a formación calculada do home unidimensional". Álvarez é un dos integrantes da comisión de docentes que impulsa a iniciativa para recuperar a Filosofía como materia troncal no Bacharelato. Despois de que a LOMCE a convertese nunha optativa, 11 comunidades atoparon fórmulas para manter o seu status, algo que agora se reclama en Galicia.

As aulas son espazos fundamentais para construír os imaxinarios sociais das persoas e as súas interpretacións respecto da realidade, xerando unha sorte de senso común que delimita as marxes do posible e do aceptable como normal. De aí a importancia de que a programación educativa favoreza unhas determinadas visións, valores e competencias. Falamos con el como nos últimos días fixemos con Carme Adán e Eva Garea xusto no día no que se inicia a campaña Chiando pola Filosofía

"Parécenos moi importante que a nivel persoal dirixentes moi destacados do PPdeG nos manifestaron o seu apoio. Parece que o problema está na Consellería, que mantén unha posición un tanto de inercia"

Despois das xuntanzas que mantivestes cos distintos grupos políticos, es optimista? Cres que a iniciativa presentada pode ir adiante?

Eu creo que si, que podemos selo. Aínda que sempre esta cuestións de optimismo e pesimismo son subxectivas, dependen do carácter da persoa. Pero podemos selo porque dende que comezamos esta campaña chegamos a moita xente, que asinou en masa, sendo conscientes da importancia de manter a Filosofía. Na opinión pública hai un clima favorable, non se ve a Filosofía como unha materia máis, vese como algo especialmente formativo, especialmente relevante; vese que o ensino é un ou é outro se hai ou non hai filosofía. E nas conversas cos grupos parlamentarios, todos os grupos da oposición déronnos o seu apoio, e o PP está nunha posición dubitativa, non se pecha e está estudando o encaixe da materia, abrindo a porta a dar o seu apoio.

Hai 11 comunidades que tomaron medidas a favor da Filosofía, consolidándoa no ensino; no Congreso a voceira popular de Educación recoñeceu publicamente que fora un erro retirar a materia de Historia da Filosofía. E parécenos moi importante que a nivel persoal dirixentes moi destacados do PPdeG nos manifestaron o seu apoio. Parece que o problema está na Consellería, que mantén unha posición un tanto de inercia. Recuperar a materia de Filosofía sería algo máis que salvar esta materia concreta, significaría afianzar unha orientación educativa na que o pensamento pesa, ten valor.

"A Filosofía serve, se empregamos este termo, para pensar, para ser conscientes de todo aquilo que nos pasa, que coñecemos, que facemos nos distintos campos"

Nos últimos anos está primando unha visión utilitarista do ensino. Recollendo ese concepto de utilidade, para que serve a Filosofía?

É algo que se pregunta moita xente. Unha das cousas que fai a Filosofía é precisamente orientar a nosa capacidade de facer as preguntas. A Filosofía é metateoría, unha reflexión que che leva a reflexionar sobre outro asunto; é dicir: “por que me pregunto o que me pregunto?”. O criterio de utilidade que habitualmente se emprega pode que non sexa o adecuado; o máis valioso non sempre é o máis útil. O amor ou a amizade son cousas que valoramos moito e non pola súa utilidade, e se nos reportan algún tipo de utilidade é en todo caso colateral. A Filosofía serve, se empregamos este termo, para pensar, para ser conscientes de todo aquilo que nos pasa, que coñecemos, que facemos nos distintos campos. A Filosofía o que fai é establecer nexos entre todo aquilo que está fragmentado: a física, a arte, a historia, a moral, as nosas experiencias vitais... Responde a algo que é propio do ser humano: a curiosidade e o pensamento, con independencia de toda utilidade; satisfainos saber o porqué das cousas.

"A Filosofía o que fai é establecer nexos entre todo aquilo que está fragmentado: a física, a arte, a historia, a moral, as nosas experiencias vitais..."

Pero é que ademais a Filosofía si ten efectos positivos colaterais moi relevantes. A Universidade de Durham, en Inglaterra, fixo un experimento con rapaces de distintas escolas, uns estudaban Filosofía e outros non. O obxectivo era comprobar que capacidades e recursos podía estar fomentando a Filosofía. Os resultados foron impresionantes: os rapaces que estudaban Filosofía melloraban en análise de texto e comprensión lingüística e melloraban en Matemáticas. Pero isto non é o esencial: o máis importante é que a Filosofía nos axuda a pensar por nós mesmos sen depender de ninguén, axúdanos a ser autónomos. Kant dicía isto, que eramos maiores de idade cando pensabamos por nós mesmos.

Dicides no texto da ILP presentada que a Filosofía é moito máis necesaria "nun contexto nada pasaxeiro de fondos cambios de todo tipo que afectan fondamente ás nosas vidas". É así? É máis necesaria ca nunca?

A UNESCO é moi reiterativa en recomendar a presenza da Filosofía na educación; chega a falar mesmo do concepto do dereito á Filosofía. Mentres, os informes que realmente pesan, os informes da OCDE, están orientados nun sentido moi economicista, moi pragmatista, moi ligados ao inmediato e recomendan ir retirando estas outras materias que entenden que son ornamentos de erudición e de cultura. Pero creo que mesmo dende o punto de vista do profesional especializado e mesmo atendendo a esa presión que supostamente o tempo presente nos esixe, é un pensamento moi estreito considerar que non son importantes a historia, a literatura, as artes..., por falar doutras materias.

"O que se está vendo é que a xente de cada área especializada que responde con máis imaxinación, con máis creatividade e iniciativa aos cambios acelerados que vivimos é a xente que ten teoría, capacidade de abstracción"

Porque o que se está vendo é que a xente de cada área especializada que responde con máis imaxinación, con máis creatividade e iniciativa aos cambios acelerados que vivimos é a xente que ten teoría, capacidade de abstracción, que ten esta outra formación que en principio parecía máis lonxe da realidade inmediata. Resulta que é precisamente iso o que a capacita para situarse mellor en cada momento. Ninguén dubida da importancia da especialización, pero é este coñecemento xeral, este afondar na capacidade de pensamento, o que achega os recursos fundamentais para situarse fronte á realidade. Hoxe, máis que nunca, necesitamos de ideas e de referencias para situarnos no mundo. E a Filosofía é un gran compás para non perder o norte ante os grandes cambios que se están a producir.

"Nunca foi tan necesario estar ben provisto intelectualmente, ante unha situación tan esixente, tan desconcertante, que nos fai tan vulnerables, como é a que vivimos e imos vivir"

En realidade hai unha gran contradición entre estas orientacións tecnocráticas ou instrumentais que a OCDE promove no ensino e que segue o Ministerio de Educación e as esixencias sociais e do mundo do traballo. Porque nunca foi tan necesario estar ben provisto intelectualmente, ante unha situación tan esixente, tan desconcertante, que nos fai tan vulnerables, como é a que vivimos e imos vivir. Esta mesma contradición dáse entre as orientacións xerais que en teoría guían as leis educativas e a aplicación práctica que se fai. A propia LOMCE fala de promover nos nenos a súa autonomía, fala de promover criterios de non discriminación, fala de capacidade crítica, de sentido histórico... Pero ao final resulta que retira todas esas materias que son decisivas para formar neses valores.

"Este tipo de educación prepara unicamente grandes especialistas con escasos coñecementos xerais, crea consumidores satisfeitos e un concepto de cidadanía rebaixada, carente de contido"

Si ten confianza no éxito desta iniciativa, pero non es demasiado con respecto ao futuro inmediato do ensino. É así?

Non podo ser optimista con respecto ao futuro da educación, non. Antes, ante as autoridades educativas non pesaban unicamente os informes da OCDE, senón que pesaban outros moitos criterios e informes elaborados por organismos relevantes. Os informes da OCDE son totalmente unidimensionais, moi nesgados polas esixencias do mercado. Só así se explica que, á vez que suprime contidos coma os da Filosofía, introduzan materias como Iniciativa Empresarial e fundamentos de economía práctica moi concretos, para que os alumnos saiban investir en bolsa ou aprendan a manexar unha tarxeta de crédito. Este tipo de educación prepara unicamente grandes especialistas con escasos coñecementos xerais, crea consumidores satisfeitos e un concepto de cidadanía rebaixada, carente de contido.

"Ofrecer un ensino máis ou menos rudimentario para a maioría e de reservar para uns poucos, en centros de elite, un ensino máis cualificado leva a potenciar a división social e a desigualdade"

A educación pública é o maior garante dunha sociedade igualitaria?

En España incrementouse notablemente a desigualdade na última década, e a educación é efectivamente o maior instrumento para reducir a desigualdade social. Hoxe o ben que significa unha maior diferenza social é o ben do coñecemento, é o ben primario, del depende todo o demais. Isto de ofrecer un ensino máis ou menos rudimentario para a maioría e de reservar para uns poucos, en centros de elite, un ensino máis cualificado leva a potenciar a división social e a desigualdade. A educación debería ser o ben que coidásemos máis, onde deberiamos buscar un maior consenso. É a clave para acadar unha sociedade igualitaria, tanto no campo social e económico, pero tamén no sentido da división de xénero ou para combater toda discriminación

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.