0 Gardados para despois

"Non se lles pode negar aos galegos un dereito recoñecido nos outros territorios do Estado"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Hai agora dúas semanas, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a membro da súa comisión permanente, Celia Armas, rexistraron no Parlamento os máis de 28.000 apoios conseguidos para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Sentido Común de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. 

A Mesa recolleu 28.000 apoios á ILP que pretende "garantir materialmente o exercicio do dereito á información e á atención en galego nun ámbito tan básico como o socioeconómico"

Superados con amplitude os 10.000 apoios necesarios logo de meses de campaña e recollida de sinaturas por todo o país, a iniciativa reclama "igual trato e iguais dereitos" e, concretamente, "que se garanta materialmente o exercicio do dereito á información e á atención en galego nun ámbito tan básico como o socioeconómico". 

Agora, a proposta debaterase nas próximas semanas -presumiblemente xa no mes de novembro- no Parlamento coa intervención da propia Mesa e dos diferentes grupos para a súa toma en consideración. No caso de o voto ser favorable, comezará o proceso de transformación en lei da iniciativa, algo que se alongaría durante un ano. 

En novembro votarase a toma en consideración; no caso de voto favorable, comezaría o proceso de transformacion en lei da ILP

O apoio en forma de sinaturas e a propia ILP buscan, como aclara A Mesa, "pór en evidencia e mudar as actitudes hostís que se manifestan no ámbito económico" contra a lingua galega. Desde corporacións que se negan a empregar a toponimia oficial a quen prohibe o uso do galego para facilitar a deslocalización ou utiliza un hipotético descoñecemento do galego para negar atención ou mesmo dilatar procesos xudiciais. "O me habla castellano o no le atiendo'; esa é a famosa frase que tantos e tantas escoitamos e coa que queremos acabar", explica a Praza.gal Marcos Maceira, presidente da organización en defensa da normalización da lingua propia. 

Os dereitos que reclama a ILP están xa recollidos para vascos e cataláns en cadanseus estatutos de consmidores das autonomías

E en definitiva, tamén, igualar as condicións dos galegos e dos galegofalantes coas dos restos de cidadáns do Estado español. Como lembra Maceira, os dereitos que contempla a ILP presentada xa están recollidos no Estatuto das Persoas Consumidoras e Usuarias de Euskadi e no Código de Consumo de Catalunya. "É algo que está aprobado noutros territorios de hai moito tempo, mesmo con sentenzas do Constitucional que mantiveron o articulado ao respecto dos dereitos lingüísticos como no caso da normativa catalá", explica quen resume o que garanten esas lexislacións: "que sempre debe haber alguén que poida atender os consumidores na súa lingua"

Algo tan sinxelo que, como é sabido por moitos, nin acontece nin é garantido en moitas empresas galegas, nin tan sequera nalgunhas administracións. "Non se lles pode negar aos galegos un dereito recoñecido nos outros territorios do Estado", insiste Maceira, que lembra tamén que, ao contrario que en Catalunya ou Euskadi, o avance que suporía para o galego a aplicación dunha lexislación en base a esta ILP chegaría do "impulso popular" e non do deber dos poderes públicos. Sería, en todo caso, a toma en consideración, a aprobación da lei correspondente e, finalmente, a súa "aplicación práctica e medíbel". 

"No caso de aprobarse a nova lei, debe concretarse e aplicarse, porque estamos moi afeitos a que se fagan acordos e non se apliquen"

"En Galicia existe o dereito ao uso do galego pero que, na práctica, queda en nada; no caso de aprobarse esta nova lei, debe concretarse e aplicarse, porque estamos moi afeitos a que se fagan acordos e non se apliquen", engade Maceira, que cre que suporía "un avance" pero que, unha vez máis, "chegaría arde". "Estes avances, no caso galego, sempre xorden da sociedade e nunca co Goberno", di. 

A receptividade, segundo aclara A Mesa, é importante, pero todo dependerá, como sempre, da decisión que tome o PP como partido maioritario e con maioría absoluta na Cámara. "O apoio é claro e explícito no caso de todos os partidos da oposición", explica Maceira, que aclara que xa 125 persoeiros de diferentes ámbitos socioeconómicos deron o seu apoio á ILP, que acabou sendo asumida "por unha representación moi variada e representativa do empresariado galego". Mesmo o actual presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) amosou, segundo o colectivo, "vontade de avanzar", aínda que o que "falta ese apoio explícito que axude". 

A Mesa ve "certa receptividade" no PP e na Xunta, pero espera que se concrete "en apoio porque é algo moi básico"

No caso do Partido Popular e da propia Xunta, e logo de xuntanzas tamén co secretario xeral de Política Lingüística ou coa directora xeral de Consumo, A Mesa considera que "hai certa receptividade" que se "debería concretar en apoio porque é algo moi básico", máis, segundo di, "tendo en conta que o Estatuto recoñece o galego como lingua oficial, a existencia dun Plan Xeral de Normalización Lingüística ou da Cara Europa das Linguas". "É cuestión de que o Parlamento recoñeza os dereitos", engade. 

No fondo, como explica A Mesa, é "o dereito á liberdade de empregarmos o galego sempre e en todo lugar" e evitar o "desprezo" polo idioma, "unha forma de racismo que non pode ser legal nunha sociedade democrática". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.