O megaproxecto mineiro de Touro apaña centos de alegacións e mobilización veciñal

Veciñanza presenta alegacións na Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O proxecto megamineiro en Touro e O Pino avanza entre polémica, o rexeitamento de veciñanza, entidades e formacións políticas e presentación masiva de alegacións ao estudo ambiental. Atalaya Mining, xigante mineiro controlado por unha multinacional suíza, pactou entrar no capital de Cobre San Rafael para reactivar unha antiga mina de cobre situada a 27 quilómetros de Compostela (15 en liña recta) e a menos de dous do Camiño Francés. Sitúase nunha zona do primeiros dos concellos no que anteriores episodios da minería metálica xa provocaron graves problemas ambientais en augas superficies, subterráneas e varios ríos que sufriron efectos dos que alertou mesmo o Defensor del Pueblo, que reclamou á Xunta unha actuación eficiente para paliair o desastre ambiental xerado. 

Varios colectivos -entre eles Salvemos Cabana, que denunciou os perigos da iniciativa mineira, ou Contraminacción- presentaron xa alegacións a un proxecto que, tal e como publicou o DOG o pasado 25 de agosto, atópase agora en fase de información pública ao Estudo de Impacto Ambiental presentado pola compañía. Denuncian, entre outras cousas, "consecuencias moi negativas para o medio ambiente e a saúde da poboación". Pero a polémica chegou a boa parte da veciñanza dos municipios que estarían máis afectados por este megaproxecto extractivo a ceo aberto: Touro e O Pino. 

Entidades como Salvemos Cabana e Contraminacción xa presentaron alegacións polas "consecuencias moi negativas para o medio ambiente e a saúde da poboación"

Así, o pasado martes, unha comitiva de veciños e veciñas de Touro, xunto á plataforma Contraminacción, fixeron entrega de 500 alegacións contra o proxecto da mina de San Rafael no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia. O vindeiro venres, esta veciñanza organizada apañará outra boa cantidade de alegacións de expertos e máis cidadáns doutros lugares afectados para volver facer outra entrega. "Contabamos con xuntar unhas 300 e acabamos presentando medio milleiro", conta Rubén Souto, que exerce de portavoz da poboación implicada de Touro, que axiña se organizará nunha plataforma contra este proxecto mineiro. 

A Xunta di que avaliará o proxecto "con todas as garantías, como se fai sempre"

Este xoves, preguntado pola cuestión na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, o vicepresidente, Alfonso Rueda, lembrou que o proxecto “está en fase de alegacións” e asegurou que “a decisión que se adopte vai estar tomada con todas as garantías urbanísticas, técnicas e medioambientais, como se fai sempre”.

Veciñanza de Touro presentou xa 500 alegacións e recollerá máis noutras localidades afectadas para os vindeiros días

Ao rexeitamento que de inicio amosaron grupos ecoloxistas, como Adega, ou políticos foise unindo a cidadanía. Hai poucos días, como lembra Souto, o Concello do Pino convocou unha xuntanza con veciños e empresa para informar sobre o proxecto mineiro. "Había unhas 200 persoas, con xente en contra e outra non posicionada; logo das incertezas e da falta de respostas claras da compañía, foron moitas as persoas que acabaron por situarse en contra e reparar nas posibles consecuencias", explica. 

Tal e como destaca a veciñanza, "a pouco que se afonde nas alegacións presentadas", compróbase que este proxecto impulsado pola sociedade Cobre San Rafael ameaza seriamente a habitabilidade e futuro dos dous concellos afectados polo enorme e irreversible "impacto que terá a actividade mineira nos recursos hídricos e económicos da zona". "É moi grave", explica Souto, que asegura que o feito de que a publicación do proxecto no DOG en pleno agosto colleu "desconcertada" á poboación, que "pouco a pouco foi constatando as carencias do Estuda de Impacto Ambiental e os riscos do proxecto". "Déronnos motivos dabondo para unirnos e preparar as alegacións, pero non para que mude, senón para deter esta iniciativa sen solvencia nin seguridade ningunha, feito pensando só en extraer cobre e non nos veciños", engade. 

"Non queremos mudar o proxecto, queremos detelo porque non ten seguridade ningunhah e só está pensado en extraer cobre"

Á marxe doutras consecuencias xa advertidas, a veciñanza céntrase no "impacto máis grande" que atribúen ás "drenaxes ácidas" da actividade mineira, unha afectación que a zona leva sufrindo desde hai anos e pola extración levada a cabo anteriormente. Aluden a un estudo que analiza estas drenaxes entre 1974 e 1988. Neses 14 anos, houbo "alteracións ambientais críticas, con cortas profundas, paredes verticais, grandes acumulacións de materiais xeradores de drenaxes ácidas de mina, unha extensa balsa de lodos, causantes de problemas continuos de contaminación de augas e solos, por augas de drenaxe hiperácidas que se verten de forma continua na cunca do Ulla e nos acuíferos subterráneos". Ademais, malia a xeración continua de emisións con altas concentracións de metais pesados, advirten de que a Administración non obrigou ás concesionarias a instalar unha planta de tratamento nin practicou sanción ningunha. 

O estudo da propia empresa, segundo as alegacións, recoñece "concentracións significantes de metais pesados como cadmio, cobalto, cobre, molibdeno, antimonio, selenio e cinc", pero "omite no seu estudo a violación dos límites permitidos para substancias perigosas prioritarias como o cadmio ou o mercurio". 

Na análise do proxecto, a veciñanza advertiu dun "xigantesco" espazo para acumular cascallos onde se pretenden acumular máis de 80 millóns de metros cúbicos dos residuos potencialmente máis contaminantes.  Nas alegacións advírtese da acumulación que "garante a contaminación dos mananciais presentes na zona a ocupar e que subministran aos núcleos de poboación próximos e á propia traída municipal que fornece boa parte do Concello de Touro". Ademais, advírtese das dúas balsas de refugallos previstas que albergarían 69.000 toneladas de lodos tóxicos (50.000 metros cúbicos) e estarían situadas a menos de 200 metros de Arinteiro (42 habitantes) e a menos de un quilómetro de Tribas (20 habitantes), Goleta (100 habitantes), Bravos (14 habitantes), Cruz de Méndez (23 habitantes) ou Torreis.

"A autorización sería temeraria"

En resumo, a drenaxe ácida que se provocaría, segundo as alegacións presentadas, "torna temeraria a autorización do proxecto na súa actual formulación". Isto prodúcese ademais non nunha zona illada e despoboada, "senón nunha área inmediata e contigua a numerosos núcleos que obteñen o seu subministro de auga potábel da área de afectación e ademais dentro dunha cunca fluvial como a do Ulla, que abastece milleiros de persoas e sostén a economía de comarcas enteiras”. E insisten en que a destrución e contaminación de acuíferos será "ampla", como sucedera coa explotación mineira anterior nos 70 e 80, e que os depóstios de residuos mineiros están moi achegados a varias aldeas ou parroquias e acabarían con varias vías de comunicación. 

As alegacións sinalan a drenaxe ácida como o principal impacto, que "torna temeraria a autorización do proxecto"

Nas alegacións tamén se repara no feito de que o proxecto mineiro afecta o abastecemento de augas de varias explotacións gandeiras ou a destrución da súa base territorial, así como patrimonio etnográfico e arquitectónico destacable como muíños do século XVII, o Camiño Real da Feira do 20 e complexos megalíticos. 

Para Rubén Souto, as xuntanzas de responsables da empresa coa veciñanza non fan máis que aumentar as dúbidas e a incerteza. "Só aluden a ter confianza neles cando abonda con mirar a hemeroteca para comprobar a cantidade de expedientes abertos por gobernos ou a Fiscalía hai pouco contra a mesma empresa en Riotinto", explica. "Non foron claros sobre como se vai arranxar a contaminación que xa temos, din que as explosións case nin se escoitan e que o po en suspensión non ten toxicidade...", explica. 

"A única baza que tiña preparada a empresa era a dos postos de traballo"

"A única baza que tiñan preparada era a dos postos de traballo, malia non facer un informe realista do impacto económico que o proxecto tería nos concellos", engade Souto, que lembra os máis de 400 empregos que prometen na primeira fase, "quince delas en escolas infantís". "Nos centros que hai en Touro e Pino non traballan quince persoas agora mesmo", remata o portavoz dunha veciñanza que se constituirá en plataforma e comezar á "mobilizarse" e a dirixirse ás administracións "locais e galega" para "deter a iniciativa". "A última palabra tena a Xunta", advirten. 

Zona mineira en Touro onde se prevé o proxecto © Atalaya Mining

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.