0 Gardados para despois

"A facilitación da expropiación forzosa de terras vai contra os intereses da maioría da poboación do rural"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este venres ás 12 horas está convocada unha concentración ante o Parlamento para protestar contra a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais proposta polo PP, que este mes se debaterá na cámara. É unha das accións da campaña iniciada a pasada semana por unha vintenta de colectivos. Entre eles está Véspera de Nada, que preside Xoán Doldán, profesor titular de Economía Aplicada da USC. Falamos con el sobre os efectos da chamada Lei de Depredación.

"O argumento do emprego é falaz. A minaría, sobre todo, destrúe o tecido social e económico previo, e iso é moi difícil de reconstruír"

O PP e o Goberno galego defenden que a lei xerará riqueza e postos de traballo. En que medida isto é certo? Que tipo de riqueza e de emprego xeran os proxectos eólicos ou mineiros?

Co argumento do emprego pretenden enganchar a xente, aproveitando unha situación de elevado paro e precariedade laboral. Pero é que nin sequera é certo, non é certo que estes proxectos vaian xerar moitos postos de traballo. Isto xa o vimos en situacións anteriores: o desenvolvemento eólico que houbo nos últimos tempos en Galicia todo o emprego que xerou estivo ligado á instalación primeira dos parques e mesmo así os traballadores contratados para isto movíanse dun punto a outro, xerando polo tanto poucos contratos e pouco emprego local. De feito, o número de empregados no sector enerxético en Galicia está caendo dende hai anos. O mesmo ocorre co sector mineiro; a minería que se está instalando, a ceo aberto e utilizando maquinaria pesada, é moi intensiva en capital pero pouco intensiva en man de obra. E a maior parte do persoal tamén vén dende outros lugares: enxeñeiros ou técnicos especializados.

Xérase pouco emprego, polo tanto, e ao mesmo tempo prodúcese tamén destrución de postos de traballo nos lugares ocupados por estes proxectos, por mor dos efectos negativos sobre as explotacións agrícolas ou gandeiras e sobre outras actividades. O argumento do emprego é falaz. A minaría, sobre todo, destrúe o tecido social e económico previo, e iso é moi difícil de reconstruír. Para actividades que van durar unhas poucas decenas de anos estase destruíndo algo que estaba aí e que despois non é recuperable.

"Con esta lei o rural queda condenado a ser, simplemente, un espazo onde hai recursos que poden ser explotados por outros e onde se pode sacrificar todo o que xa está"

A lei suporá a consolidación deste modelo produtivo e de explotación do territorio que xa estamos vendo implantarse nos últimos anos na Galicia rural?

Unha das cousas máis negativas desta lei é a desregulación absoluta de distintos ámbitos que teñen que ver con sectores produtivos moi ligados aos recursos naturais, sexa o sector eólico, sexa o mineiro, sexa o sector forestal. A lei afianza unha determinada visión de como se deben xestionar os recursos naturais: a súa explotación mercantilista e a cargo das grandes empresas. E a desregulación que promove afonda neste modelo extractivista, limitando outras formas de xestión dos recursos, máis democráticas e conservacionistas, modelos que amosan máis confianza no rural galego. Con esta lei o rural queda condenado a ser, simplemente, un espazo onde hai recursos que poden ser explotados por outros e onde se pode sacrificar todo o que xa está. As facilidades que a lei dá para a expropiación forzosa de terras van en contra dos intereses da maioría da poboación que habita no rural, que queda sen posibilidade de defenderse e cunha desinformación cada vez maior.

"Para min o peor da lei é a desprotección na que vai deixar a poboación afectada, que vai ver moi limitado o seu dereito a alegar ou poder obxectar algo a calquera proxecto"

A lei fará máis difícil opoñerse no futuro a calquera destes proxectos, por prexudiciais que sexan?

Para min o peor da lei, ademais desa desregulación de todos os ámbitos, é a desprotección na que vai deixar a poboación afectada, que vai ver moi limitado o seu dereito a alegar ou poder obxectar algo a calquera proxecto. A situación na que queda a maior parte da poboación é de desamparo absoluto. Por moito que haxa unhas canles de publicación de información, a xente normalmente non le os boletíns oficiais ou as webs da Xunta a diario. Cando esa información chega ás persoas afectadas, xa pasou un tempo. Reducindo os prazos como fai esta lei, pode suceder que cando chega esta información, xa pasaran os tempos de alegación. Xa hoxe os prazos son moi axustados para poder facer unha análise a fondo.

Tamén me preocupa a deixación das súas responsabilidades por parte da Administración, que deixa en mans das propias empresas o control de que os proxectos se realicen de forma responsable ou coidando o medio. A redución de prazos internos, dentro da propia Administración, incrementa o desamparo da poboación. Falo do feito de deixar todas as decisións finais en mans da dirección xeral de Industria, Enerxía e Minas, e de que os informes dos restantes departamentos non se teñan en conta.

"Estamos tentando difundir o contido e os efectos da lei, pero é complicado chegar a todo o mundo pola propia complexidade da norma"

A lei é complexa, abstracta. Semella que iso -ademais do momento e a forma en que foi presentada- está dificultando a información da poboación que se vai ver afectada. Como se pode conseguir incrementar a mobilización da sociedade na súa contra?

Estamos tentando difundir o contido e os efectos da lei, pero é complicado chegar a todo o mundo pola propia complexidade da norma. Non é fácil de explicar e a xente pode non visualizar nun comezo cales son as súas implicacións profundas e como poden afectar en cada lugar e en cada ámbito. Para nós o importante é que a xente saiba, primeiro, que existe esta lei, porque nun primeiro momento toda a información que saíu era que o PP estaba facendo unha norma que ía resolver os problemas de competitividade de Galicia con norte de Portugal, mentres se deixaba oculto o verdadeiro sentido da norma.

A proposta comeza falando de parques empresariais, un aspecto que efectivamente está no articulado. Pero o fondo da lei, o máis importante, nin sequera está nos seus artigos, senón que está nas disposicións finais, onde se modifica a propia normativa creada por este mesmo Goberno. Mudan as súas propias leis, pero no sentido de desregular todos os ámbitos e buscando evitar o debate público que se daría se anunciasen unha modificación desas normas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.