0 Gardados para despois

A Xunta retira o anuncio turístico que amosaba unha balsa de residuos tóxicos

Redacción | @prazapublica

As críticas recibidas nos últimos días por unha das imaxes da campaña de promoción turística da Xunta Dáme Galicia obrigaron a Turgalicia a recuar e a retirar o anuncio. En concreto tratábase dunha fotografía das balsas de residuos mineiros do Monte Neme, en Carballo. Estas balsas non só teñen un contido tóxico, recoñecido polo Goberno galego nas súas análises, senón que foron as responsables dun importante vertido en febreiro de 2014, que provocou importante danos na contorna e que levou a alarma á poboación local.

Turgalicia cualifica o sucedido de "erro" e afirma que non funcionaron adecuadamente os "filtros". A campaña Dáme Galicia está composta de fotografías e vídeos reais de varios lugares de Galicia, publicados nas redes sociais por distintos visitantes destas zonas. Segundo Turismo de Galicia, as imaxes foron escollidas directamente pola axencia publicitaria, pero dende o Goberno galego ninguén puxo obxeccións á utilización das tan polémicas balsas como reclamo para atraer visitantes.

A campaña recibiu numerosas denuncias de particulares ("Pero a quen se lle ocurriu a idea de publicitar Galicia cunha balsa de augas tóxicas", sinalaba un internatura) e de entidades ecoloxistas, como ADEGA, que cualificou a escolla de "surrealista" e destacou que "así será o turismo do futuro coa Lei de Depredacion". Ou da Plataforma Monte Neme, que criticou "o post-turismo catastrofista no Monte Neme". "Non é unha atracción turística no seu estado actual", salientou, chamando a atención sobre a aínda pendente tarefa de recuperación do espazo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.