Tres incendios distintos queiman xa máis de 400 hectáreas do Parque Natural do Xurés

Un dos incendios que afecta ao parque do Xurés nunha imaxe dunha das brigadas Dominio Público @BMarroxo

Tres incendios distintos queimaron xa máis de 400 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia-Xurés, os tres na mesma parroquia de Río Caldo, en Lobios. Segundo a Xunta, na mañá deste mércores dous deles seguían aínda sen control e requiriron do desprazamento este martes da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Con eles, nas pouco máis de dúas semanas que levamos deste outono solleiro arderon xa só na provincia de Ourense amplamente máis de mil hectáreas.

Na mañá deste mércores dous dos lumes no parque natural do Xurés seguían sen control

Segundo a información facilitada polo Goberno galego, o primeiro dos incendios que nos últimos días veñen afectando o parque do Xurés iniciouse hai xa unha semana e só queimou, segundo os seus datos, “unha superficie de arredor de 51 hectáreas”. Malia as súas reducidas dimensións e traballar nel dous avións, nove helicópteros, 25 motobombas e 74 brigadas, segundo os datos da Xunta, o incendio aínda non está extinguido senón só controlado. Os outros dous incendios na mesma parroquia de Río Caldo iniciáronse o domingo pola noite, seguen activos e son maiores: o meirande é o terceiro, onde xa arderon unhas 300 hectáreas, e no segundo unhas 90. Como no caso anterior, os lumes afectan ao parque natural.

As hectáreas queimadas en Ourense no que vai de outono superan xa as mil

Ademais destes tres incendios, a Xunta deu este mércores por extinguido outro lume dunhas 65 hectáreas en Vilariño de Conso, na parroquia de Chaguazoso. E nas últimas horas conseguiuse extinguir outro lume máis no Carballiño que afectou unhas 52 hectáreas. Porén, o Goberno galego informa doutros dous incendios activos, un de 50 hectáreas en Vilar de Barrio e outro de 20 en Chandrexa de Queixa. No que vai de outono arderon xa máis de mil hectáreas na provincia de Ourense, só contando os incendios dos que informa a Xunta, que son os que superan as 20 hectáreas ou afectan á cidadanía. No resto de Galicia tamén seguen a producirse incendios, como o de Covelo cuxas imaxes se poden ver a continuación, pero o Goberno galego non informa deles.

Vehículo da UME en Lobios Dominio Público @UMEgob
Dominio Público Xosé Manuel Sendín - Comunidade de Montes en man común

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.