O día que a Illa de Arousa foi independente por unhas horas

A Illa de Arousa, dende A Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Manuel Alende Maceira

Este mércores coméntase nos medios e nas redes sociais a declaración de independencia realizada por Carles Puigdemont durante uns segundos. E, por exemplo, o blog Strambotic fai un repaso polos "Estados soberanos máis fugaces de todos os tempos", recollendo entre eles a República Catalá proclamada por Lluís Companys durante nove horas ou a República Galega de 1931, declarada o 27 de xuño e que chegou ata o día seguinte. Pero tamén existiu durante un día (o 7 de Outubro de 1934) a  República Federal da Illa de Arousa, proclamada dous días despois do inicio da folga xeral revolucionaria en toda España, que tivo unha especial incidencia en Asturias e Cataluña.

Como explica o blog Pandulleiros (a partir do libro Historia da Illa da Arousa de Xoán Dopico e Xosé Lois Vila Fariña), nese ambiente de contestación social contra o goberno dereitista, a Agrupación Local do PSOE na Illa de Arousa convocou unha asemblea na que someteu a votación a organización dunha folga xeral para o luns 8 de outubro, como protesta polos métodos e condicións de traballo, principalmente nas fábricas de conserva. Rematada a asemblea, na tarde dese domingo 7 de outubro, os asistentes á xuntanza dirixíronse á taberna de Juanito de Luísa, situada no Nicho. Alí, seguindo o exemplo da proclamación realizada por Companys na tarde do sábado, a conversa encamiñouse cara á posibilidade de facer o mesmo na Illa, que sempre tivo unha forte conciencia dunha identidade propia e ademais unha importante compoñente obreira e esquerdista.

"Segundo Nine, un dos asistentes ao histórico momento, colleu un anaco de papel de estraza do mostrador e preparou lixeiriño a lista co Goberno Provisional do recén creado Estado Arousán"

"Segundo Nine, un dos asistentes ao histórico momento, colleu un anaco de papel de estraza do mostrador e preparou lixeiriño a lista co Goberno Provisional do recén creado Estado Arousán", destaca o blog Pandulleiros. Unha lista na que figuraba como presidente Santiago Otero Pouso “Pajares”; como ministro de Xustiza Andrés Mougán Cores “Tormenta”; ministro de Gobernación, Manuel Iglesias Dios; ministro de Facenda, Demetrio Ramos Lojo; e como ministro de Cultura, Luis de Saa Bravo.

Porén, destaca Pandulleiros, o "inofensivo evento tipicamente tabernario" foi reprimido de forma desproporcionada polas autoridades, que o elevaron "á categoría de conspiración secesionista froito das pantasmas que xa albiscaban por tódolos currunchos ante o apodrecemento da situación política que se estaba a experimentar nos últimos tempos no país".

O "inofensivo evento tipicamente tabernario" foi reprimido de forma desproporcionada polas autoridades, que o elevaron "á categoría de conspiración secesionista", destaca o blog Pandulleiros

Así, ao día seguinte, xornada de folga, chegou á Illa unha dotación de Gardas de Asalto que antes de desembarcar en terra comezaron a disparar ao aire “para despejar el Cantiño, que se hallaba invadido de isleños”, como recolleu a prensa do momento. Os axentes fixeron cacheos e procuraron aos participantes na xuntanza secesionista, sendo detidas trece persoas. Todos os arrestados foron trasladados a Vilanova de Arousa no gardacostas Tritón, e de alí a Pontevedra nun camión da Garda de Asalto. Ao día seguinte estoupou unha bomba na Illa, de orixe descoñecida, o que provocou o regreso da Garda de Asalto en dous buques, o Tritón e o Castelló. Houbo rexistros polas casas, buscando supostamente un cargamento de explosivos procedentes de Portugal. Houbo novas detencións, entre as que se conta Santiago Otero Pouso "Pajares", presidente da efémera república, que conseguira fuxir o día anterior.

O sábado 13 todos os detidos foron postos en liberdade, pero acusados dun delito de sedición tiveron que pasar por un Consello de Guerra, que rematou coa súa absolución en marzo de 1935. Por desgraza, non foi este o final da historia, pois unha parte importante destes detidos e dos participantes na xuntanza na que se acordou a proclamación da República da Illa de Arousa -a maioría militantes socialistas- foron asasinados no verán de 1936 ou sufriron outras represalias durante a ditadura franquista.

Unha parte dos participantes na xuntanza foron asasinados no verán de 1936 ou sufriron outras represalias durante a ditadura franquista

Foi o caso de Santiago Otero Pouso "Pajares", asasinado polos falanxistas en 1937; O seu cadáver foi guindado ao mar, pero ao ser devolvo polas ondas, os seus asasinos encheron o seu corpo de pedras para mergullalo novamente no fondo da ría. Tamén o de José Bua Laredo, presidente da Agrupación Local do PSOE, asasinado en decembro de 1936 ao tentar fuxir nun traslado. Luís de Saa Bravo foi condenado a 12 anos de prisión por "auxilio á rebelión".

 

A Illa de Arousa, hoxe CC-BY Gabriel González
Fotografía da Illa de Arousa, en 1927 © http://pandulleiros.blogspot.com.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.