0 Gardados para despois

O Laboratorio Cidadán da Coruña pon en marcha os seus 6 primeiros proxectos

Redacción | @prazapublica

Esta semana presentáronse os seis proxectos de innovación social que se desenvolverán este ano no marco do Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, que inicia a súa andaina, despois das xornadas celebradas o pasado mes de novembro e que serviron para deseñalo e conformar os primeiros grupos de traballo. Os proxectos "teñen como obxectivo traballar e involucrar a distintos colectivos e persoas coa finalidade de crear comunidade e construír cidade dun xeito participado, e procuran favorecer a súa representación no maior número de espazos posibles”, destacou a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, que salientou que  “repercutirán no benestar da veciñanza dos diversos​ ​barrios​" ​da​ ​Coruña, buscando construír cidade dun xeito participado”.

O obxectivo deste tipo de laboratorios cidadáns, é dotar a cidadanía de capacidade e recursos para resolver os problemas de diversa índole que atopan na súa contorna

O obxectivo deste tipo de laboratorios cidadáns, que funcionan dende hai anos en Madrid (Medialab Prado), Barcelona (CitiLab), Estados Unidos ou Dinamarca e numerosas urbes de América Latina, é dotar a cidadanía de capacidade e recursos para resolver os problemas de diversa índole que atopan na súa contorna. Tamén tender pontes entre entidades sociais de distinto tipo, institucións, a universidade e a cidadanía en xeral, creando espazos comúns de traballo, de debate e resolución práctica de problemáticas. "O obxectivo do CoLab é pór en valor as achegas da veciñanza para conseguir unha cidade máis aberta que contribúa ao desenvolvemento cultural, social e económico da Coruña", destácase, nun proceso que busca aproveitar tamén as posibilidades outorgadas polas novas tecnoloxías e os medios dixitais.

Os 6 proxectos do Co-Lab teñen planificadas máis de 50 actividades abertas a todo o mundo

Os proxectos que se desenvolverán neste último trimestre do ano incorporan estes principios fundacionais do Co-Lab e están abertos á cidadanía para que calquera persoa poida participar neles. Cada un dos proxectos desenvolverá actividades e accións para achegarse a un maior público e favorecer a interacción dun maior número de persoas. En total, no que queda do ano, os 6 proxectos do Co-Lab teñen planificadas máis de 50 actividades abertas a todo o mundo. Entre as persoas beneficiarias dos proxectos de innovación social atópanse persoas maiores para as que a soidade é un dos seus principais problemas ou persoas que viven nas aforas da cidade, espazos aínda rurais que están a sufrir unha gran presión urbanística. Outros proxectos diríxense de forma máis xeral á toda a poboación e outros están máis centrados en barrios concretos, coma Monte Alto ou a Agra do Orzán.

 

Os seis proxectos

  • Particip-Agra. Cara á creación de novos espazos de convivencia na Agra do Orzán. O barrio da Agra do Orzan conta cunha densidade de poboación excesiva (688.87 habitantes/ha) que produce unha presión elevada sobre o escaso espazo público. Esta situación ten un impacto negativo sobre un barrio que, de seu, presenta unha gran complexidade: paro, alta diversidade cultural, un índice de envellecemento maior ca media da cidade, baixo soleamento da rúa, baixa calidade das edificacións, etc. Fronte a iso, proponse o debate de dotar de uso os esquecidos patios interiores das mazás. O proxecto quere contar ca mirada da poboación do barrio (veciñanza, comerciantes...) para que sexan eles e elas as que valoren as actuacións a levar a cabo. As bondades de este tipo de procesos son un empoderamento por parte dos cidadáns como axentes de toma de decisións, unha maior implicación da cidadanía na mellora dos barrios e a toma de decisións baseada en acordos adoptados por unha maioría.
  • Co urbanismo nos talóns. Abordando a problemática do crecemento urbanístico para os núcleos periurbanos. Permanecen na cidade lugares singulares, máis rurais que urbanos, que enfrontan os efectos da presión urbanística. O proxecto quere centrar o foco nestes territorios, para atopar solucións colectivas ante a súa inminente desaparición, impulsando unha comunidade de aprendizaxe e práctica arredor destes territorios. O obxectivo do proxecto é ser unha primeira fase dun proceso comunitario a máis longo prazo, con vocación de continuidade e autonomía.
  • Gabinete de imaxinación política. Espazo de intercambio e reflexión para o fortalecemento común. O proxecto destaca que cada vez son menos os espazos de socialización que temos e que é urxente construír novos espazos nos que facer e ensanchar a democracia. O "Gabinete de imaxinación política" quere establecer espazos de encontro e reflexión entre colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais para que a través da combinación de artes e das tecnoloxías sociais, se doten de recursos para acadar maiores cotas de autonomía e capacidade creativa, abríndose a prácticas artísticas colaborativas e ás novas formas de activismo mediante a internet, así como ás ferramentas que proveñen do eido da facilitación de grupos. 
  • Oasis Monte Alto. Reflexionar e experimentar colectivamente para transformar Monte Alto. O proxecto quere mobilizar a veciñanza e os diferentes colectivos de Monte Alto -veciños, comerciantes, hostaleiros, e outros axentes sociais chaves do barrio- para construír colectivamente, cos seus propios recursos e capacidades, un proxecto que redunda no ben común do barrio todo.
  • Soidade. Diagnose da situación actual das persoas maiores da cidade e contribución a mellorar a súa situación. O proxecto destaca que a problemática das persoas maiores que viven en soidade na Coruña e en Galicia urxe a buscar solucións alternativas, polo que "cómpre dar unha resposta colectiva". O proxecto quere: diagnosticar a situación actual do colectivo de xente maior; mobilizar e motivar a diferentes colectivos; co-deseñar con eles ideas e solucións; visibilizar unha realidade con grandes consecuencias no benestar social e na calidade de vida de todas as persoas; e extrapolar os datos e resultados obtidos a outras comunidades e grupos de aprendizaxe e participación social.
  • Cousateca. Plataforma de intercambio de bens para o seu mellor aproveitamento. A Cousateca é unha biblioteca de cousas coa que se quere revalorizar os bens que usamos a diario, mesturando para iso ferramentas dixitais e espazos físicos para o intercambio. Destacan que "agora a tecnoloxía permite rexistrar de xeito moi preciso as disponibilidades e configurar réximes ou grados de préstamo probablemente mellor que nunca". 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.