A vaga de lume leva tres vidas por diante. Dúas persoas, segundo confirman fontes oficiais do Concello de Nigrán consultadas por Praza.gal, dúas perderon a vida na contorna de Chandebrito ao seren cercados polas lapas na furgoneta na que viaxaban. Os falecidos foron localizados polo concelleiro de Vías e Obras da localidade, Rubén Rial, membro do Grupo de Emerxencias do Val Miñor, segundo confirma a este diario o alcalde da vila, Juan González. O terceiro falecemento produciuse no concello ourensán de Carballeda de Avia.
O Concello de Nigrán confirma a morte de dúas persoas en Chandebrito ao seren cercadas polas lapas na furgoneta na que viaxaban
A seca, a falta de chuvias, o vento que se levantou nas últimas horas e a eterna falta de previsión complicou moito este domingo. Segundo informou a Xunta, o país está a sufrir nas últimas horas "unha elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia". Os incendios rexistrados este domingo en todo o país ascenden a 125, segundo admitiu esta noite a conselleira do Medio Rural en declaracións á TVG. O seu departamento, non obstante, non ofrece información de todos eles, o que impide coñecer un cálculo certo das hectáreas xa ardidas.
Na contorna de Vigo, a fronte de fogo acadou os 4 quilómetros e afecta varios concellos tras queimar unhas 1.500 hectáreas e intérnase en barrios da cidade. Mesmo a cidade está a sufrir as consecuencias, ademais doutras moitas localidades cercadas polas lapas. En total, son catorce os incendios nos que está decretada a alerta 2 pola proximidade do lume ás casas: dous en Cervantes, Ponteareas, San Cristovo de Cea, Baños de Molgas, Paderne de Allariz Salvaterra do Miño, As Neves, Chandrexa de Queixa, Baiona, Gondomar, Lobios, Nigrán e Negreira.
Ante tal gravidade, o Ministerio do Interior decretou a situación operativa 1, o que permite que a comunidade autónoma poida empregar medios extraordinarios, é dicir, os medios da Unidade Militar de Emerxencias, que leva tempo xa actuando ante a vaga de incendios. Defensa enviou máis de 350 efectivos a Galicia e alcaldes de municipios da Mariña están poñendo á disposición da Xunta as motobombas que tiñan cedidas. Ademais, a chegada das consecuencias do furacán Ophelia, con ventos superiores aos 100 quilómetros por hora dende o serán, fan prever que a situación empeore ata a madrugada.
Incendio nos montes de Coruxo, en Vigo, na madrugada deste 16 de outubro / Praza Pública
En catorce puntos foi decretada a situación 2 por proximidade ás casas, pero a ausencia de datos oficiais impide coñecer o total da superficie queimada
"Estamos nunha situación difícil, estamos preocupados, sabemos apagar lumes pero as condicións adversas deste domingo nunca as vivíramos nunha década. É unha actividade incendiaria homicida", asegurou Feijóo á tarde, tras visitar o Centro de Coordinación de Incendios. Houbo escenas de pánico e temor en numerosas localidades, así como nas estradas onde as lapas se achegaban aos coches. O presidente da Xunta fixo especial fincapé no feito de que Galicia tamén ten que "loitar", ademais de contra incendiarios e as condicións meteorolóxicas, contra os fogos que chegan desde Portugal ao "saltaren o río Miño" por non "seren apagados".
Efectos do incendio que atinxe a Vilar de Barrio e Montederramo / Brif Laza
Á marxe de novos incendios declarados o sábado e que se incorporan á negra lista deste mes de outubro (en Vilardevós, Friol ou O Saviñao), outros tres importantes declarados na madrugada deste domingo son os que máis preocupaban. Especialmente grave é o declarado en Ponteareas e que afecta tamén os municipios de Redondela, Soutomaior e Pazos de Borbén. Queimou xa arredor de 1.500 hectáreas e tívose que declarar a situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ás casas na parroquia de Nespereira. O fume pódese ver e notar desde calquera localidade da contorna de Vigo e da súa ría, pero non só por eses focos, senón por moitos outros no sur do país. Foron desaloxadas varias vivendas e cortáronse as estradas AG-57, A-52 e VG-20. Tamén hai algún corte na A-54, OU-101, OU-0406 e LU-P-1401 e están afectadas a liña ferroviaria entre Salvaterra e As Neves, así como o tren-hotel que une Vigo e Barcelona. En Beade, desaloxouse a residencia universitaria por precaución.
O lume orixinado en Ponteareas queimou xa 1.500 hectáreas e afecta xa a Redondela e Pazos de Borbén; en Vilar de Barrio, arderon 600
Tamén en Boiro houbo que decretar a situación 2 de alerta, que xa foi desactivada, por un lume activo. En Montederramo declarouse tamén outro grande incendio que afecta tamén a Vilar de Barrio. Serían unhas 600 as hectáreas afectadas xa segundo Medio Rural.
Precisamente, en Cervantes, na parroquia de Vilarello, varios veciños tiveron que ser desaloxados na mañá deste domingo por mor do incendio que afecta o municipio desde hai xa días. Foron varias as persoas que denunciaron estar cercados polo lume. En Gondomar, a Garda Civil desaloxou os habitantes e Vincios, unhas 2.000 persoas. Tamén tiveron que marchar das súas casas veciños de Redondela.
Así, tal e como aclara Ángeles Vázquez, estanse centrando os esforzos dos medios de extinción nos incendios onde hai perigo para as casas. Son varios e en varias provincias. No de Pazos de Borbén, arderon catro naves industriais. Neste último, a titular de Medio Rural advertiu que se produciu por "catro focos consecutivos ao lado dunha estrada" nunha noite na que "a previsión era de vento forte, había temperaturas altas e humidade relativa moi baixa".
Chégannos estas imaxes da situación en Baiona, dende o paseo do Parador. pic.twitter.com/afOvhsjoyA
— TVG (@TVGalicia) 15 outubro 2017
Incendio en Baiona / TVG
Segundo o último comunicado facilitado por Medio Rural, en Galicia estaban activos no serán deste domingo, e superaban as 20 hectáreas de afectación, os seguintes incendios: na Coruña, o de Boiro-Cures; en Lugo, Friol-Xía, Cervantes-Cereixido, Cervantes-Noceda, Paradela-Paradela, Samos-Renche, Antas de Ulla-Areas e Triacastela-Triacastela; en Ourense, Piñor-Coiras e en Pontevedra, Gondomar-Morgadáns. Nas últimas horas quedaron controlados ou estabilizados unha decena de lumes de máis de 20 hectáreas na nosa comunidade e foron extinguidos outros 5, pero o número total de rexistros, dende onte, supera os 80. Malia non incluírse nos datos oficiais, varias testemuñas dan conta doutros importantes fogos, como os que afectan a Nigrán ou Baiona, onde tamén houbo desaloxos. O centro urbano da localidade está cercado polas lapas.
No mes de outubro queimáronse máis de 4.800 hectáreas e rexistráronse 36 incendios con máis de 20 hectáreas de afectación
Tendo en conta unicamente as cifras facilitadas por Medio Rural, no que vai de mes de outubro arderon en Galicia máis de 4.800 hectáreas e rexistráronse un total de 36 incendios cunha afectación de máis de 20 hectáreas. Neste domingo, son polo menos 14 os que superan esa cifra de superficie afectadas e seguen activos.
Frente kilométrico en el incendio de Vilar de Barrio-Montederramo a la llegada #Brif Laza! pic.twitter.com/4kMWLKEqlH
— Diario de un Bombero (@BrifLaza) 15 outubro 2017
Incendio en Vilar de Barrio e Montederramo / @BrifLaza
O dobre de incendios do habitual
Sexa como for, o número de incendios que sufriron os montes do país no que vai de outubro duplican amplamente as cifras habituais da última década nas mesmas semanas do ano e sitúanse en valores máis propios de finais dos anos 90 ou comezos deste século.
No que vai de mes rexistráronse 235 incendios, o habitual na última década era que nestas mesmas semanas do ano roldasen os 100
Atendendo á política informativa reinstaurada dende o regreso do PP á Xunta no ano 2009, a Consellería de Medio Rural non informa de todos os incendios que se declaran, senón que só revela os de máis de 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que atinxen a áreas poboadas ou protexidas polo seu valor ambiental. No entanto, o departamento autonómico si ofrece, de cando en vez, cómputos globais nos que inclúe incendios dos que antes non informara. É o que fixo este pasado 12 de outubro, cando deu en revelar un "dato ilustrativo" nun comunicado á prensa: nos días que levan transcorridos de outubro rexistráronse en Galicia "un total de 235 lumes", di a Consellería, dos que 123 aconteceron nalgún punto da provincia de Ourense.
Imaxe da A-52 / GzContrainfo
Como bosquexa Medio Rural nese comunicado, esta cantidade de incendios son máis do duplo dos habituais na última década. Así o acreditan os datos que difundiu ao seren comparados coas medias acumuladas da última década, incluídas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga). Atendendo a estes estudos, na última década -entre 2007 e 2016- o habitual nestas dúas semanas -a cadraxésima e a cadraséximo primeira do ano- é que se rexistren en Galicia entre 90 e pouco máis de 100 incendios. Nos últimos cinco anos a media foi, concretamente, de 91,2 incendios.
Concello | Superficie | Data de inicio |
---|---|---|
Vilariño de Conso | 400 | 11/10/2017 |
50 | 12/10/2017 | |
30 | 12/10/2017 | |
57 | 12/10/2017 | |
Manzaneda | 21 | 12/10/2017 |
Lobios (parque do Xurés) | 650 | 8/10/2017 |
90 | 8/10/2017 | |
51 | 2/10/2017 | |
Chandrexa de Queixa | 50 | 12/10/2017 |
33 | 11/10/2017 | |
Vilar de Barrio | 125 | 10/10/2017 |
O Carballiño | 29,7 | 9/10/2017 |
Vilamarín | 100 | 13/10/2017 |
Folgoso do Courel | 150 | 11/10/2017 |
Chantada | 150 | 12/10/2017 |
Cervantes | 70 | 12/10/2017 |
20 | 15/10/2017 | |
20 | ||
Silleda | 174 | 12/10/2017 |
San Cristovo de Cea | 40 | 14/10/2017 |
Cualedro | 98 | 12/10/2017 |
Paderne de Allariz | 20 | 13/10/2017 |
Melón | 24 | 13/10/2017 |
Paradela | 26 | 15/10/2017 |
Friol | 20 | 15/10/2017 |
O Saviñao | 20 | 15/10/2017 |
Ponteareas | 1.500 | 15/10/2017 |
Paradela | 20 | 15/10/2017 |
Samos | 20 | 15/10/2017 |
Antas de Ulla | 20 | 15/10/2017 |
Gondomar | 20 | 15/10/2017 |
Piñor | 20 | 15/10/2017 |
Triacastela | 20 | 15/10/2017 |
Boiro | 20 | 15/10/2017 |
Montederramo | 600 | 15/10/2017 |
Vilardevós | 50 | 15/10/2017 |
TOTAL | 4.819,7 |