O PP aproba a 'Lei de Depredación' nun debate marcado pola política forestal

O pleno do Parlamento, este martes © Parlamento de Galicia

A Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia, tamén coñecida como "Lei de Depredación", foi aprobada este martes no Parlamento grazas aos votos do Partido Popular e entre fortes críticas dos tres grupos da oposición. O debate estivo marcado pola vaga de lumes que está a sufrir Galicia e polas críticas á política forestal do Goberno, á que aludiron En Marea, PSdeG-PSOE e BNG.

A norma modifica a Lei de Montes, Lei de Minaría e a Lei de Aproveitamento Eólico

A norma aprobada simplifica os trámites administrativos de supervisión ambiental e patrimonial para diferentes proxectos empresariais, nomeadamente no ámbito da minaría, da instalación de xeradores eólicos e na explotación forestal do monte, mudando as normas (Lei de Montes, Lei de Minaría, Lei de Aproveitamento Eólico...) que rexen estes sectores. Ademais, reduce a capacidade dos concellos para decidir ante grandes proxectos empresariais (que se poden beneficiar de declaracións de supramunicipalidade) e facilita a expropiación de terras en beneficio destas actividades. "A lei ten repercusións non só ambientais, senón económicas, sobre a autonomía dos concellos... Significa unha completa desregulamentación, elimina moitas cautelas ambientais e atenta contra os dereitos dos administrados", destacaba hai uns días Fíns Eirexas (ADEGA) en conversa con Praza, e tanto el coma outros expertos e activistas alertan dos efectos prexudiciais que pode ter para o medio rural e, en definitiva, para unha xestión ordenada e sustentable do territorio. Iso foi o que provocou que no debate deste martes no Parlamento tomasen un gran protagonismo os incendios forestais e as súas causas. 

O presidente da cámara retiroulle a palaba a Antón Sánchez (En Marea) argumentando que o deputado non se estaba a centrar no tema obxecto de discusión

Por En Marea, Antón Sánchez botou man da hemeroteca para lembrarlle a Alberto Núñez Feijoo que en xaneiro de 2007 utilizou a morte de catro persoas por mor dos incendios forestais como instrumento de crítica política contra o daquela Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Tamén levou ao estrado a coñecida foto do hoxe presidente da Xunta posando cunha mangueira nun terreo queimado. "Nós non imos facer iso. Temos ética, temos principios e temos responsabilidade con este país" -dixo Sánchez- "todo o contrario do que fixo o señor Feijoo, ao que non lle importa nada con tal de obter rédito político". Foi xusto antes de que o presidente do Parlamento lle retirase a palabra -ao igual que fixera nos dous debates anteriores con Paula Quinteiro e Juan Merlo- argumentando que o deputado non se estaba a centrar no tema obxecto de discusión. 

"Esta proposición de lei afonda nun modelo que provoca o abandono e o envellecemento do medio rural, o que incrementa o risco de incendio", dixo Sánchez

Con todo, como repetiu varias veces Antón Sánchez, neste caso as críticas da oposición a moitos dos aspectos incluídos na Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais si tiñan unha relación máis ou menos directa coa política forestal e coa xestión do monte. "Esta lei fomenta un modelo" que "agrava" o problema dos incendios, destacou o deputado de EnMarea. "Esta proposición de lei afonda nun modelo que provoca o abandono e o envellecemento do medio rural, unha cuestión que os expertos sitúan como un problema que incrementa o risco de incendio", dixo. "A cidadanía non quere que utilicen as institucións para desviar a atención. A cidadanía quere que dean explicacións, que non haxa apagón informativo, que saian vostedes a responder no Parlamento de todo o que aconteceu, da falta de previsión, da falta de eficacia na loita contra o lume", denunciou Sánchez, que xusto cando o presidente da cámara lle retirou definitivamente a palabra criticaba "a falta dun modelo integral e a falta de visión de país no debate sobre os incendios e a xestión do sector forestal".

"A burocracia sabe o que é? É control e garantías públicas. É evitar Sotos del Real Corporation. E eu deféndoa, porque a alternativa á burocracia son os senvergonzas", destacou Losada (PSdeG-PSOE)

Non foi a única mención aos incendios e á política forestal no debate. Abel Losada (PSdeG-PSOE) criticou o carácter limitado da información facilitada pola Xunta sobre os lumes que afectaron a case todo o país. O socialista centrou as súas críticas nos efectos da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, que reducirá a capacidade da administración e da sociedade para fiscalizar determinados proxectos empresariais, sobre todo no control da afectación medioambiental. "Pódense simplificar os procedementos administrativos, pero un país moderno debe ter mecanismos de control. E isto é imposible cunha administración que adelgaza mes a mes. O Estado é o problema para aqueles ", dixo Losada. "A burocracia sabe o que é? É control e garantías públicas. É evitar Sotos del Real Corporation. E eu deféndoa, porque a alternativa á burocracia son os senvergonzas", engadiu.

Noa Presas (BNG) advirte de que a lei pode ser "o salvoconduto para a permanencia de ENCE, para legalizar o campo de golf de Baiona, para construír a gran superficie comercial de Porto Cabral ou para explotar a mina de Touro"

Polo BNG, Noa Presas tamén iniciou a súa intervención referíndose aos efectos dos incendios forestais e criticando o mantemento da orde do día do pleno: "cando onte ás doce da noite falaba en Ourense con alcaldes que estaban totalmente desesperados, parecíame totalmente inaudito vir a un pleno que se ía celebrar con normalidade nestas circunstancias". "Gústelles ou non, temos que falar dos incendios, porque a Lei de Depredación incide no modelo que nos levou a esta situación, incide na desregulación, na arbitrariedade, no desequilibrio territorial, no boicot aos montes comunais, na desprotección ambiental, na redución da participación pública, afasta a toma de decisión dos concellos, da veciñanza e dos colectivos, desvinculando á sociedade da custodia dos territorios, afonda na incineración, abre a porta a biomasa non tradicional e privilexia a eucaliptización", dixo Presas.

A deputada do BNG criticou "o modelo de capitalismo de amiguetes que reduce a transparencia e que impide que pequenas empresas galegas poidan competir en libre concorrencia con outras". E advertiu de que a norma impulsada polo PP pode ser "o salvoconduto para a permanencia de ENCE, para legalizar o campo de golf de Baiona, para construír a gran superficie comercial de Porto Cabral ou para explotar a mina de Touro".

"Vostedes o que queren é que Galicia sexa un territorio cheo de trabas á implantación de novas empresas. Están en contra do avance de Galicia", dixo Miguel Tellado (PP)

Na súa intervención Miguel Tellado (PP), máis contida que a de hai un mes no debate de toma en consideración da proposición, gabou as bondades da norma, destacando que a lei será eficaz na atracción de empresas, destacando que a simplificación nos procedementos e a redución das "restricións normativas" mellorarán a capacidade de Galicia para competir co norte de Portugal. "Vostedes o que queren é que Galicia sexa un territorio cheo de trabas á implantación de novas empresas. Están en contra do avance de Galicia", dixo Tellado dirixíndose aos tres grupos da oposición, dos que afirmou que "asumen que calquera decisión que sexa boa para a nosa economía, será mala para eles”. O deputado popular negou que a lei vaia reducir as cautelas ambientais e destacou que no debate das últimas catro semanas "tendemos á man á oposición e chegamos a moitos acordos", sinalando que aceptaron o 20 por cento das emendas do PSdeG-PSOE, criticando que os socialistas votasen en contra da lei porque “tamén é súa”.

Este domingo 22 está convocada en Compostela unha manifestación de protesta contra a Lei de Depredación, que partirá ás 12 horas dende a Alameda

Finalmente, a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais foi aprobada con 40 votos do PP e a oposición dos 20 deputados e deputadas de PSdeG-PSOE e BNG. En Marea, ao igual que fixo coas restantes iniciativas debatidas pola mañá, optou por non votar, en protesta por non ter dedicado o pleno a tratar a situación que vive o país por mor da vaga de incendios forestais. Aprobada a lei, quedan polo tanto modificadas de forma substancial e pola vía rápida normas tan importantes coma a Lei de Montes, a Lei de Minas, a Lei de Aproveitamento Eólico. Este domingo 22 está convocada en Compostela unha manifestación de protesta contra a Lei de Depredación, que partirá ás 12 horas dende a Alameda.

A proposición de lei aprobouse cos votos a favor do PP e a oposición de PSdeG e BNG. En Marea rexeitou votar Dominio Público Praza Pública
Antón Sánchez (En Marea) na sesión deste martes © Parlamento de Galicia
Miguel Tellado (PP) © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.