Case un 70% máis que en todo o ano pasado e, en apenas dous días, practicamente a metade do ardido na gran vaga de lume do ano 2006, que durou dúas semanas. As primeiras estimacións da superficie arrasada polas lapas dende a pasada fin de semana amosan ás claras a magnitude da catástrofe e permiten asegurar que o balance dos incendios de 2017 en Galicia será o máis alto dunha década, o peor dende o ano 2006, no que a gran crise dos incendios de agosto tornara aquel exercicio no peor en vinte anos.
O ardido nesta vaga de lume é un 70% máis que en todo 2016 e case a metade que nos grandes incendios de 2006, que duraron dúas semanas
Despois de que, na súa comparecencia ante o Parlamento, a conselleira do Medio Rural non ofrecese cifras exactas do ardido pero si avanzase datos que convidaban a pensar que arderan arredor de 20.000 hectáreas, o seu departamento fixo público no serán deste mércores unha primeira "estimación provisional" da superficie ardida "durante a pasada fin de semana" e que sitúa en "arredor de 35.500 hectáreas". Esta superficie, admite Medio Rural, terá que ser "engadida ás 12.600 que arderan ata ese momento", dato que ata agora tampouco revelara.
Estas primeiras estimacións indican, daquela, que no que vai de ano as lapas arrasaron nos montes de Galicia unhas 48.100 hectáreas, o que duplica amplamente o balance de 21.000 hectáreas de todo o 2016, pero que tamén supera de xeito moi notable o ardido nos últimos anos entre o 1 e o 18 de outubro. Neste caso a superficie queimada tamén é a maior dende 2006.
Ponse ademais así fin a unha xeira de practicamente media década de volumes anuais de hectáreas ardidas relativamente baixos. Non en van, dende a gran vaga de 2006 o peor ano ata o momento fora 2011, cunhas 42.000 hectáreas perdidas por mor do lume.
A Consellería, que mantén dende 2009 o criterio de non informar a poboación nin a prensa dos incendios inferiores a 20 hectáreas, afirma que estas "primeiras estimacións" van "permitir determinar as actuacións que é preciso adoptar para brindar ás persoas que perderon as súas vivendas habituais" o "apoio necesario" e tamén abordar a "rexeneración" do terreo queimado. As primeiras decisións, avanza, chegarán no Consello da Xunta deste xoves.