0 Gardados para despois

Por que non hai incendios na Mariña e no Ortegal?

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Na última grave vaga de incendios que afectou máis dun cento de concellos en Galicia, de novo o norte do país quedou inmune. Houbo algún pequeno lume no Ortegal, pero ese territorio e o da Mariña evitaron as desgrazas do sur. As dúas comarcas con máis superficie plantada de eucaliptos mantiveron a tendencia dos últimos anos. A primeira inclúese no Distrito forestal I, xunto a Ferrolterra e Eume, outras das zonas menos afectadas, e a segunda abrangue todo o Distrito VI. En 2015, últimos datos recollidos polo IGE, na comarca lucense houbo un total de 34 incendios que queimaron 156 hectáreas, un 1,3% das arrasadas en Galicia (12.234), fronte aos 379 focos e máis de 4.000 hectáreas ardidas, por exemplo, no distrito de Verín-Viana. Unha ollada aos mapas achegados polo estudo España en Llamas, da Fundación Civio, confirma o claro oasis que a parte máis septentrional supón no encarnado da faixa atlántica e as provincias de Ourense e Pontevedra. Pero, por que? É a actividade económica no monte a única explicación? Supón o negocio da madeira que todos os montes estean limpos, ordenados e fóra de risco? É toda esta área un exemplo de xestión do bosque? Non.

"Non todo o monte está ben xestionado no norte, pero lévase explotando desde o século XIX e hai máis experiencia"

Esa é a resposta dos expertos consultados, que insisten en non deitar conclusións contundentes e en advertir dos perigos que axexan tamén esta zona. "Todas as causas son verdade e ningunha delas é verdade de todo", resume Juan Picos, director da Escola de Enxeñeiros Forestais de Pontevedra e un dos máis reputados expertos en incendios. "Non todo o monte está ben xestionado, claro que non, e non é o mesmo un concello que outro, pero A Mariña e o Ortegal son zonas onde o monte particular explótase desde as fames e emigracións do século XIX, hai máis experiencia; obviamente, tamén é importante o clima que alí se dá, un factor que minora o risco de lume", explica. 

O mariñán Ramón Reimunde é presidente da Federación de Produtores de Madeira de Galicia (Promagal), que xunta asociacións de máis de vinte concellos, a maioría do norte. "A ausencia de incendios débese, fundamentalmente, a unha cuestión climática; as temidas condicións 30-30-30 (máis de 30 km/h, menos de 30% de humidade e máis de 30º de temperatura) non se dan practicamente nunca", explica quen aclara que o tráxico domingo 15 tampouco se deron. Pasáronse os 30º pero nin os ventos foron tan fortes nin a humidade tan baixa.

"A ausencia de incendios débese, sobre todo, a unha cuestión climática; as temidas condicións '30-30-30' non se dan nunca" 

"Aquí no verán choveu pouco, pero sempre algo, e a propagación dun lume é máis complicada", di. Con todo, aquela fin de semana houbo vixilancia en moitos bosques da Mariña e do Ortegal. Hai asociacións de produtores que teñen o seu propio retén de brigadistas para vixiar, as pistas -coidadas- alcanzan todas as plantacións e respéctanse as faixas de seguridade. Hai áreas exemplares. "A xestión é mellor e máis profesionalizada onde agromaron máis sociedades locais para a venda da madeira, onde hai unha tradición cooperativista malia o maioritario minifundio; todo iso, axudado pola climatoloxía e a menor interferencia do urbano, explica a escaseza de incendios", engade Juan Picos. 

Pero non é o mesmo a xestión habitual en Trabada, Cerdido ou Cedeira que noutros municipios, onde proliferan plantacións caóticas de eucaliptos, sen limpar, con toxos e felgos a eito, sen respecto ás faixas de separación entre parcelas e/ou pistas, rodeando parroquias enteiras e baseadas nun minifundio extremo sen concentración parcelaria nin monte comunal ningún, nin pasado nin previsto. E, polo momento, tampouco arde.

A xestión e coidado do monte depende moito da zona: hainas descoidadas e outras onde produtores teñen reténs propios de brigadistas

"Na Mariña e no Ortegal hai moito monte a monte, non nos enganemos; contra o que a xente cre, está moito menos limpo do que parece. Hai propietarios que coidan os seus terreos e son exemplares na xestión, pero tampouco é algo xeral", recoñece Reimunde que lembra que "ter os montes medianamente coidados é moi caro e non todo o mundo o fai". Unha hora de tractor para ese traballo ascende a entre 50 e 70 euros e iso se non hai que facelo a man pola imposibilidade de chegar cun vehículo a parcelas sen camiños nin entradas accesibles. "Non me dá o que saco da madeira para pagar o desbroce". É unha frase habitual en propietarios que, en moitísimos casos, viven nunha cidade a quilómetros ou na emigración. En Suíza, en Venezuela ou no País Vasco. 

Con todo, desde Promagal advirten de que a enorme produtividade do monte nestas dúas comarcas permite que o abandono, que é moito, sexa relativo. "O eucalipto plántase porque é moi rendible e dá cartos axiña; por moi pouco que o coides, cada certo tempo vas, e cortas cada quince anos e non cada 60; todo iso tamén evita problemas", explica Reimunde, que contrapón a situación coa do sur de Galicia, menos produtivo, con maior abandono e mesmo co descoñecemento da localización das súas parcelas por parte de moitos propietarios. No Ortegal e na Mariña, tanto en tempos da reconversión naval en Ferrolterra como de recesión indusrial nas comarcas ou na última crise, "o monte serviu de caixa de aforros e de salvación de moitas familias". Aí coinciden Reimunde, Picos e a patronal dos maderistas, conscientes que este ingreso extra veu, en moitos casos, acompañado da emigración, da falta de alternativas e da continua perda de actividade económica agrogandeira e industrial na zona. 

A enorme produtividade do monte aumenta a actividade e o control: unha hectárea dá 300 toneladas de madeira cada 15 anos

Falamos do norte de Galicia, "un eucaliptal continuo de Ribadeo a Ferrol", onde se calcula que a metade da poboación ten algunha plantación. Promagal fala de 200.000 propietarios nos distritos VI e I. Só no primeiro deles, na Mariña, hai máis de 20.000 persoas que perciben anualmente ingresos en metálico pola venda de madeira. No segundo (Ferrolterra, Eume e Ortegal), Ence realiza un cuarto das súas compras en Galicia. En toda esta parte septentrional, a media de superficie forestal por dono sitúase en dúas hectáreas, divididas entre dez e quince parcelas. Cada hectárea, na costa, produce unhas 300 toneladas cada 15-17 anos. 

Unha pista rodeada por plantacións de eucaliptos nunha parroquia do Concello de Ortigueira / CC-BY-ND Pierre Peetah 

Ademais, os cálculos de Promagal falan dunha media de 4.000 hectáreas por municipio "listas ou case para cortar" no norte do país: 30 millóns de toneladas de madeira. Todo un negocio. Desde Confemadera, a patronal de empresas do sector madeirista en Galicia, cren "clarísima" a razón pola que no Ortegal ou na Mariña non hai case incendios. "Onde hai máis valor e máis rendibilidade, córtase máis, fanse pistas e cóidase", di o presidente Elier Ojea, que asume que "o clima tamén inflúe", do mesmo xeito "para que o eucalipto se dea alí e non, por exemplo, en Ourense". O conxunto de empresas que agrupa o colectivo paga uns 325 millóns de euros a 80.000 familias en Galicia pola madeira anualmente. 

Alberte Blanco, ex director xeral de Montes co bipartito, céntrase en dous factores: "a bioclimática, porque a humidade alí é moito máis alta, e a económica, porque a viabilidade das plantacións permite que moita xente viva do monte e que se estea máis pegado ao terreo". Con todo, advirte de que "o feito de que sexa cun completo eucaliptal" entra en contradición coas teses que culpan esta especie da propagación do lume. "Non é unha contradición absoluta porque o equilibrio chega cando hai desenvolvemento rural, aínda que non sexa todo o racional que desexaríamos; se hai xente no territorio, tamén o perigo pode ser abortado axiña", di quen recoñece que a zona "está ateigada dun conmbustible no monte que é compensado polas condicións climáticas". 

Promagal calcula que no norte de Galicia hai 30 millóns de toneladas "listas ou case listas para cortar"

Alén disto, Juan Picos afonda noutro factor que considera fundamental para explicar a escasa afectación do lume: "Non hai concentracións urbanas salientables". Segundo explica, en zonas achegadas a Pontevedra ou Vigo, por exemplo, "pode haber unha expectativa urbanizadora" en parcelas que non se plantan ou nin se coidan, senón que teñen "a vocación final de ser vendidas para construír". "Iso non pasa nin na Mariña nin no Ortegal, sen ese influxo periurbano e sen expectativas de urbanización nin de polígonos industriais", di. O abandono á espera dun pelotazo nin se contempla. Neste caso, a cuestión xorde axiña. Tampouco hai expectativa urbanizadora en moito rural de Ourense e arde seguido. "Pero a produtividade aló é moito menor que no norte", responde axiña. 

Por iso, Picos insiste en que a inmunidade ao lume da parte máis norte de Galicia "non se pode atribuír a unha única causa". Nin tan sequera aludir ao despoboamento rural que sofren os concellos máis afectados polo lume serviría para xustificalo. Ortigueira, por exemplo, é o municipio galego con máis aldeas deshabitadas e sofre un agudo descenso demográfico, como toda a comarca; ten unha ampla superficie de eucaliptais arredor de núcleos baleiros, abandonados e sen coidado. Hai anos que non se lembra incendio importante ningún. "De tanto dicir que aquí non arde porque está coidado, algún día acabará por arder ou plantaranlle lume", di un veciño da zona.  

Formacións forestais dominantes no norte de Galicia (en rosa, o eucalipto) / © Pladiga

"As circunstancias son moi diferentes dependendo do concello ou da zona e non se pode xeneralizar; hai áreas moi estragadas e outras que son exemplo de xestión, pero debemos tomar medidas e asumir os riscos que hai, porque existen", engade Picos, que lembra que mesmo onde o monte está coidado, "cada vez hai menos xente implicada na xestión, porque morre ou porque marcha". "O que pasa no monte en Galicia é tan de fondo que debemos anticiparnos, tamén no Ortegal e na Mariña, onde se aprecia xa abandono e onde faltan diversificación, alternativas e apoio ás asociacións de propietarios. Hai sitios nos que xa vemos os problemas agora, pero noutros debemos adiantarnos a eles", explica quen cre que, polo momento, o norte galego "aínda é un bo alumno, pero non podemos conformarnos con aprobar cun 5 pelado". Sobre todo, advirte, se o cambio climático e as condicións extremas continúan. 

"Hai áreas moi estragadas e outras que son exemplo de xestión, pero debemos tomar medidas e asumir os riscos que hai"

Tamén repara niso Alberte Blanco, que advirte das "alteracións climáticas graves" que incrementan o risco, mesmo en zonas húmidas como as comarcas máis septentrionais, que sofren tamén da seca e de temperaturas nada habituais en outono. "O domingo 15 de outubro pasamos de 37 graos nalgún municipio; cun incendio nesas condicións, tamén sería imposible detelo", di Reimunde, que achega propostas para mellorar aquelas zonas descoidadas pero que advirte, entre a ironía e a contundencia, que "a preocupación non debe ser xa se se plantan máis eucaliptos". "Non se poden poñer máis a non ser que plantemos tamén nas hortas e nas praias", asegura. 

"No norte a preocupación xa non debe ser que se incremente o número de eucaliptos; non collen máis a non ser que os plantemos nas hortas e nas praias"

Alberte Blanco cre que hai que ser "pragmáticos" e ir cara a unha "solución intermedia". "As masas continuas de quilómetros de eucaliptais deberían ter outras masas intermedias de caducifolias que amortiguan e deteñen a extensión do lume", di, e recomenda "unha silvicultura máis racional".

Ademais, Reimunde lembra que ENCE, na actualidade, paga uns 30 euros por tonelada máis IVE cando o prezo da pasta de papel sitúase nos 770 euros por tonelada. "Ese importe desorbitado non se traduce no que se paga pola materia prima, por coidar o monte, por ter depósitos, por facer pistas... As empresas sempre acaban gañando porque compran barato pero non se preocupan do demais", explica desde Promagal, que aposta por "regular os prezos" porque "se pode facer con incentivos, subvencións, primas ou dereitos fiscais". O que falta, insiste, e vontade política para intervir no problema. 

"Galicia ten unha grande riqueza forestal e hai que apostar pola diversificación; hai sitio para eucaliptos, piñeiros e frondosas"

Desde Confemadera, Ojea opta tamén por "incentivos" para "xestionar a propiedade doutra maneira". "Galicia ten unha grande riqueza forestal e hai que apostar tamén pola diversificación; hai sitio para eucaliptos, para piñeiros, para frondosas... O problema é ordenar e loitar contra as dificultades do minifundismo", explica quen na reflexión final coincide con todos os consultados. A de que o problema dos incendios é tan complexo, tan fondo e con tantas variables, que cómpre non xeneralizar en ningún caso. Nin tan sequera cando se intenta poñer como exemplo o que tampouco o é de todo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.