O persoal de Xustiza rebélaselle á Xunta pola "discriminación" e os recortes e anuncia folga

Asemblea de persoal de Xustiza na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Os traballadores da Xustiza en Galicia érguense contra a "discriminación" que, aseguran, sofren os xulgados e funcionarios do país con respecto a outras comunidades autónomas do Estado. Todos os sindicatos únense na convocatoria de dúas xornadas de folga -os días 1 e 13 de decembro-, advirten da posibilidade dun paro indefinido a partir de xaneiro e levarán a cabo antes concentracións en todas as cidades. Son as consecuencias, segundo denuncian, da falta de respostas do Goberno de Núñez Feijóo, que mantén recortes en salarios, complementos, condicións e persoal que "impuxera unilateralmente" ao abeiro da "austeridade" e "coa escusa da crise económica". E aí seguen. 

Todos os sindicatos únense na convocatoria de dúas xornadas de folga e advirten da posibilidade dun paro indefinido

Os sindicatos SPJ, USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO anunciaron este luns esas dúas xornadas de folga e a posible folga indefinida de non haber acordo coa Xunta sobre as condicións laborais e salariais, algo que parece lonxe a tal hora. "Hai unha proposta de reunión para o xoves, pero non está concretada", explica Pablo Valeiras, de Alternativas da Xustiza-CUT e voceiro da plataforma sindical conxunta.

O pasado 25 de outubro, as organizacións sindicais mudaron a orde do día na mesa sectorial para incluír as súas reivindicacións, pero a falta de respostas e de concreción por parte do director xeral de Xustiza esgotaron a paciencia dos representantes dos traballadores, que reclaman que "sexa alguén con capacidade executiva ou orzamentaria, da Consellería de Facenda ou o propio conselleiro" quen atenda ás súas demandas. "Hai moita palabrería, pero achegamento, ningún", insisten tras convocar asembleas cos funcionarios de Xustiza en todas as cidades galegas, a primeira na Coruña o luns e as últimas en Compostela e Vigo no remate desta semana. 

O persoal denuncia que Galicia foi a única que recortou un complemento autonómico e que cobra ata 11.000 euros anuais menos que noutras comunidades

Nelas trasládeselle ao persoal as demandas, así como o calendarios de mobilizacións dun conflito que Valeiras resume nunha palabra: "discriminación". Os traballadores queren negociar un incremento do CAT (Complemento Autonómico Transitorio), xa que, segundo explican, desde 2013 os funcionarios prederon sobre un 40% das extras deste CAT, o que supón sobre uns 10.000 euros menos anuais no caso dos médicos forenses, 5.000 no caso dos xestores, preto de 4.000 para os tramitadores e sobre 3.500 para auxiliares. "É algo que só ocorre en Galicia", lembra o voceiro da plataforma sindical, que recorda que Feijóo -"ese que presumía da situación económica e da recuperación da crise"- tomou unha decisión que ningún outro goberno autonómico fixo. "Somos a única comunidade con recortes salariais nos últimos catro anos", insiste. 

A xustificación que lles deu a Xunta, segundo Valeiras, sempre foi que a situación de crise requiría as medidas. "Sempre empregaron ese argumento para atacar os empregados públicos e, aínda que lles indiques que no resto das autonomías non se fixo nada semellante, insisten en que eles crían necesario facelo; foi unha decisión unilateral", denuncia quen destaca que, no que ten ver con ese CAT, "Galicia é a última das comunidades, só por riba daquelas áreas dependentes aínda do Ministerio", explica. 

"A Xunta sempre empregou o argumento da crise para atacar os empregados públicos e facer recortes de xeito unilateral"

Advirte, tamén, de que ademais destes recortes, os funcionarios galegos da Xustiza sofren "discriminación" ao cobraren unha media de cen euros mensuais menos que os seus compañeiros noutras comunidades. "En definitiva, a diferenza pode chegar nalgúns casos aos 11.000 euros anuais", engade. 

Alén disto, a plataforma sindical denuncia a "discriminación sanitaria" que sofre o persoal galego. Refírese á negativa a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais, impoñendo o decreto 169/2013 da Xunta fronte á Resolución da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do 22/12/2015 e ao acordo do Consello Xeral do Poder Xudicial de 2013. Así, mentres uns funcionarios xudiciais con destinos noutra parte do Estado poden enfermar e coller a baixa sen sufrir descontos, en Galicia tan só se lle permite aos que sofren cancro ou precisan ingreso hospitalario. No resto dos casos, agás maxistrados e fiscais, descóntaselles un 50% do soldo durante os primeiros tres días de convalecencia e o 25% do cuarto ao 20º. "A consecuencia é que a xente vai traballar enferma e moitas veces acábanse contaxiando entre compañeiros", di Valeiras. 

Os traballadores da Administración de Xustiza en Galicia son os únicos aos que se lles desconta salario no caso de coller baixa por enfermidade

Por último, outro dos problemas que denuncian é a eliminación de prazas, que calculan en 106 (un 5% do persoal total) desde 2013, co aumento de carga de traballo, os problemas á hora de executar sentenzas, a lentitude da xustiza e a falta de medios que iso supón. Ademais, a situación afecta especialmente "aos xulgados máis achegados á cidadanía", como os de familia, os de paz ou contencioso", polo que piden un plan de amortización das prazas eliminadas. "Hai xente que leva quince anos de interino", lembra Valeiras, que avisa tamén da reclamación de que nas substitucións se aplique a máxima de "a igual traballo, igual retribución", algo que advirten de que non se cumpre tampouco. 

Agora, e a non ser que a Xunta apareza cunha oferta concreta que satisfaga os sindicatos, a folga seguirá adiante e o que será un para para dous días podería converterse en indefinido en setembro. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.