Máis de 70 concellos e tres deputacións adheridos á campaña En negro contra as violencias machistas. O Pazo de Raxoi acolleu este mércores en Compostela o acto de sinatura do protocolo da iniciativa e á que acudiron representantes de 60 dos 75 municipios e das institucións provinciais (A Coruña, Lugo e Pontevedra), e á que se uniron tamén máis de 3.300 establecementos. A iniciativa espallouse dos 16 municipios do pasado ano aos case 80 deste.
Raxoi acolleu a sinatura do protocolo da campaña 'En negro contra as violencias machistas', ao que se adheriron 75 concellos e tres deputacións
Logo dunha foto de familia na praza do Obradoiro -onde a parte de Raxoi correspondente á Xunta non estendeu a pancarta negra da devandita campaña como si fixo a do Consistorio- varias intervencións destacaron "a gran potencia do municipalismo galego e os froitos que dan a colaboración e o traballo en rede entre todos e todas", así como a ocasión "reivindicar un pacto social e político real contra as violencias machistas", tal e como destacou a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois.
Pola súa banda, a deputada da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López, destacou a implicación de toda a provincia de Lugo, "con catorce concellos que se sumaron á campaña" e lembrou os "arrepiantes datos" de violencia machista en Galicia e no Estado, pedindo "nin unha muller máis" asasinada.
Goretti Sanmartín ve na campaña "a imaxe dese combate e denuncia contra unha situación que non pode continuar máis"
Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, definiu a campaña como a "imaxe dese combate e denuncia contra unha situación que non pode continuar máis. É por iso temos que sumar forzas". Mentres, o rexedor de Manzaneda, Félix Domínguez, apostou polo local asegurando que "dende os concellos temos que loitar contra todas as formas de desigualdade".
Para a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, pola súa banda, son importantes campañas deste tipo para "facerlle ver a homes, mais tamén ás mulleres que nos rodean, que non somos propiedade de ninguén". A rexedora de Sarria, María Pilar López, asegurou que, para ela, era unha "gran satisfacción" ver que nenos e nenas da súa vila "acudiron en masa a transmitir que a solución a tan grave problema social está na nosa man".
As alcaldesas de Lugo, Tomiño e Sarria e o alcalde de Cangas, durante o acto de sinatura do convenio en Santiago
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosa a súa "ledicia" porque "cada ano somos máis"
Ademais, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo lembrar "as bágoas dunha muller que acudiu á alcaldía". "Esa historia rematou ben, pero das que non o fan están cheos os xornais", dixo, poñendo o foco en que "a violencia non se chega da noite para a mañá", dixo, mentres que Xosé Manuel Pazos, rexedor de Cangas, asegurou que o feito de que haxa 75 concellos e tres deputacións "chama a atención porque amosa que as administracións máis próximas á cidadanía estamos preocupadas por esta lacra social".
"A campaña naceu no 2015 como unha maneira de tecer redes e desbordou as expectativas porque a propia xente a fixo súa", di Noriega
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou a súa "ledicia" porque "cada ano somos máis" e reivindicou o feminismo como "unha ferramenta que se creou para loitar contra a desigualdade". Finalmente, Martiño Noriega quixo agradecer o "esforzo feito por todas e todas ao abandonar as obrigas diarias e participar deste acto". Noriega lembrou que "a campaña naceu no 2015 como unha maneira de tecer redes e desbordou as expectativas porque a propia xente a fixo súa".
O acto rematou coa sinatura do protocolo no salón verde do Concello por parte dos alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras presentes.
"Sensibilización cidadá"
Os obxectivos da campaña, segundo destaca o Concello compostelán, pasan por "fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas, ademais de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social como forma de resposta colectiva ante as violencias".
O uso de materiais específicos da campaña por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais "axudará a identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero".
López Abella: "As polémicas non axudan"
Por outra banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, insistiu en que "todas as campañas son boas" para loitar contra a violencia machista, en relación á polémica xerada pola de la Xunta co gallo do 25N e que foi criticada pola oposición e organizacións feministas por "cousificar" a muller e transmitir unha idea "paternalista".
López Abella lembrou que a Xunta "ten a súa propia campaña" e suxeriu unha crítica á iniciativa dos concellos
"As polémicas non axudan a ninguén e prexudican moito", advertiu López Abella. Ademais, preguntada pola campaña impulsada por Compostela e á que xa se uniron 75 municipios, a responsable de Igualdade defendeu que a Xunta "ten a súa propia campaña". "Se cadra habería que preguntarlle...", engadiu sen rematar a frase, suxerindo o seu malestar pola iniciativa do consistorio sangiagués.
"Todas as campañas son positivas", engadiu, porque "teñen como obxectivo principal sensibilizar" e "tecer redes é fundamental". "Fortalécenos como comunidade autónoma", rematou.