Un helicóptero que realiza investigacións xeolóxicas nas proximidades da concesión que Atalaya Mining pretende explotar entre Touro e O Pino provocou un accidente este xoves. O aparello, que voaba a moi baixa altura, tropezou cuns eucaliptos, deixando caer unha pesada estrutura metálica, que se precipitou sobre unha zona de monte na parroquia de Loureda (Concello de Boqueixón). Tratábase dun VTEM (Versatile Time Electro-Magnetics system), un método electromagnético aerotransportado que se utiliza en investigacións xeolóxicas para localizar mineral ata 700 metros de profundidade.
A Plataforma veciñal mina Touro-O Pino non leva dúas semanas denunciando estes voos de exploración iniciados o pasado 31 de outubro, que xa puxo en coñecemento da Garda Civil e de AENA. AENA confirmou que estas actividades contan con autorización (ata o vindeiro 24 de decembro), pero investiga -a partir dos vídeos remitidos pola plataforma- se os helicópteros poden voar tan baixo. "É un aparello metálico que pode causar moitos danos e está pasando por riba de núcleos de poboación importantes, como Pedrouzo", salienta Rubén Souto, un dos voceiros da plataforma.
Con todo, a principal queixa da entidade veciñal refírese á posibilidade de que Atalaya Mining pretenda estender a explotación mineira que proxecta moito máis aló da concesión coa que conta actualmente. "Queren ampliar a zona de concesión e explotación dunha maneira salvaxe. Atalaya Mining anúncialles aos seus accionistas unha explotación de 122 quilómetros cadrados", denuncia Souto, que explica que o helicóptero "está sobrevoando toda a contorna da concesión que xa teñen: está voando case ata Santiago, preto do aeroporto, e polo sur ata Boqueixón".
Na súa web, a multinacional mineira debulla o Proxecto Touro, explicando que conta cunha opción para facerse co 100% das accións de Explotaciones Gallegas, empresa que posúe a totalidade dos permisos de investigación das zonas que rodean a concesión situada en Touro. O espazo total suma 122.7 quilómetros cadrados de xacementos de mineral de cobre "ben documentados".
Para a Plataforma os voos das últimas semanas e o accidente que tivo lugar este xoves "veñen a corroborar o que xa denunciamos nunha das alegacións, a tentativa dos promotores de fragmentar unha operación de dimensións aínda maiores". E engaden que "os planos incorporados ao estudo socioeconómico deixan en evidencia as perspectivas de expansión".