Unha asociación de Lugo tentará mercar o xacemento paleolítico que Facenda poxa en Vilalba

Vista do acubillo de Pena Grande Dominio Público A.C. Cultura do País

Primeiro paso adiante para, no caso de que a poxa do xacemento paleolítico vilalbés de Pena Grande non sexa paralizada, o predio non sexa destinado a outros fins que non sexan a súa conservación e estudo. A Asociación Cultural Cultura do País, de Lugo, disponse a iniciar unha campaña de micromecenado co obxectivo de concorrer a poxa convocada polo Ministerio de Facenda e mercar a leira na que se atopa o acubillo do que saíron máis de mil pezas que o fan ser considerado o xacemento paleolítico máis importante de Galicia, con máis de 10.000 anos de historia.

O colectivo lucense, que xa lanzara outras alertas sobre agresións ao patrimonio na contorna da cidade, presentará este xoves en rolda de prensa a campaña 'Esperta do teu sono' coa que agardan xuntar apoios dabondo "para presentarse á poxa", mercar o predio e "garantir a súa preservación e posta en valor". Despois de que Facenda tentase ata en dúas ocasións vender a leira, o prezo de saída da poxa prevista para o vindeiro 15 de decembro é de 7.785,66 euros e as persoas interesadas en quedar con el teñen que depositar unha garantía de 389,28 euros, o 5% do importe, antes do día 11 á unha da tarde.

Cultura do País lanza unha campaña para xuntar os fondos necesarios e concorrer á poxa

Dende Cultura do País avánzase que a súa prioridade é evitar que unha eventual venda do predio destrúa o xacemento. Se logran mercalo, explican, procuraría a asesoría de museos e persoal especialista da contorna para estudaren as mellores opcións de conservacións e vías para investigalo, protexelo e, eventualmente, realizar novas escavacións que permitan coñecelo máis a fondo.

O PSdeG vilalbés pide a cesión ao Concello

"Temos un xacemento arqueolóxico dun valor patrimonial incalculable mercantilizado e desprezado polos organismos que deben protexelo"

O anuncio de Cultura do País chega mentres aumentan as voces que, no ámbito político, esixen paralizar o procedemento. Despois de que En Marea e BNG reclamasen nos últimos días excluír da poxa o predio de Pena Grande e trasladar as competencias efectivas sobre o xacemento á Xunta, o PSdeG de Vilalba vén de anunciar tamén que trasladará ao vindeiro pleno do Concello, previsto para este xoves, unha moción para pedir que o alcalde, Agustín Baamonde (PP), "se dirixa urxentemente ao Ministerio" para "paralizar a poxa" como primeiro paso para "solicitar a cesión dos terreos ao Concello".

Na mesma moción, explica a voceira dos socialistas, Elba Veleiro, reclamarán tamén que a corporación se dirixa á Xunta para "solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural de toda a parcela", unha condición que o rexedor asegurou que xa ten, pero coa que non conta, segundo confirma o Goberno galego a preguntas de Praza.gal. "Temos un xacemento arqueolóxico dun valor patrimonial incalculable que está sendo mercantilizado e desprezado polos organismos públicos que deben protexelo", agrega Veleiro, que avanza tamén iniciativas do PSdeG na Deputación, no Parlamento e no Congreso "para paralizar este despropósito". 

Material promocional da A.C. Cultura do País de Lugo Dominio Público A.C. Cultura do País

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.