0 Gardados para despois

O tren de proximidade na Coruña custaría 1,2 millóns de euros ao ano

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Cantas veces viaxas á semana a Madrid? Cantas ao teu posto de traballo?". Partindo desta pregunta a Plataforma pola Defensa do Tren reivindica maiores investimentos no ferrocarril convencional, que na actualidade só recibe o 30% das achegas públicas en infraestruturas, fronte ao 70% que vai destinado á construción de novas liñas de alta velocidade. E iso a pesar de que o AVE só é utilizado polo 4% dos viaxeiros e viaxeiras, mentres que o tren convencional reúne o 96% dos usuarios e usuarias. Esta defensa do tren convencional busca que os desprazamentos maioritarios poidan ser "cómodos, sostibles, ecolóxicos e rápidos" e que os investimentos sirvan de verdade "ás necesidades da maior parte da cidadanía".

A Plataforma convoca este sábado unha acción reivindicativa en forma de viaxe colectiva entre A Coruña e Ferrol para reclamar melloras nunha liña que dá servizo a case medio millón de persoas (sumando a poboación dos concellos que atravesa), pero que está "esquecida e degradada e que pouco a pouco foi perdendo ocupación e capacidade de servizo", destacou Alberto Díaz, voceiro da Plataforma. "En aras dunha mobilidade sostible e da defensa do medio ambiente, alguén ten que asumir o investimento oportuno para que esta rede ferroviaria sexa realmente vertebradora para todos os concellos polos que pasa e permita comunicacións rápidas e baratas entre eles", reclamou Díaz, que lembrou que cada día entran e saen da cidade da Coruña ao redor de 150 mil coches, un número que se podería reducir en 50 mil vehículos cun servizo de tren de proximidade axeitado.

O inicio da acción está convocado ás 10.15 horas na estación de ferrocarril da Coruña para tomar o tren das 10.50 horas, que parará en todas as estacións e apeadeiros activos

O inicio da acción está convocado ás 10.15 horas na estación de ferrocarril da Coruña para tomar o tren das 10.50 horas, que parará en todas as estacións e apeadeiros activos: Universidade, O Burgo, Cambre, Cecebre, Betanzos-Infesta, Betanzos-Cidade, Miño, Perbes, Pontedeume, Cabanas e Perlío, chegando a Ferrol ás 12.07. Está confirmada a presenza no acto inicial do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a viaxe no tren de concelleiros de Culleredo e Cambre, entre outros concellos. A viaxe completarase coa volta dende Ferrol, no tren das 14.05. 

 

Un tren de proximidade por pouco máis dun millón de euros

A Plataforma leva anos defendendo melloras no tren que une Ferrol e A Coruña e que, ao mesmo tempo, podería converterse nun verdadeiro servizo ferroviario de proximidade na área metropolitana coruñesa. Unha aposta que necesitaría dun investimento moi pequeno, pois simplemente necesitaría aproveitar o trazado de vías xa existente, mellorado nalgúns lugares, e a incorporación de novos apeadeiros. A entidade mesmo redactou un detallado proxecto de melloras concretas nesta liña que servirían para mellorar o servizo de maneira inmediata e cun gasto moi pequeno en comparación co desembolsado noutras infraestruturas.

Na proposta para a implantación de servizos de proximidade na área metropolitana da Coruña inclúese a recuperación da vía de cruce nas estacións que a tiñan, principalmente na de Cambre (tamén foi eliminada en Miño e Franza) e tamén a adecuación dos actuais trens, moi envellecidos e non axeitados para unha conexión rápida entre vilas e cidades. Tamén se propón a posta en servizo de seis novos apeadeiros: Matogrande, As Xubias, Ponte Pasaxe, Fonteculler, A Marisqueira e Guísamo, pois a Plataforma destaca que "as estacións e apeadeiros que ten hoxe a liña A Coruña-Betanzos foron planificadas e construídas na súa maioría no ano 1875. A repartición da poboación actual, con aparición de novos núcleos residenciais o longo da vía, e as características da actividade laboral e estudantil, esixe a actualización do conxunto de estacións para dar servizo aos potenciais clientes que hoxe non contan con liña de ferrocarril accesible". Tamén se prevé a construción de aparcamentos disuasorios xunto aos apeadeiros e estacións.

Faise unha proposta de incrementar as frecuencias diarias entre A Coruña e Betanzos de 5 a 15, cunha adecuación de horarios para unha mellor conexión con liñas de autobús e con outros trens

Finalmente, faise unha proposta de incrementar as frecuencias diarias entre A Coruña e Betanzos (que pasarían polas 6 paradas actuais e polos 6 novos apeadeiros) de 5 a 15, cunha adecuación de horarios para unha mellor conexión con liñas de autobús e con outros trens. Esta proposta de tren de proximidade, aínda que modesta en comparación coa que existe noutras áreas metropolitanas, buscaría "demostrar a potencialidade da liña, aínda na súa deficitaria situación actual de infraestrutura", destaca a Plataforma, que entende que é fundamental incrementar a demanda e que posteriormente sexa esta mesma demanda a que facilite e esixa a mellora do servizo.

A construción de cada novo apeadeiro tería un custo de 80.000 euros

A Plataforma mesmo realiza unha detallada cuantificación do gasto económico que terían todas estas actuación. Por unha banda, a construción de cada novo apeadeiro tería un custo de 80.000 euros. E a posta en marcha desas novas dez frecuencias diarias obrigaría á utilización de dous novos trens (dos que Renfe xa dispón) e á contratación de catro novos maquinistas. Os custos salariais, de mantemento, de enerxía e demais sumarían un total de 1.255.445 euros ao ano, segundo unha estimación aproximada realizada pola Plataforma, que entende que este é un desembolso moi cativo en relación cos beneficios sociais e medioambientais que proporcionaría.

A entidade destaca que nun radio de dous quilómetros de distancia das estacións e apeadeiros situados fóra da Coruña (en Culleredo, Cambre, Abegondo, Bergondo e Betanzos) viven ao redor de 65 mil persoas. E que o servizo, empregado por 954 mil pasaxeiros ao ano (nunha estimación conservadora, pois a liña de bus entre A Coruña e San Pedro de Nós ten 920 mil usuarios anuais) sería máis que rendible, xerando ingresos moi por riba do investimento antes apuntado.

 

A Coruña-Ferrol, en 40 minutos

Os custos salariais, de mantemento, de enerxía e demais sumarían un total de 1.255.445 euros ao ano, segundo a Plataforma

Mentres, para a conexión entre A Coruña e Ferrol, unha das grandes reivindicacións é a construción do bypass de Betanzos-Infesta, para o que existen dúas alternativas. Unha máis sinxela e curta, que conseguiría evitar a actual manobra de inversión e reduciría en cando menos 10 minutos a duración da viaxe entre A Coruña e Ferrol (hoxe, de 1 hora e 20 minutos). Outra é un pouco máis custosa e implica a construción de catro quilómetros de vía e un túnel para conectar Betanzos con Guísamo, pero acurta o percorrido total, permitindo unha duración da viaxe moito menor. Estas e outras actuacións (electrificación, rectificacións do radio dalgunhas curvas...) levarían a recortar a viaxe entre as dúas cidades ata os 40 minutos, un tempo que si permite a competencia con outros medios de transporte.

 

Coordinadora en Defensa do Ferrocarril Público, Social e Sostible

Hai dúas semanas a Plataforma pola defensa do Tren A Coruña e As Mariñas participou na creación da Coordinadora Estatal en Defensa do Ferrocarril Público, Social e Sostible, na que participan sindicatos, partidos políticos, organizacións ecoloxistas e plataformas en defensa do tren convencional de toda España. O obxectivo da Coordinadora é “denunciar e frear os recortes nos servizos ferroviarios e o peche de liñas previstas a finais e ano polo Ministerio de Fomento” e, ao tempo, “propor a mellora dunha rede ferroviaria de calidade que protexa e potencie o tren de Cercanías e o tren Rexional, un modelo máis asequible, maioritario e socialmente rendible, que pode conectar nunha mesma rede tanto a cidades grandes como pequenas, ás comarcas e ao mundo rural”.

"Os investimentos públicos no ferrocarril neste momento están respondendo aos intereses de grandes empresas"

"Os investimentos públicos no ferrocarril neste momento están respondendo aos intereses de grandes empresas. En 2019 liberalizarase o transporte de pasaxeiros e hai moitas compañías moi interesadas en facer con este negocio en España, de xeito que as infraestruturas pagadas con cartos públicos servirían para o beneficio privado", denunciou Alberto Díaz.

 

O tren nas comarcas da Coruña-As Mariñas e Ferrolterra

CC BY-SA Plataforma pola defensa do tren

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.