A nova Lei de Saúde chega entre duras críticas polo fondo e polas formas

Caravana contra a Lei de Saúde na Mariña CC-BY-SA CIG-Saúde

O pasado xoves, en medio dunha ponte festiva, o Consello da Xunta aprobou de maneira definitiva o proxecto de Lei de Saúde, unha polémica iniciativa que reorganiza a estrutura sanitaria de Galicia e que foi xa remitido ao Parlamento, onde a maioría absoluta aprobará un texto polémico, contestado e que mantén a supresión de áreas sanitarias tan rexeitada entre oposición e plataformas en defensa da sanidade pública. 

Desde hai semanas, as manifestacións en contra do proxecto sucédense por varias localidades galegas, nomeadamente  naquelas directamente afectadas. O pasado domingo, varios milleiros de persoas saíron á rúa en Vilagarcía en protesta contra a intención da Xunta de suprimir a área sanitaria do Salnés e integrala na de Pontevedra. O mesmo fixeran antes outros varios milleiros de persoas en Monforte, ou na Mariña, áreas que se integrarán na de Lugo.

A Xunta garante que non pensa derrubar os hospitais construídos, pero continúa adiante co seu plan para reducir a sete as áreas sanitarias

Pero non houbo alternativa. O Executivo segue adiante e asegura que a normativa  “blinda por lei a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos” e salienta que “por primeira vez, unha norma con este rango establece que ten que haber un hospital de referencia en cada distrito”. “Ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é por lei e por autorización parlamentaria”, salientou este xoves Feijóo. A Xunta garante que non pensa derrubar os hospitais que hai construídos, pero continúa adiante co seu plan para reducir a sete as áreas sanitarias (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) e establece os distritos, ata un total de 14, “como divisións das áreas”.

“Hai sete anos xa se dícía que se ían pechar hospitais comarcais e agora din o mesmo”, ds dixo o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, sobre as protestas. Ao tempo, persoal do Sergas, sindicatos, a oposición parlamentaria e os gobernos locais das zonas non dirixidos polo PP ven nela unha nova vía para reducir e precarizar servizos fóra das cidades. Insisten en que con menos medios nos hospitais comarcais a alternativa para milleiros de pesoas é desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra ou mesmo optar por medios privados. Ao tempo, advirten do risco de precarización e marxinación dos centros de saúde de futuros distritos, unhas consecuencias das que xa avisan desde hai tempo en concellos máis afastadas.

A oposición censura que a Xunta aproveitase unha ponte para aprobar a reforma; o anteproxecto foi presentado en pleno agosto

Á marxe das críticas ao fondo, a oposición denuncia tamén as formas. En Marea censurou a aprobación da reforma da Lei de Saúde "aproveitando a véspera dun festivo e no medio dunha longa ponte coa que, unha vez máis, o Goberno galego pretende que pase desapercibida". Desde o PSdeG coincídesenas críticas e o seu voceiro en materia sanitaria, Julio Torrado, lamentou que a Xunta insistise no seu “exercicio de covardía profunda” ao "consolidar a reforma nunha semana festiva" e "admitindo a desaparición das áreas comarcais coa boca pequena". Fíxose ademais, como lembran, logo de que o anteproxecto fose presentado en pleno mes de agosto e "vetando o debate no Parlamento e pechándose a calquera achega". 

"O Goberno insiste no seu exercicio de covardía profunda", denuncia o PSdeG; "pretende que a reforma pase desapercibida", di En Marea

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada Paula Vázquez Verao advertiron da "gravidade da desaparición das áreas sanitarias" e que padecen xa os efectos da chamada “xestión integrada”, con f"alla de profesionais, lista de agarda, derivacións a Lugo, no caso da Mariña e Monforte, ou a Ourense no Barco, ademais das derivacións a hospitais privados". “Esta manobra non lles servirá porque a poboación das áreas sanitarias que serán suprimidas está preocupada e mobilizada” dixo o portavoz. 

Para o PSdeG, a Xunta ten “consumado un ataque deliberado contra os hospitais das áreas sanitarias eliminadas e os pacientes que son atendidos neles”. Torrado considera que “co anuncio da creación de 14 distritos", o que quere o Goberno é "agochar que non van dar un paso atrás na súa folla de ruta para sabotear a sanidade pública”. "Nin sequera teñan a valentía de admitir que todos os hospitais incluídos nos pretendidos distritos, en realidade son absorbidos polas áreas sanitarias”, di. 

O BNG asegura queu a reforma "provocará máis deterioro na sanidade porque consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico e afecta a calidade asistencial”

Desde o BNG, a súa voceira Ana Pontón foi tamén contundente ao denunciar o “ novo recorte nos servizos sanitarios galegos" nunha “contrarreforma”  que, segundo di, "provocará máis deterioro na sanidade porque consolida a liña de recortes, prioriza o criterio económico e afecta negativamente a calidade asistencial”. Ademais, cualifica de acto de “soberbia e  desprezo á opinión dos cidadáns” o modo "autoritario" do PP por "actuar como  un goberno despótico” que "despreza as demandas dos cidadáns nas rúas rexeitando a  reforma da lei de Saúde".

Todos os partidos anunciaron xa a súa intención de colaborar e traballar cos sindicatos e a plataforma SOS Sanidade Pública para crear "unha gran fronte social" contra os recortes e a "política de impostos á enfermidade". “Diminuír o número de áreas, afastar os órganos de representación cidadá e restarlles competencias vai xusto no sentido contrario do que a nosa cidadanía precisa”, denuncia En Marea, mentres o PSdeG acusa o Gobenro galego de “afastar servizos e reducir recursos”.

As protestas seguen: este sábado varias caravanas reivindicativas percorreron A Mariña

E mentres a Xunta segue adiante, as protestas, tamén. Neste sábado, unha caravana de coches percorreu A Mariña na que será a primeira de tres etapas na que se protestará contra a supresión da área sanitaria comarcal e contra a nova Lei de Saúde. O inicio será simultáneoa desde Viveiro, Trabada e Ribadeo para acabar en Xove, Mondoñedo e Barreiros respectivamente. Máis dun cento de coches e 300 persoas participaron na mobilización. 

Con carteis nos que se lía "non á supresión da área sanitaria da Mariña", foron tres as caravanas que percorreron diversas estradas da comarca  mentres a plataforma en defensa da sanidade pública advertía de novas protestas "con máis forza ca nunca" nas vindeiras semanas. De feito, xa hai convocadas protestas para o novo sábado que desta vez acabarán en San Cibrao, O Valadouro e Foz, ademais doutras noutras zonas como O Salnés. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.