Profesorado denuncia a privatización da certificación de idiomas por parte da Xunta

Escola Oficial de Idiomas de Ourense © EOI Ourense

A Asociación de Profesorado de Escolas Oficias de Idiomas de Galicia (APEOIGA) critica a organización por parte da Xunta dunhas xornadas de certificación de competencia en linguas para profesorado a cargo de entidades privadas. O Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) acolle esta actividade, que "usurpa as funcións propias das escola oficiais de idiomas galegas e pon en mans privadas un servizo que xa a propia administración ofrece a toda a cidadanía", denuncia APEOIGA. Para a entidade, o recurso a empresas privadas para a certificación "supón un desbaldimento de cartos públicos" e responde "á urxencia propagandística da Consellería" para habilitar de forma acelerada o maior número posible de profesorado "para impartir asignaturas en inglés en centros plurilingües, ignorando uns criterios mínimos de calidade".

Responde "á urxencia propagandística da Consellería" para habilitar de forma acelerada o maior número posible de profesorado "para impartir asignaturas en inglés en centros plurilingües, ignorando uns criterios mínimos de calidade"

A decisión do Goberno galego "usurpa unha función propia das escolas oficiais de idiomas de Galicia, como é a de certificar a competencia en linguas, que desempeña con persoal altamente cualificado e experiencia dabondo neste eido, que ademais teñen a encomenda legal de ofrecer formación ao profesorado e outros colectivos profesionais", salienta Xerardo Fernández, presidente da APEOIGA. Fernández salienta para Praza Pública que "nós, o profesorado das EOI, conformamos un servizo potente. Hai 11 escolas en Galicia, un gran número de persoas moi ben preparadas, e parece que non estamos nunca na mente dos responsables da Consellería. Chove sobre mollado".

Xerardo Fernández chama a atención sobre o feito de que as certificacións que se realicen por esta vía non terán un carácter "oficial"

Xerardo Fernández chama a atención sobre o feito de que as certificacións que se realicen por esta vía non terán un carácter "oficial" e subliña que supoñen "un agravio comparativo co profesorado que xa cursou estudos conducentes á certificación de linguas, para o cal tivo que pagar unhas taxas e/ou acumular unha serie de horas dunha formación esixente". Ademais do malgasto de cartos públicos, a APEOIGA critica que a acción "sobrepasa o cometido propio do CAFI, que foi creado para o ofertar accións formativas diversificadas, dinámicas e innovadoras, e non para a organización de sesións de certificación da competencia en linguas, que é unha función propia e exclusiva das EOI". A entidade iniciou xa unha campaña de recollida de sinaturas en change.org que obtivo xa máis de 1.500 apoios.

 

Escola Oficial de Idiomas de Ourense © EOI Ourense

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.