Medio Rural incumpre o seu propio protocolo e rexeita un trampeo masivo contra a velutina

Niño retirado pola empresa Serpa © Serpa

A maioría absoluta do PP botou abaixo este mércores as tres proposicións non de lei presentadas por En Marea, PSdeG-PSOE e BNG propoñendo un conxunto de medidas para loitas contra a expansión da vespa velutina en Galicia. As tres iniciativas tiñan a súa orixe nas suxestións realizadas pola Plataforma Stop Velutina, na que participan numerosas entidades e que agrupa, entre outros, a apicultores, labregos e gandeiros, que se contan entre os principais afectados por esta especie invasora. Entre as medidas que foron rexeitadas polos populares está a urxente posta en marcha dun "trampeo masivo" a partir do mes de febreiro co obxectivo de capturar raíñas e evitar a multiplicación de niños, para así camiñar cara a un control da súa poboación. Curiosamente esta medida (e outras que tamén foron rexeitadas polo PP) figuran no Protocolo de vixilancia e control fronte a avespa asiática aprobado pola Xunta en xullo de 2016.

A pasada semana a Plataforma Stop Velutina Galicia rexistrou no Parlamento unha proposición non de lei cun contido moi semellante, que se debaterá en xaneiro. Porén, a voceira da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Laura García Saez, non é optimista de cara a un cambio de posición por parte do Partido Popular: "Dado que as proposicións son substancialmente iguais, o normal é que tamén sexa rexeitada, polo que exploraremos outras vías, xa sexa falando directamente coas consellerías, como vimos facendo ata agora, xa sexa noutros ámbitos". Anticipa que nas vindeiras semanas varias preguntas e unha proposición non de lei de ámbito estatal chegarán ao Congreso dos Deputados. "A ver se conseguimos que nos fagan máis caso", di.

No debate celebrado este mércores, a deputada popular Raquel Arias defendeu a eficacia das medidas adoptadas pola Xunta dende a chegada da avespa asiática a Galicia no ano 2012. Arias destacou que estas medidas teñen catro eixos: o reparto gratuíto de trampas aos apicultores, preto de 11.000 ata o de agora; a retirada de niños, 33.000 nos últimos dos anos; e a realización de campañas de divulgación e formación, co reparto de folletos, a colocación de carteis e a realización de charlas. Porén, os datos amosan que a expansión da vespa velutina en absoluto se freou e xa afecta de forma importante á metade da superficie de Galicia, cunha perspectiva de empeoramento en 2018 e entre as críticas dos colectivos máis prexudicados ante a inacción da administración.

"Cando o Grupo Parlamentario do PP di que van seguir incidindo no que fixeron ata agora, entendemos que pensan que o que fixeron ata agora é suficiente. Porén, dende calquera das asociacións de afectados consideramos que en absoluto é abondo. Eles limitan o trampeo á colocación das trampas por parte dos apicultores. Pero isto non é unha medida de control poboacional; pode servir para limitar un pouco os efectos sobre as colmeas, pero non constitúe unha medida que vaia frear o avance da velutina", explica Laura García.

A voceira de AGA tamén critica a falta de compromiso amosado onte polo PP coa concesión de axudas demandadas polos sectores prexudicados economicamente e co fomento da investigación nas universidades galegas: "Tampouco confirmaron se ían asinar novos convenios coas universidades, a pesar de que a Consellería de Medio Ambiente si anunciou que ía asinalos". "Malia estar aprobado así, a Xunta de Galicia ten ata o momento un único convenio de investigación asinado coas universidades galegas cunha dotación de 50.000 euros, algo que é insuficiente de todo punto e que constitúe unha cuarta parte do que neste senso están a achegar as Deputacións provinciais a través de distintos convenio", destaca a AGA.

"Van continuar coa mesma política: centrar os esforzos e os cartos na retirada de niños, que é unha medida política e populista, pois limita o risco preto das casas ou preto de centros de ensino, pero que non serve para frear o avance"

"Parece que van continuar coa mesma política seguida ata agora: centrar todos os esforzos e os cartos na retirada de niños, que é unha medida política e populista, pois limita o risco preto das casas ou preto de centros de ensino, pero que non serve para frear o avance da velutina nin para controlar a súa poboación", denuncia García, que conclúe que "as medidas que se teñen que tomar son outras". "O que mellor revela a pouca seriedade coa que se están a tomar o problema é que non hai un orzamento", resume.

O Protocolo de vixilancia e control fronte a avespa asiática aprobado pola Xunta en xullo de 2016 prevé a posta en marcha dun trampeo en primavera para a captura de raíñas. O documento afirma que "aínda que é aconsellable a súa retirada co fin de evitar falsas alarmas, a destrución de niños en inverno non ten importancia como método de control, xa que a raíña está morta e as futuras fundadoras xa saíron do niño para hibernar en gretas e fendeduras de árbores, muros, ou no chan, non reaparecendo de novo ata comezos da primavera". Porén, na súa intervención deste mércores a deputada popular Raquel Arias xustificou que a Xunta non poña en marcha o seu propio protocolo en que "a colocación de trampas para a captura de raíñas ten unha eficacia limitada” e que “dado que non existe aínda un atraente específico para a velutina, o seu uso masivo pode conlevar a captura doutras especies, coma a nosa vespa común, a única que pode loitar contra a invasora, e danar, en consecuencia, a biodiversidade” 

Laura García responde que "o PP non ten credibilidade cando fala sobre o trampeo. É certo que o trampeo non ten unha fiabilidade do 100%, porque é unha especie nova e aínda estamos comezando a saber como loitar contra ela. Pero as investigacións realizadas ata agora e o propio sentido común sinalan que se ti capturas unha raíña fundadora, estás evitando que teña prole no futuro". "Non queredes un trampeo masivo porque aínda non está suficientemente avaliado? Pois facede proxectos piloto, en colaboración con deputacións e concellos e probade. Colocade trampas nunha zona, a ver se hai éxito", di e conclúe que "ese argumento de que o trampeo non é efectivo demostra que non queren facer nada de nada, porque tampouco poñen en marcha outras medidas".

"Non queredes un trampeo masivo porque aínda non está suficientemente avaliado? Pois facede proxectos piloto, en colaboración con deputacións e concellos e probade. Colocade trampas nunha zona, a ver se hai éxito"

García engade que "no debate o PP demostrou que non ten coñecemento ningún a respecto da especie. A deputada Raquel Arias falaba da avespa crabro como unha depredadora natural da velutina, o que é unha completa barbaridade, porque a velutina é unha especie exótica invasora que por definición aínda non ten depredadores naturais". 

Ademais dos prexuízos a apicultores e labregos, a Plataforma Stop Velutina alerta de que a expansión da avespa asiática pode converterse nun problema de saúde pública: "Existe un grandísimo número de exemplares de Vespa velutina nos nosos montes que son unha fonte de perigo na realización de traballos forestais e agrarios por parte de profesionais e particulares e que deben ser tidos en conta para evitar males maiores". A Plataforma anticipa que a negativa de PP e Xunta ás demandas "recíbense con enfado e preocupación por parte do sector e parecen indicar que os efectos da chegada desta especie invasora seguirán sendo soportados por apicultores e apicultoras, profesionais do sector agrario, concellos e asociacións, sen que a Xunta poña en marcha de xeito efectivo as medidas de xestión do seu propio Protocolo e sen dotalas dun orzamento específico para o ano 2018".

 

Entrega de 26 pértegas

"Os efectos seguirán sendo soportados por apicultores, profesionais do sector agrario, concellos e asociacións, sen que a Xunta poña en marcha as medidas de xestión do seu propio Protocolo e sen dotalas dun orzamento específico"

A Xunta quixo facer coincidir o rexeitamento no Parlamento das medidas solicitadas por apicultores e labregos coa foto da entrega a 26 concellos de 26 pértegas para a retirada de niños de vespa velutina. O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, fixo entrega do material nun acto celebrado na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, destacando que este equipamento "permite mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e na intervención nas emerxencias".

 

Representantes da plataforma Stop Velutina © AGA
Concellos con detección de niños de velutina a finais de 2016 © Xunta
Imaxe das 26 pértegas entregadas a outros tantos concellos © Xunta
Exemplar de avespa velutina CC-BY-SA Danel Solabarrieta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.