José Enrique Abuín, detido pola morte da moza madrileña Diana Quer, desaparecida hai ano e medio na Pobra do Caramiñal cando regresaba á casa tras unha noite de festa, levou os investigadores ata o cadáver escondido nunha nave abandonada da parroquia de Asados, en Rianxo, a uns 20 quilómetros de onde se perdeu o seu rastro a madrugada do 22 de agosto de 2016, o domingo das festas pobrenses do Carme dos Pincheiros.
O corpo estaba mergullado en auga dentro dun oco no chan de cemento do almacén e cuberto cunha chapa metálica. O achado produciuse sobre as seis desta mañá: o xuíz do caso e axentes da Garda Civil localizaron o cadáver durante a inspección dun local industrial no que estivo presente o principal sospeitoso. A nave, hoxe abandonada, atópase a uns 200 metros da casa familiar do detido, que, segundo algunhas fontes, traballara no baixo cando aínda tiña actividade comercial: chegou a albergar un negocio de mobles e outro de bebidas.
Segundo fontes da investigación, José Enrique Abuín, con varios alcumes na comarca -os investigadores bautizárono como El Chicle- acabou declarando este sábado xa en presenza do seu avogado que el foi quen matou a Diana Quer, despois de metela á forza no seu coche aquela noite de agosto. Confesou que lle atou as mans para introducila no vehículo, pero que como unha vez dentro a moza non deixaba de resistirse, acabouna esganando, aseguran fontes próximas ao caso. Abuín asegurou á Garda Civil que non chegou a abusar sexualmente da moza. O seu relato ante os axentes incluíu o lugar onde escondeu o corpo. Todo o anterior confesouno no segundo testemuño que prestou en apenas unhas horas ante a Garda Civil tras ser arrestado o pasado venres. Na súa primeira declaración relatara que a morte fora consecuencia dun accidente, que tras atropelala co seu coche, se asustara e decidira desfacerse do cadáver arroxándoo na ría de Arousa e que durante un ano e medio nunca quixo dicir nada.
Segundo fontes próximas ao caso, a Garda Civil nunca deu credibilidade a esa versión. Pesaban algúns antecedentes violentos do detido, un home de 41 anos, habitual dos baixos fondos da comarca de Arousa norte que chegou a ingresar en prisión polos seus vínculos cun clan de pequenos narcotraficantes da zona e algúns episodios de supostos abusos a unha muller da súa contorna. Ademais, equipos dos Grupos Especiais de Actividades Subacuáticas da Garda Civil estiveran rastrexando a ría con embarcacións durante meses, sobre todo despois de que se atopase na auga o teléfono móbil da moza.
As pezas deste sumario empezaron a encaixar por mor da denuncia dunha moza o día de Nadal en Boiro, quen contou que o acusado tentara raptala e metela no maleteiro do seu coche ameazándoa cun coitelo
O segundo relato, contan quen coñecen de preto a investigación, foi o definitivo. As pezas deste sumario, que a Xustiza chegou a arquivar hai algúns meses, e que a Garda Civil seguiu tentando cadrar pola súa conta empezaron a encaixar por mor da denuncia dunha moza o día de Nadal na localidade de Boiro, a uns quilómetros de onde vive o sospeitoso. A muller contou que un home tentara raptala e metela no maleteiro do seu coche ameazándoa cun coitelo pero que os seus berros alertaron unhas testemuñas e que o captor acabou fuxindo nun Alfa Romeo de cor gris, a toda velocidade. A descrición física que deu e os detalles do vehículo que achegaron as dúas testemuñas que acudiron a socorrela cadraban con José Enrique Abuín, que estivo baixo vixilancia da Garda Civil desde o primeiro momento polo caso de Diana Quer, e mesmo chegou a ser interrogado.
Ao pouco de iniciarse as pescudas, os axentes do instituto armado repasaron os ficheiros de pequenos delincuentes e homes que tivesen antecedentes ou vínculos dalgún tipo con casos de abusos sexuais. O seu nome figura no sumario, que o xuíz volveu reabrir, cunha coartada: a que lle proporcionou a súa parella e nai da súa filla, Rosario Rodríguez. Daquela ela asegurou aos axentes da Garda Civil que a noite da desaparición de Diana Quer, a pasara en compañía de José Enrique Abuín.
Tras levar un día detida como suposta encubridora, a esposa do asasino confeso mudou de versión e admitiu que non estaba con el a noite da morte de Diana Quer
Tras levar un día detida como suposta encubridora do crime, este sábado a muller decidiu cambiar a versión acompañada por un avogado de oficio. Admitiu que a noite da morte de Diana Quer non estaba coa súa parella e que tampouco o acompañaba o día de Nadal, cando supostamente tentou raptar á outra moza en Boiro e introducila no maleteiro do seu coche. Tras prestar esa declaración ante a Garda Civil, saíu en liberdade e as cousas puxéronse moi feas para El Chicle. Outros familiares próximos que tamén apoiaran nun primeiro momento a súa versión, refutárona. Ninguén da súa contorna o acompañou a noite en que se perdeu a pista a Diana Quer cando regresaba á súa casa de de verán tras saír ás festas da Pobra.
Ademais, os postes de telefonía sinalaban que un teléfono móbil vinculado ao detido fixera o mesmo percorrido que o de Diana Quer, ata que este foi guindado desde a ponte da Autovía do Barbanza á ría.
O caso ocupou un inxento espazo na prensa e as seccións de sucesos da televisión, que airearon toda caste de rumores sobre a familia
O prazo das 72 horas de detención, o máximo legal, correu moi amodo para o detido. Todos os focos da investigación apuntabano a el que ademais desde o día de Nadal pasara a ser sospeitoso dun intento de secuestro doutra moza. O sábado, tras coñecer que caera a súa coartada, acabou admitindo o crime. Negou que cometese ningún tipo de abuso sobre a a moza madrileña.
As forzas e corpos de seguridade do Estado deron desde o o primeiro momento á desaparición de Diana Quer rango de investigación preferente na que participaron decenas de axentes e expertos en crimes de distintas unidades da Garda Civil.
O caso da desaparición de Diana Quer, unha moza madrileña habituada a pasar as súas vacacións de verán en Arousa en compañía da súa nai e a súa irmá, desatara unha gran alarma ocupando un inxente espazo na prensa e as seccións de sucesos dos programas de televisión que durante ano e medio airearon todo tipo de rumores sobre a familia e os pais, que estaban separados.