Centos de madriñas para mudar dez hectáreas de eucaliptos nun bosque autóctono

Traballos no monte Froxán, en Lousame CC-BY-SA ColunaSanfins

Transformar dez hectáreas de monte ateigadas de eucaliptos nun bosque de árbores frondosas autóctonas. Ese é o obxectivo da campaña de micromecenado que veñen de lanzar esta semana Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfins e a comunidade de montes local. O obxectivo é unha parte do monte Froxán, en Lousame, recoñecido en 2017 pola ONU pola súa xestión participada e conservación, sendo o primeiro en todo o Estado en ser incluído no rexistro  das Nacións Unidas de Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais. 

A campaña de micromecenado permite "amadriñar" desde unha árbore a unha fanega enteira

Con esta iniciativa de crowdfunding, calquera persoa ou entidade ten a posibilidade de "amadriñar" desde unha única árbore até unha fanega enteira (2.100 metros cadrados) do monte Froxán. Coas achegas recibidas -recadáronse xa case 3.000 euros-, as entidades promotoras pretenden transformar esas dez hectáreas dominadas por eucaliptais nun bosque de frondosas autóctonas. Isto impedirá no futuro, segundo unha das coordinadoras do proxecto, Iolanda Mato, “o avance de lumes"  e tamén "garantirá a regulación hídrica e restaurará a biodiversidade actualmente degradada pola expansión de especies exóticas”.

O obxectivo é tranformar dez hectáreas dominadas por eucaliptos nun bosque de frondosas autóctonas

Son xa case un cento as madriñas implicadas, que poderán localizar o seu anaco de monte e seguir o desenvolvemento do proxecto a través dun mapa online. Ademais, facendo unha achega de 5 euros ou máis, os organizadores colocarán unha pedra co nome da persoa ou entidade ao pé das súas árbores como recoñecemento físico permanente.

De alcanzarse o obxectivo óptimo de financiamento (5.000 euros), segundo advirten os promotores, plantaranse máis de 13.000 árbores, principalmente a través do programa de voluntariado Montescola, que implica nenas e nenos no coñecemento, restauración e posta en valor do monte veciñal. En 2017 xa participaron nesta experiencia piloto máis de 300 escolares galegos acompañados das súas familias e docentes. “Con esta campaña pretendemos dar continuidade e expandir esta experiencia”, afirma Mato, da Coluna San Fins.

O propósito é plantar máis de 13.000 árbores de alcanzarse o obxectivo de financiamento

Ademais de facer posíbel entre todas as persoas colaboradoras este novo bosque, os promotores lembran que as achegas realizadas a través da Fundación Kukumiku son deducíbeis en Facenda e permiten participar en varios sorteos, incluíndo o dunha noite para dúas persoas nunha casa rural ou de varios exemplares da Guía para o descenso enerxético. Desde as entidades promotoras salientan como o resultado final desta iniciativa será “un bosque único, froito da participación cidadá” e convidan a todo o mundo a facer parte e axudar na súa difusión nas redes sociais e no boca a boca.

Unha xestión modélica

Foi en 1928, a través do pagamento de 6.049 pesetas, cando os habitantes de Froxán (Lousame) fixéronse coa propiedade das 100 hectáreas de monte sometidas ao sistema de foros ata ese momento. Da extensión e límites dese monte, que a partir dese momento pasaba a ser comunal e veciñal, había rexistros xa dende o século XV. Malia a compra, o Estado non respectou o carácter comunal destes terreos, realizando nas décadas seguintes concesións mineiras ou decidindo determinadas explotacións forestais.

Non foi ata 1977 que os dereitos da Comunidade de Montes foron recoñecidos legalmente, despois de que en abril de 1975, os comuneiros llo reclamasen ao Gobernador Civil a través dun escrito asinado por todos. Dende aquela, a Comunidade vén xestionando o monte, garantindo a súa conservación e uso sustentable, e traballando na recuperación dos espazos degradados pola minaría ou na limitación da extensión do eucalipto e da acacia, substituídas por castiñeiros ou carballos. Así mesmo, potenciouse o coñecemento da contorna a través dunha Aula da Natureza pola que pasan centos de escolares.

"Os veciños sempre apostaron por manter as carballeiras existentes e non substituílas coma noutros lugares"

Tal e como destacaba nunha reportaxe en Praza.gal Lucía Cao, coordinadora da actividade desta comunidade de montes, o eucalipto foi reducindo a súa extensión e a veciñanza sempre mantivera unha preocupación por manter o bosque tradicional: "Os veciños, dende que o monte se constituíu oficialmente como veciñal, sempre apostaron por manter as carballeiras existentes e non substituílas coma noutros lugares. Unha actitude que seguramente dende fóra alguén podía ver como 'un atraso".

Cao comentaba que tivera unha grande relevancia o feito de que na vaga de lumes do ano 2006 "a aldea salvouse grazas a que se conservara nas súas proximidades unha carballeira bastante extensa, que detivo as lapas, que si arrasaran todos os eucaliptos. Nese momento moita xente viu a importancia de conservar as carballeiras e evitar os eucaliptos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.