0 Gardados para despois

Ourense inicia o proceso para incrementar as rúas e prazas con nome de muller

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En Ourense está en marcha dende hai unhas semanas un proceso participativo no que a veciñanza a está convocada a propoñer mulleres "relevantes" para lles dar nome as prazas e rúas da cidade. As propostas, de mulleres "preferentemente ourensás e galegas", deben entregarse por escrito e ser acompañadas dunha "memoria explicativa sobre o méritos alegados", sendo rexistradas antes de mediados do mes de febreiro.

Ourense en Común celebra este xoves un encontro aberto coa intención de recoller nomes de mulleres “e dignificalas no espazo público”

A iniciativa parte dunha moción presentada por Ourense en Común (OeC) no pleno municipal do pasado mes de abril, aprobada por unanimidade, que instaba o Goberno municipal a "iniciar os trámites oportunos para a apertura dun proceso de participación veciñal co obxectivo de recoller propostas de mulleres relevantes coas que renomear as prazas 100, 200, 500 e 1000", espazos situados nos barrios de Covadonga, do Pino ou na Barra do Miño.

Para acompañar e impulsar o proceso participativo aberto polo Concello, Ourense en Común celebrou este xoves un encontro aberto coa intención de recoller nomes de mulleres “e dignificalas no espazo público”, no que participaron colectivos feministas da cidade. O grupo municipal de OeC presentará as súas propias achegas a este proceso, que sairán en parte desta mesa de traballo que busca “pescudar no coñecemento e a memoria colectiva,  documentando mulleres relevantes e fitos na loita feminista, que deban transcender e visibilizarse nun símbolo como o rueiro”, explica Ledicia Piñeiro.

Aquela moción de Ourense en Común aprobada por unanimidade demandáballe tamén ao Goberno municipal que lle dedicase unha praza a Asunción González "como homenaxe a quen foi recoñecida como primeira vítima por violencia machista declarada e documentada en Ourense". Asunción González foi asasinada en 1891 pola súa parella -Juan Fernández- e nos últimos anos recibiu varias homenaxes do movemento feminista da cidade no cemiterio de San Francisco, onde está soterrada nunha tumba na que se pode ler "¡¡Pobre Asunción!!" como único epitafio. Juan Fernández (máis coñecido como Juan Xesta), de 21 anos, disparoulle coa súa pistola de dous canóns en plena Praza Maior, ateigada de xente que seguía unha misa do Venres Santo. A crónica publicada polo Faro de Vigo ao día seguinte afirmaba (como recolle La Región) que "se oyó una detonación de arma de fuego que puso en alarma a todos. De las averiguaciones resultó que a Juan González de la parroquia de Reza se le disparó uno de los tiros de la pistola que llevaba".

O pasado mes de xullo o Concello aprobou dedicarlle a Asunción González a denominada praza 1000, situada no barrio do Vinteún. Trátase da primeira vítima por violencia machista documentada en Ourense

O pasado mes de xullo o Concello aprobou dedicarlle a Asunción González a denominada praza 1000, situada no barrio do Vinteún. "Non somos quen de poder devolverlle a vida a Asunción, nin a ningunha das vítimas, pero si podemos xerar un símbolo que permita lembrar cada día a todas esas mulleres sometidas ó longo do tempo á violencia patriarcal", destacaba ese día Ourense en Común.

16% de rúas dedicadas a mulleres en Ourense

O proceso participativo inscríbese no III Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense (2017-2020), no que se fai un chamamento a "reimpulsar a visibilizacion e posta en valor da contribución das mulleres á historia a través da asignación de nomes de mulleres ou de efemérides relacionadas coa igualdade nos novos edificios e dotacións públicas (centros diversos, bibliotecas, salas, etc.) e nas rúas e prazas da cidade". Un obxectivo máis que necesario, á vista da realidade actual do rueiro ourensán.

Hai tres anos as profesoras da Universidade de Vigo Susana Reboreda (de Historia Antiga) e Maribel Doval (Didáctica) presentaron un estudo que detallaba que das 348 rúas con nome de persoa só 56 eran femininos, o 16% do total, unha porcentaxe moi cativa pero que supera á doutras cidades galegas. Porén, destas 56 vías con nome de muller recollidas no rueiro ourensán, o 48% referíanse a relixiosas baixo a denominación de Virxe, Nosa Señora de ou Santa, outro 21,5% estaba referido "a seres mitolóxicos" e outras presentaban nomes tan xenéricos como A Marquesa ou Damas. Apenas un 10% aludía a escritoras ou humanistas e só se atopou unha rúa con nome de científica e outra con nome de personaxe histórico feminino vinculado á cidade. Reboreda e Doval destacaban, ademais, que case ningunha das vías con nome de muller correspondía aos centros de actividade, de comercio ou históricos da cidade, senón que quedaban relegadas “a espazos menos visibles”.

Das 56 vías con nome de muller recollidas no rueiro ourensán, o 48% referíanse a relixiosas baixo a denominación de Virxe, Nosa Señora de ou Santa, outro 21,5% estaba referido "a seres mitolóxicos"

Reboreda e Doval organizaran así mesmo unhas Xornadas de Muller e Urbanismo. Unha nova mirada sobre a planificación urbanística inclusiva, nas que se redactou un manifesto que lles propoñía aos gobernos municipais unha revisión do nomenclátor que contemplase "a incorporación de nomes de oficios tradicionalmente desenvoltos por mulleres (leiteiras, castañeiras, tecelás, parteiras, polbeiras...)", así coma nomes de deportistas, de profesoras universitarias e de científicas, “colocando a muller no papel que lle corresponde e ofrecendo unha representación simbólica dos xéneros máis igualitaria na procura dunha cidade inclusiva”.

A moción de Ourense en Común aprobada en abril subliñaba igualmente que a iniciativa buscaba "saldar unha débeda histórica con moitas mulleres que en Ourense, ao igual que no resto do mundo, foron invisibles a ollos dunha sociedade masculina que limitaba o feminino sempre á esfera do privado". E sinalaba que "son moitos os nomes de mulleres que recoñecer en lugar dos impersoais números ou letras presentes no rueiro de Ourense. Con todo deberán ser as propias veciñas as que fagan chegar as propostas ao concello con máis nomes propios ou xenéricos, lexitimas propietarias de rúas e prazas".

A moción aprobada en abril buscaba "saldar unha débeda histórica con moitas mulleres que en Ourense, ao igual que no resto do mundo, foron invisibles a ollos dunha sociedade masculina que limitaba o feminino sempre á esfera do privado"

En todo caso, a moción suxería tres nomes, a xeito de exemplos. Eran o caso da pontina Delia Delso, que "podería humanizar a hoxe Praza 200 no barrio do Pino polo seu labor como mestra represaliada". De Esperanza Martín Borrajo, que "tería un maior recoñecemento social que a Praza 100 no barrio de Covadonga polo seu compromiso social como pedánea e activista veciñal". E para a praza 1000 na estrada de Barra de Miño propoñía o nomes de Praza das Rianxeiras, "pois é sabido que desta zona proviñan moitas delas e sería recoñecer tamén o seu traballo silenciado".

A situación no resto de Galicia

No resto do país a situación non é mellor, aínda que nos últimos pasos se comezan a dar (tímidos) pasos de cara a reducir a desigualdade e a reparar o esquecemento e silenciamento ao que foron sometidas as mulleres. En Pontevedra son apenas 20, dun total de 196 vías os lugares dedicados a unha persoa concreta, pero o Concello vén de anunciar que incorporará ao rueiro a 27 novas mulleres, entre elas María Victoria Moreno (a quen se lle dedica o Día das Letras neste 2018), a escritora María Vinyals, a aviadora Elisa Patiño y Meléndez, a actriz Josefina Blanco Tejerina, a navegante Isabel Barreto de Mendoza ou Virxinia Pereira, impulsora do Museo de Pontevedra e depositaria do legado de Castelao. Tamén terán a súa rúa Dolores Trabado, primeira taxista da cidade, ou a curandeira Vasquida García, condenada á fogueira por bruxa pola Inquisición.

En Pontevedra son apenas 20, dun total de 196 vías os lugares dedicados a unha persoa concreta, pero o Concello vén de anunciar que incorporará ao rueiro a 27 novas mulleres

En Lugo, apenas o 5% do rueiro está dedicado a mulleres, unhas 35 en total. Un número que foi crecendo nos últimos anos coa incorporación de María Barbeito, Paz Parada Pumar, Concepción Saiz Otero, Olimpia Valencia, Isabel de Zelanda y Gómez, Alicia Vilas, a glorieta 25 de novembro ou da rúa 8 de marzo. Na Coruña o número é algo superior, pero moi lixeiramente. Nos últimos tempos a cidade pasou a contar coa rúa María Wonemburger, a praza 8 de marzo ou a praza Elvira Bao Maceiras.

En Vigo hai uns anos a Concellaría de Muller calculou que dos máis de 1.400 topónimos existentes na cidade, entre rúas, camiños, prazas e parques, só 44 levaban nomes "de muller" (dende entón houbo seis novas incorporacións), referidos a persoas ou a actividades; pola contra, os nomes "de home" superaban os 300. A xeito de comparación, Madrid presenta un 21% de rúas femininas e Barcelona un 19%, aínda que en urbes de menor tamaño as porcentaxes descenden ata o 10% de Valencia ou o 4% de Córdoba. En concellos máis pequenos a situación é mesmo máis negativa, como lembra este traballo escolar dedicado a estudar o rueiro de Ordes, con só 3 mulleres (Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal) nun total de 80 rúas e prazas. 

"A memoria do espazo público é de todas e de todos, é unha ponte entre o pasado e o futuro que temos a obriga de resignificar na promoción dunha maior xustiza social", destaca María Novas

O pasado ano publicouse igualmente un traballo que analizaba a presenza das mulleres no rueiro de Compostela, que amosaba unha situación de gran desequilibrio, cun 9.2% de vías que homenaxean á figuras femininas e un 27,1% que homenaxean figuras masculinas, pero algo máis favorables que a que se dá noutras cidades galegas. María Novas, autora do estudo, subliñaba ademais que unha parte importante correspondía a "santas, virxes, señoras do, fillas de, irmás ou personaxes bíblicas", mentres que os homes estaban maioritariamente "relacionados con postos de poder ou recoñecidos intelectuais e profesionais". "A memoria do espazo público é de todas e de todos, é unha ponte entre o pasado e o futuro que temos a obriga de resignificar na promoción dunha maior xustiza social. Na construción dun territorio inclusivo e diverso, debemos recoñecer e visibilizar as distintas identidades grupais das persoas que o habitan. Só así poderemos camiñar e constituír un espazo público que sexa, dunha vez por todas, un ámbito de igualdade", concluía Novas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.