"O colapso sanitario de xaneiro arránxase en xuño, non en xaneiro"

Protesta de CIG-Saúde de Compostela ante o colapso nas Urxencias do CHUS © CIG-Saúde

A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFeC) difundiu este venres un comunicado que analiza as causas da situacións de colapso que se están a repetir nos servizos de Urxencias de varios hospitais galegos. A entidade reclama melloras de xestión e de financiamento na Atención Primaria e nos Centros de Saúde, subliñando que "o colapso sanitario de xaneiro arránxase en xuño, non en xaneiro". "As estratexias de abordaxe dos problemas epidemiolóxicos, como vemos anualmente grazas ao virus da gripe, non pasan pola Atención Hospitalaria que se colapsa por esta época. Tratar así aos cidadáns non é digno. Mal tratar aos profesionais da saúde tampouco", subliña, lembrando que a Atención Primaria "debe ser o eixo da xestión da saúde da poboación" e que a prevención pode evitar as situacións puntuais de colapso que se producen no inverno por mor da gripe.

A asociación critica, sobre todo, a xestión dos recursos humanos realizada pola Consellaría de Sanidade: "falta de reposición de profesionais que se xubilan, temporalidade nas contratacións, non cobertura dos días de descanso..."

A asociación critica, sobre todo, a xestión dos recursos humanos realizada pola Consellaría de Sanidade: "falta de reposición de profesionais que se xubilan, temporalidade nas contratacións, non cobertura dos días de descanso, crecente asignación de novas responsabilidades a Atención Primaria sen o consecuente incremento da súa capacidade resolutiva nin a dimensión das axendas de traballo, implantación vertical de cambios organizativos sen contar coas achegas no seu deseño e planificación dos profesionais aos que se dirixen...".

"Faltan 365 días para o próximo colapso hospitalario pola gripe. A crítica fácil, a indiferenza cara aos profesionais dos centros de saúde non serviu para mellorar a atención á gripe deste ano"

AGAMFeC conclúe que "é urxente cambiar a xestión de recursos humanos para que Atención Primaria poida facer o que se sabe facer: responder as necesidades de saúde da poboación, tanto nos problemas agudos, como nas enfermidades crónicas; con máis énfase no seguimento das persoas que máis o necesitan (pola súa idade, fraxilidade, riscos)". "Faltan 365 días para o próximo colapso hospitalario pola gripe. A crítica fácil, a indiferenza cara aos profesionais dos centros de saúde non serviu para mellorar a atención á gripe deste ano", remata.

Hai dúas semanas os presidentes da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFeC), a Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia (SEMG –
Galicia) e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), asinaron unha carta dirixida ao presidente da Xunta de Galicia e ao conselleiro de Sanidade, na que solicitaban a retirada do anteproxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia do ano 2008, xa que consideraban que “resulta claramente prexudicial para o desenvolvemento da Atención Primaria”.

"O financiamento da Atención Primaria de Galicia situarase no 13%, lonxe das recomendacións que o sitúan no 25% do gasto sanitario para que o sistema poida ser sostible"

"O financiamento da Atención Primaria de Galicia situarase no 13%, lonxe das recomendacións que o sitúan no 25% do gasto sanitario para que o sistema poida ser sostible. Se centramos a meirande parte do investimento en curación e tratamento, e menos en prevención e promoción da saúde, característicos da Atención Primaria, o futuro que nos espera é desolador", alertaban, e demandaban "melloras estruturais e de financiamento" da Atención Primaria galega.

 

Críticas polo "colapso"

Mentres, sindicatos, asociacións profesionais e de usuarios/as, continúan a criticar as deficiencias nos servizos sanitarios galegos e o "colapso" nas Urxencias de varios hospitais. É o caso de Compostela. Este venres CIG-Saúde levou a cabo unha acción no Hospital Clínico de Santiago. “Atópase unha vez máis, nunha situación de cronicidade pola saturación dos doentes, camas e familiares nos corredores, coa consecuente sobrecarga de traballo para as e os profesionais. Unha imaxe habitual ano tras ano”, denunciou o sindicato.

Na maioría dos centros de Atención Primaria "non se cobren os permisos do persoal (vacacións, baixas laborais...), o que obriga a forzar citas a maiores nas axendas do persoal reducíndose a calidade asistencial e o tempo dedicado"

CIG-Saúde sinala que coa chegada do inverno, das enfermidades desta época e coas necesidades das e dos doentes crónicos, se repite a saturación. Asegura que non hai unha alternativa á hospitalización convencional e que tampouco se poden abrir máis camas no Hospital Gil Casares ao non existir máis médicos internistas. E, igualmente, critica que na maioría dos centros de Atención Primaria "non se cobren os permisos do persoal (vacacións, baixas laborais...), o que obriga a forzar citas a maiores nas axendas do persoal reducíndose a calidade asistencial e o tempo dedicado". O sindicato vén lembrando nos últimos anos que a Atención Primaria, "porta de entrada ao sistema sanitario", non ten persoal suficiente para atendela. "O colapso en Urxencias é consecuencia das carencias en Atención Primaria", salientaba hai dous invernos María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, en conversa con Praza.

 

Protesta de CIG-Saúde de Compostela ante o colapso nas Urxencias do CHUS © CIG-Saúde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.