Carolina del Olmo publicou no ano 2013 ¿Dónde está mi tribu?: Maternidad y crianza en una sociedad individualista, un libro que se converteu en todo un éxito (vai xa pola súa novena edición) grazas a unha achega social e crítica á cuestión da maternidade, e defendendo a crianza e a interdependencia como dereitos, limitados polas esixencias do actual sistema económico. Filósofa e na actualidade directora de publicacións do Círculo de Bellas Artes de Madrid e da revista Minerva, Carolina del Olmo protagonizará o vindeiro sábado 27 unha sesión de debate dentro do ciclo NEXOS, que se celebra na Cidade da Cultura.
Baixo o título de A quimera da conciliación. Crianza, coidados e traballo doméstico no século XXI, a súa intervención comezará ás 12 do mediodía, e o prezo da entrada é de 3 euros. En paralelo, desenvolverase unha sesión Nexos Infantil que traballará cos nenos e nenas participantes a conciliación dende o seu punto de vista, respondendo a preguntas como "Quen coida de min? Por que a miña familia ten tan pouco tempo para xogar comigo? Por que teño que estar tantas horas no cole, e non me queda tempo para facer outras cousas?".
"As longas xornadas laborais e os baixos salarios inclinan a balanza cara a unha crianza que adestre os nenos para reducir o seu impacto na vida adulta"
O seu libro loita contra a tendencia dominante á individualización e psicoloxización de todos os problemas, subliñando que a maternidade é "un lugar atravesado pola economía, a política e a moral e que ao mesmo tempo constitúe o centro da nosa estrutura social e lle dá forma ao sentido común e á ética compartida". Dende este punto de vista pide "falar do tema: negarnos a que a maternidade sexa algo que sucede nos parques e entre as paredes das nosas casas" e propón poñer "os coidados, a interdependencia e a vulnerabilidade" no centro do debate, entendendo os fillos e fillas como riqueza e non como carga. E demandando políticas que promovan unha conciliación de "verdade", pois na actualidade "as longas xornadas laborais e os baixos salarios inclinan a balanza cara a unha crianza que adestre os nenos para reducir o seu impacto na vida adulta".
No libro e nalgunha entrevista fuches crítica co propio termo conciliación, sinalando que subliña a existencia de dous espazos completamente separados, que hai que encaixar un no outro. Como valoras as políticas e fórmulas de conciliación existentes na actualidade?
O termo conciliación é certo que dá a entender que hai dúas realidades separadas que hai que harmonizar, que hai dous intereses e dous mundos distintos que convén reunir a través dalgunha fórmula. Isto, en si mesmo, é un desastre, e é consecuencia do mundo moderno capitalista, que segregou completamente o ámbito da produción do ámbito da reprodución; encerrou a reprodución nese espazo doméstico que ten sido tan opresivo e do que as mulleres tiveron que loitar por saír. E así, unha vez que están separados eses dous ámbitos e que funcionan con lóxicas distintas, prodúcese un choque e temos a impresión de que non encaixan ben, sobre todo a partir de que a muller se incorpora de forma masiva ao mundo do emprego. É entón cando xorde o tema do deficit dos coidados e a pregunta de quen vai coidar dos nenos, dos anciáns, dos dependentes. E, en consecuencia, aparecen as políticas de conciliación, para dar resposta a este conflito.
"O termo conciliación dá a entender que hai dúas realidades separadas que hai que harmonizar. O mundo moderno capitalista, que segregou completamente o ámbito da produción do ámbito da reprodución"
O problema das políticas de conciliación que existen hoxe en día é que son claramente tendentes a subordinar a vida reprodutiva á vida produtiva. As políticas de conciliación teñen que ver con ir solucionando o coidado dos nenos ou anciáns para que poidamos seguir rendendo no mundo laboral. É certo que hai políticas ben orientadas, como por exemplo a posibilidade de coller unha excedencia e volver ao teu posto de traballo, seguir cotizando polo teu horario completo aínda que teñas unha redución de xornada... Pero en xeral, son fórmulas que subordinan a vida ao laboral. Moitas veces, cando se intentan facer propostas para mellorar esta situación, suxírese que isto se solucionaría cunha implicación ao 50% dos varóns, ou cunha racionalización de horarios, ou con máis investimento público en garderías ou residencias... Evidentemente todo isto melloraría as cousas, pero ao mesmo tempo ignora a base do problema.
"O problema das políticas de conciliación que existen hoxe en día é que son claramente tendentes a subordinar a vida reprodutiva á vida produtiva"
É posible unha crianza e unhas relacións de coidados satisfactorias dentro do actual marco económico capitalista?
O que eu proporía para avanzar nese obxectivo serían medidas encamiñadas a roubar centralidade ao emprego, como diminuír as horas de traballo, e rexeitar a actual identificación do emprego como única forma posible de independencia económica; debe haber outras fórmulas, sobre todo nun tempo como este no que non hai e non haberá emprego suficiente. Tamén desligar completamente os dereitos sociais do emprego. Unha crianza satisfactoria é posible neste sistema? Si, pero só para que o poida pagar, estamos encamiñándonos cara a un mundo no que coidar persoalmente dos teus fillos vai ser un luxo, algo que non encaixa na túa vida a non ser que te poidas permitir economica e legalmente unha excedencia.
Unha das cousas que máis chamou a atención do libro foi o feito de tratar a crianza como unha cuestión social e non individual, algo que só sucede entre as paredes da casa ou no parque. Pásase por alto habitualmente que a maternidade está atravesada por múltiples procesos económicos e sociais que non poden ser ignorados?
Ese era o grande obxectivo do libro: se fallan cousas na maternidade -que é obvio que fallan- o que necesitamos non é máis atención á nai-individuo e ao pai-individuo e ao neno-individuo, senón que necesitamos unha nova resocialización da maternidade, necesitamos repensar socialmente como organizamos a maternidade e a crianza. Hai que ir máis alá de dar pautas de conduta individuais.
"Necesitamos repensar socialmente como organizamos a maternidade e a crianza. Hai que ir máis alá de dar pautas de conduta individuais"
No libro propós crear una narrativa do común que teña en conta a vulnerabilidade, a interdependencia, os coidados..., que os poña nun primeiro plano e no centro do debate. Non só como necesidade senón como dereito? A crianza é un dereito?
Estamos nun momento de transición e de reformulación de conceptos. Os coidados foron escravitude para moitas mulleres, pero iso non nos pode cegar á hora de velos tamén como un dereito. Vivimos nun sistema económico e social que che impide gozar do dereito á crianza ou ao coidado e que che impide asumir o que en parte é unha obriga moral: corresponder a unha redes de coidado que che permitiu existir. Somos seres vulnerables e moi dependentes; se somos adultos é porque primeiramente fomos coidados, recibimos horas e horas e horas de coidados. Cando as feministas falamos de poñer a vida e o seu sostemento no centro do debate, e de reducir a centralidade do económico, do competitivo, do capitalismo, creo que é fundamental facelo reconceptualizando a idea do coidado. E iso non significa idealizar os coidados e asumir que estamos moi a gusto só facendo isto.
"Os coidados foron escravitude para moitas mulleres, pero iso non nos pode cegar á hora de velos tamén como un dereito"
Como é unha crianza feminista?
A identificación dos nenos como suxeitos políticos de segunda, como seres carentes de dereitos e de voz, e o feito de que as mulleres tivésemos que loitar moitísimo para saír desa mesma posición de seres de segunda, creo que nos permite unha identificación dende un punto de vista feminista. Creo que unha crianza feminista non é calquera crianza que faga unha muller feminista, senón que contén en si uns valores de respecto e de empoderar os nenos e nenas.
Falta reflexión sobre a maternidade dende o feminismo ou dende visións críticas?
Hai un feminismo da diferenza que si reflexionou moito sobre a crianza, pero si que é certo que o feminismo máis coñecido, máis mainstream, foi bastante pouco maternal. En parte por unha oposición aos discursos máis biolóxicos e naturalistas, que parece que relegan á muller a unhas determinadas funcións, nun segundo plano en relación cos homes ou coas mulleres que non parían; ese espazo que ocupan os varóns, que é o espazo do poder, de visibilidade e onde pasan cousas chulas. O que houbo, sobre todo, foi unha falta de discurso e de reflexión sobre estas cuestións, o que é moi sorprendente cando estamos falando dun proceso vital importantísimo para todas as mulleres que foron nais e para moitos homes que foron país. Só nos últimos anos o feminismo comeza a tratar este tema con profundidade, achegando unha visión feminista forte sobre o tema.
"Unha crianza feminista non é calquera crianza que faga unha muller feminista, senón que contén en si uns valores de respecto e de empoderar os nenos e nenas"
En xeral, o feito que a esquerda minusvalorase e descoidase os discursos sobre a importancia da familia e da maternidade significou entregarlle todo este campo -que segue a ser fundamental- á dereita e a ideoloxías reaccionarias?
Si, é verdade, é realmente rechamante. É certo que houbo que dar outras moitas loitas, todas fundamentais, que seguramente relegaron este tema. Pero dá rabia ver como dende a esquerda e o feminismo a imprescindible loita por acadar un aborto libre e gratuíto deixou nun plano moi secundario a demanda de axudas para as mulleres que si queren ser nais. E ao final quen está axudando a esas mulleres son asociacións moi pouco recomendables e moi reaccionarias, dependentes do Opus; un apoio moi limitado no económico, iso si, pero apoio. E isto dende o feminismo e dende as políticas progresistas descoidouse moitísimo.
"Dende a esquerda e o feminismo deixouse nun plano moi secundario a demanda de axudas para as mulleres que si queren ser nais. E ao final quen está axudando a esas mulleres son asociacións moi pouco recomendables e moi reaccionarias, dependentes do Opus"
Houbo moitos erros de discurso, por exemplo en todo o que ten que ver coa familia, ou en todo o ligado coa bioloxía ou a natureza, que quedou todo en mans da reacción. É certo que a crítica á familia como estrutura patriarcal que oprime a muller foi imprescindible, pero había que articular esa critica cun discurso e políticas que tivesen en conta as dificultades de manter unha familia nun contexto de capitalismo avanzado.
Cal é o papel dos homes na crianza? Non me refiro ao imprescindible reparto igualitario de tarefas e tempos, senón a unha cuestión máis de base, de relación co neno ou nena?
A min gústame pensar que unha nai pode ser calquera, home ou muller, sexa o pai/nai biolóxica ou non, que ese papel o pode asumir calquera. Hai quen me acusou de banalizar a maternidade como feito diferencial feminino, pero si creo que un home pode criar un neno ou nena e establecer cono eles unha relación maternal. Socialmente paréceme tan importante ver que calquera pode asumir ese labor de coidado atento e centrado no bebé, que podo desestimar o feito -seguramente real- de que nos primeiros meses a nai é seguramente máis indicada para o coidado. E sen banalizar o papel importante da lactancia e outras cuestións, creo que o pai pode ser tamén unha nai.
"Hai quen me acusou de banalizar a maternidade como feito diferencial feminino, pero si creo que un home pode criar un neno ou nena e establecer cono eles unha relación maternal"
No libro destaca como nas últimas décadas se foron debilitando as redes sociais fortes que antes constituían as nosas comunidades, algo que tivo efecto na crianza e en moitos máis ámbitos. É posible construír de novo eses lazos comunitarios?
Ese é o quid da cuestión, pero non só para a crianza, senón para todo, para calquera forma de acción política transformadora na actualidade, dende o sindicalismo aos grupos de apoio mutuo en barrio, necesitamos ser quen de restablecer lazos e fraternidade. É posible? Eu penso que si, porque é a única forma. Temos que traballar para construír uns lazos que non leven aparelladas as xerarquías desagradables das que nos seu día fuximos. Creo que o fastío xeral polo individualismo está en todas partes, esa versión amable do individualismo que te permite ser libre e hedonista xa non a cre ninguén, creo que están á vista as desvantaxes deste individualismo exacerbado. E hai mostras de recuperación de conexións sociais, tamén na crianza, con persoas, parellas, amigos, que se xuntan para apoiarse nese proceso. Esta reconstrución de lazos é máis necesaria que nunca é á vez máis difícil que nunca.