"O actual modelo forestal da Xunta só favorece a colonización dos montes por especies pirófitas"

Presentación da rede 'Cousa de Raíces' © ADEGA

O pasado 19 de outubro rexistrouse no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a defensa do Bosque Autóctono e a Loita contra os Incendios Forestais. Galicia acababa de sufrir a peor vaga de lumes da última década, aínda que o texto levaba tempo en preparación, grazas ao impulso de Cousa de Raíces, unha rede na que colaboran ao redor de 60 entidades de todo tipo: ecoloxistas, comunidades de montes, cooperativas e asociacións de produtores... O documento propón unha moratoria á plantación de máis eucaliptos ata que non se avalíe o seu impacto e a prohibición total de especies coma o Eucalyptus nitens, que deberían ser erradicadas progresivamente. Ademais, promóvese o recoñecemento do valor das especies arbóreas autóctonas e do servizo que ofrecen á sociedade, así como medidas para loitar contra o abandono do rural. Trátase da terceira ILP forestal promovida en Galicia nos últimos 30 anos.

O documento propón unha moratoria á plantación de máis eucaliptos ata que non se avalíe o seu impacto e a prohibición total de especies coma o Eucalyptus nitens, que deberían ser erradicadas progresivamente

A iniciativa, que debe recoller 10.000 sinaturas antes do 24 de marzo, foi presentada ese martes en Lugo e nos vindeiros días realizará actos semellantes na Coruña e Ferrol (venres 26) e Lalín (8 de febreiro). Na cidade das murallas Roi Cuba (Cousa de Raíces) destacou que na actualidade case un de cada cinco metros cadrados do solo galego está ocupado por eucalipto (o 17% da superficie total), denunciando que "o actual modelo forestal da Xunta só favorece a colonización dos montes por especies pirófitas e foráneas, o abandono das terras agrarias, a desestruturación dos montes veciñais e a tala de frondosas para a súa posterior eucaliptización". Ademais da campaña de recollida de sinaturas, a rede Cousa de Raíces está a manter conversas cos distintos grupos parlamentarios de cara á toma en consideración da iniciativa na cámara. Roi Cuba destaca neste senso a crecente "sensibilidade" existente na sociedade galega con respecto a este tema, provocada en boa medida polos terribles incendios sufridos o pasado mes de outubro.

A iniciativa debe recoller 10.000 sinaturas antes do 24 de marzo

"Xa é hora de cambiar o modelo forestal, de abandonar o monocultivo de especies pirófitas, de fomentar todas as potencialidades dos nosos montes, non só a forestalista, e de procurar o asentamento da xente no rural. Se non comezamos a actuar nesta dirección en serio, a problemática dos lumes será cada vez maior, axudada polos efectos do cambio climático", destácase na proposta, que denuncia que "o forte aumento do eucalipto" viuse favorecido nas últimas décadas "por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido". A proposta pon o foco igualmente na crise do mundo rural, o abandono agrario e o posterior despoboamento destas zonas, "caldo de cultivo para os lumes forestais, favorecidos pola mudanza climática e o carácter pirófilo das especies forestais empregadas". "As políticas aplicadas desde a entrada en vigor do Plano Forestal (1992) non conseguiron compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais, particularmente dos bosques autóctonos, historicamente degradados e cada día máis diminuídos en relación coas plantacións de árbores de crecemento rápido", conclúe.

 

As medidas que propón a ILP

Pídese a recuperación dos 100 metros de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa e o incremento das faixas de separación das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas e vías de comunicación

Entre as iniciativas que recolle a normativa proposta por esta ILP recóllese o decreto de moratoria para as novas plantacións de eucalipto, xa que esta especie xa sobrepasou en máis do dobre o límite máximo de capacidade establecido para ela no Plan Forestal de Galicia vixente. Tamén se propón a súa eliminación dos espazos naturais protexidos como Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico. En Portugal tomouse xa esta decisión o verán pasado, dada a elevada concentración desta especie nalgunhas zonas (ocupa o 9% da superficie, sobre todo no norte e centro do país). A ILP propón igualmente a prohibición do eucalipto nitens, por estar considerado en informes do propio Ministerio de Medio Ambiente unha especie exótica altamente invasora e perigosa, así como a plantación doutras especies exóticas invasoras que atentan contra a nosa biodiversidade

Na loita contra os lumes, pídese a recuperación dos 100 metros de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa e o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación, etc. Cun perímetro de exclusión dun mínimo de 50 metros das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos. Así mesmo, apóstase pola promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de desbroce e prevención de incendios. E determínase que os cultivos forestais destinados a biomasa deberán ter turnos maiores de 10 anos.

Proponse o fomento da silvicultura para a produción de madeiras de calidade, o apoio de iniciativas de transformación de produtos do bosque e axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos

A iniciativa lexislativa busca igualmente fomentar "a conservación, investigación e a sutentabilidade das especies propias e das masas de frondosas", para o que esixe "a realización urxente do Inventario de masas de frondosas autóctonas, pendente dende 1992". Aposta tamén polo seu aproveitamento sostible nos montes veciñais en man común, nos montes de xestión pública, ademais de incentivar que os particulares tamén aposten polo bosque galego e os seus recursos e servizos.

Neste senso proponse unha reserva ecolóxica para bosque nativo en plantacións forestais (do 30% en eucaliptais). E, así mesmo, o fomento da silvicultura para a produción de madeiras de calidade, o apoio de iniciativas de transformación de produtos do bosque e axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non produtivas. "Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación e aproveitamento sustentábel", destaca a proposta de Cousa de Raíces.

Esíxese a eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e dos eucaliptos fóra de ordenamento, fomentando a incorporación destas superficies ao Banco de Terras

A ILP pretende finalmente contribuír ao asentamento das persoas no rural, "que a xente que queira vivir nel poida ter acceso á terra e vivir dos seus produtos e recursos de forma sostible". Neste senso esíxese a eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e dos eucaliptos fóra de ordenamento, fomentando a incorporación destas superficies ao Banco de Terras. A superficie agraria utilizada en Galicia reduciuse un 14% na última década. O descenso corresponde sobre todo aos terreos dedicados a pastos, que diminuíron un 22% dende o ano 2007. Nese tempo desapareceron máis de 13 mil explotacións e o número de empregos a tempo completo caeu un 38%, ao redor de 40 mil.

 

A ILP necesita reunir 10 mil sinaturas para ser presentada na cámara © Cousa de Raíces
Presentación en Lugo, este martes © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.