0 Gardados para despois

Revolta das Pedradas, 1918: O día que a fame puido máis que o medo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O 9 de marzo de 1918 un grupo de mulleres fala no mercado de Xubia. Nos meses anteriores os prezos non deixaron de subir. Un día de traballo apenas dá xa para mercar unha ducia de ovos. Mesmo disparouse o custo da fariña e do pan, o máis básico. Van falar co alcalde de Narón, que nos as recibe, daquela deciden ir falar cos comerciantes, que están a especular cos produtos de primeira necesidade, enriquecéndose, facendo cartos da fame de moitos. Estes recíbenas a tiros, elas responden con pedras. Viña de comezar a Revolta das Pedradas, que este ano celebrará o seu centenario, e que durante unha semana paralizou a comarca de Ferrolterra, de Valdoviño a Pontedeume, con protestas labregas, folgas obreiras e manifestacións multitudinarias e que saldou coa declaración do Estado de Excepción, a intervención do exército e coa morte de nove persoas, ducias de feridas e un gran número de detencións.

Europa sufría aínda a Primeira Guerra Mundial. O prezo do trigo estaba alto e España aproveitaba esta circunstancia para venderllo aos países máis necesitados, desabastecendo o propio mercado interior. Ademais, os propios vendedores locais acaparaban tamén os produtos máis demandados, á espera de vendelos máis caros. A isto uníanse outras circunstancias, coma os elevados impostos cobrados aos campesiños, coma a contribución dos consumos, moi superior á que pagaban os comerciantes. Fora tamén un tempo de folgas obreiras, e por exemplo os estaleiros de Ferrol levaran a cabo varios paros o ano anterior. 

"A revolta prende porque o descontento era xeral, os prezos non deixaban de subir. Cada vez resultaba máis difícil vivir e as autoridades non facían nada, permitían que se acaparase todo. Había xente que amasaba grandes fortunas a custa da fame"

"A revolta prende porque o descontento era xeral, os prezos non deixaban de subir. Cada vez resultaba máis difícil vivir e as autoridades non facían nada, permitían que se acaparase todo. Había xente que amasaba grandes fortunas a custa da fame. Había ademais moitísimos accidentes no mar, provocados pola presenza de submarinos alemáns, debido ao filoxermanismo do Goberno español durante a I Guerra Mundial. No momento en que falta a fariña ou o seu prezo se dispara, elas organízanse e súmanse todos", explica a historiadora Laura Tato.

Naquel 9 de marzo os disparos dos comerciantes feren a dúas mulleres. A nova espállase pola comarca, de Ferrol a Pontedeume. Son as mulleres as que toman a iniciativa, creando comités, cortando estradas e vías do tren, conseguen que os comerciantes asinen un documento comprometéndose a que os prezos non van subir (aínda que despois este acordo quedaría en papel mollado). "Son os anos do grande activismo do agrarismo e da loita pola redención dos foros, na que as mulleres tiveron moita participación", conta Laura Tato. Entre elas, destacou a decidida actuación das traballadoras da fábrica téxtil de Xubia, que protestaban pola perigosidade do seu labor, as malas condicións laborais e os seus baixos salarios.

Son as mulleres as que toman a iniciativa, creando comités, cortando estradas e vías do tren. "Son os anos do grande activismo do agrarismo e da loita pola redención dos foros, na que as mulleres tiveron moita participación", conta Laura Tato

Convócanse folgas nas industrias e nos estaleiros. E organízase unha manifestación en Ferrol o día 10 ao berro de “Temos fame! Abaixo os acaparadores!”, que vai ser dispersada a tiros causando a morte dun neno de 12 anos, e mais dun traballador do Arsenal, destaca Olaia Ledo. O 13 de marzo, feira en Sedes (Narón), hai protestas ante a casa do alcalde e a Garda Civil de Infantería e Cabalería carga con dureza, provocando cando menos sete mortos e ducias de feridos. "Non se sabe nin se saberá nunca os mortos que houbo. Só se rexistraron os que morreron no lugar dos enfrontamentos ese mesmo día, pero non os que marcharon feridos e morreron despois duns días", di Laura Tato.

Seis mil persoas camiñaron dende Ferrol ata Sedes para dar sepultura aos e ás falecidas. Conta Marcos Abalde que "segundo os testemuños da época, era impresionante o silencio da manifestación solidaria que saíu da Porta Nova até o cemiterio de Sedes. Alí falaron o anarquista López Bouza e o socialista Filgueira Vieites. Na coroa de flores, unha inscrición: Os obreiros do Arsenal de Ferrol ás vítimas de Sedes”. Deste xeito recollía A Nosa Terra a nova da morte dunha das labregas falecidas: "María González Fernández, de coarenta e seis anos, ferida de bala na feira do 13 en Sedes, finouse no hospital de Ferrol (...) ¡Caciques que tedes as mans lixadas de sangue, tod'a augoa do mare non abondará pra lavarvos!". O 15 de marzo comezou unha folga xeral en Ferrol e declarouse o Estado de excepción.

As protestas continuaron varios días, aínda que a revolta foi totalmente esmagada pola brutal actuación das autoridades. En abril houbo un cambio de Goberno no Estado e concedeuse unha amnistía, na que non se incluíron as persoas que estaban presas pola revolta ferrolterrá. Iso si, os alcaldes de Ferrol e Narón víronse obrigados a dimitir, xunto co xefe da garda municipal.

A pesar da importancia destes acontecementos e da fonda pegada que produciron na sociedade que os sufriu, décadas máis tarde caeron no esquecemento, foron silenciados. "En parte, eses feitos quedaron anulados polos sucesos posteriores da sublevación fascista e da guerra de 1936, que arrasou con calquera cousa que puidera ir contra a orde establecida", destaca Laura Tato. "O outro día estivemos nunha charla en Neda con moita participación e de todas as persoas que había só unha lembraba que na súa casa se falara do asunto, pero porque era un neto dun dos mortos. Había xente de idade, de setenta anos, que me preguntaban por que nunca escoitaran falar disto", conta. "Eu creo que neste país se lapidou a memoria histórica en xeral, non só a memoria do 36 e da República. Con esa represión arrasouse toda opción de reivindicación de nada", engade.

"En parte, eses feitos quedaron anulados polos sucesos posteriores da sublevación fascista e da guerra de 1936, que arrasou con calquera cousa que puidera ir contra a orde establecida"

"Estes acontecementos, que deixaron unha fonda pegada nas xentes da zona, non son hoxe todo o coñecidos e recoñecidos que deberan. En ningunha outra zona do país se manifestaron con tanta crueza os conflitos sociais dunha época convulsa nun contexto de Guerra Mundial. Cremos que estes sucesos deben de ter o mesmo recoñecemento que os ocorridos en Sofán, Oseira ou Nebra no principio do século XX, dos que xa se teñen feito multitude de estudos e que gozan dun recoñecemento como capítulos sobranceiros da nosa Historia", afirma Ánxel Rial, responsable local do BNG en Narón, e integrante da Comisión Revolta Popular 1918, que dende o pasado ano está a organizar actos de difusión e recoñecemento en toda a comarca para recuperar a memoria destes feitos. "Somos un pobo que ten unha historia de seu e unha historia de rebeldía. Para nada somos un pobo submiso", subliña Rial. Unha idea na que concorda Tato: "A imaxe da submisión ou da inactividade da sociedade galega é un mito que se vai construíndo ao longo das décadas. Claro que era unha sociedade moi activa, non hai máis que ler a prensa da época para ver que o era".

"A imaxe da submisión ou da inactividade da sociedade galega é un mito que se vai construíndo ao longo das décadas. Claro que era unha sociedade moi activa, non hai máis que ler a prensa da época para ver que o era"

Esta semana celebrouse en Neda unha charla informativa sobre o tema, semellante a outras xa realizadas en Barallobre (Fene), Valdoviño ou Narón. E este domingo, tamén a localidade nedense acollerá un roteiro e a colocación dunha placa conmemorativa. O vindeiro 18 de marzo unha homenaxe en Sedes será o punto central das conmemoracións do centenario da Revolta das Pedradas, un movemento de indignación cidadá de primeira magnitude que non pode ser entendido sen o contexto internacional de crise e carestía provocado pola Primeira Guerra Mundial e polo propio impacto simbólico da Revolución Rusa que comezara poucos meses antes en San Petersburgo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.